Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Sinala Mila Castro que non se deben confundir os problemas que afectan á seguridade cidadá ou os actos que efectúan persoas incumprindo a lexislación en materia de orde pública; con necesidades sociais que requiren unha intervención moi diferente. Recorda que o concello de Santiago dispón de dous departamentos que abordan as necesidades sociais da veciñanza, e interveñen coas persoas que están afectadas por algún tipo de conduta adictiva. Son o departamento municipal de Servizos Sociais e a Unidade Municipal de Atención ás Drogodependencias (UMAD). Toda aquel veciño ou veciña de Compostela que careza de recursos económicos para a cobertura de necesidades básicas, pode recorrer aos Servizos Sociais. E toda persoa que resida no municipio, e que presente un problema de adición a substancias, sabe que conta coas medidas de atención e os programas de intervención que se desenvolven na UMAD.
A concelleira indica que lle preocupan “as persoas que están nesta situación, pero igualmente nos preocupan as veciñas e veciños que están ao seu carón, que se ven afectados por problemas comunitarios” que poden incidir, nun momento dado, na súa seguridade”. Pero esa intervención, explica, require “o compromiso das administracións públicas”, dos corpos e forzas de seguridade, das instancias xudiciais, dos servizos sanitarios que tratan as condutas adictivas e “por suposto, dos Servizos Sociais” que acompañan a intervención destes dispositivos garantindo a cobertura de necesidades básicas, mentras as persoas están a participar en accións terapéuticas.
Sobre a implementación dun programa de inclusión social para a zona de San Pedro, Belvís e o casco histórico, Mila Castro afirma que o departamento de Servizos Sociais xa ven traballando desde hai tempo nesa dirección, pero para todo o municipio. Un programa de inclusión social que, lembra, se reforzou coa incorporacion dunha psicóloga, unha traballadora social para intensificar as saídas nocturnas que veñen realizando os profesionais de Cruza Vermella; e con dous pisos que se suman aos dous que xa existían, destinados a garantir o aloxamento e benestar daquelas persoas que o precisen.
A responsable de Políticas Sociais e Saúde recorda que a UMAD conta cun Plan de prevencion e inserción de drogodependencias, pero que, a maiores destes recursos, debe existir “a vontade das persoas para entrar nun proceso de cambio”. E continua, “si esas persoas non se atopan nesa situación ou non deciden abordar correctamente as súas necesidades ou as súas condutas aditivas, se nalgún momento realizan actos contrarios á seguridade cidadá, obviamente e como non debe ser de outra maneira, deberase aplicar a lexislación coas medidas que se contemplen ao respecto”.
Por último, Mila Castro manifestou o seu “firme” compromiso de reforzar todas aquelas iniciativas e intervencions que sexan precisas “para garantir a protección das persoas, o seu benestar, e por suposto, a convivencia positiva no eido intrafamiliar e comunitario, pero sempre respectando ao máximo a lexislación vixente na materia”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela