Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O Goberno de Sánchez Bugallo impulsou unha solución de consenso para a parcela do antigo Peleteiro na que se recuperaba un espazo, actualmente abandonado, para uso e desfrute da cidadanía. O proxecto de modificación puntual do PXOM que hoxe levaba a pleno o goberno, contemplaba unha gran praza pública, con zona verde; un cambio nos usos da edificación, reducindo considerablemente o volume edificable pasando de 23.500 metros cadrados a 19.900. Ademais contemplábase un centro de día e un centro sociocultural. Unha oportunidade para dinamizar o Ensanche e todo Santiago que a oposición do Partido Popular, de Compostela Aberta e do BNG decidiu frear por intereses partidistas, retirando a mirada do proxecto e poñéndoa no único que importa a esta oposición: as eleccións.
Así as cousas, lamentamos que unha oposición desleal coa cidade e instalada na precampaña, xogue co futuro do Ensanche e obrigue aos veciños e veciñas da zona a convivir cun edificio en mal estado durante máis anos. Ou o que pode ser peor, obrigue aos veciños a renunciar a un centro de día, a un centro sociocultural e a unha zona de ocio e desfrute ao aire libre porque, ante o ocurrido hoxe, a propiedade da parcela podería seguir a ordenanza actual para construír unha gran superficie comercial que dinamitaría o proxecto de cidade das persoas, sostible e amable pola que traballa este goberno.
O candidato á alcaldía polo Partido Popular, Borja Verea ordena que o seu Grupo Municipal paralice o proxecto máis importante do Ensanche compostelán e o condena directamente a súa paralización. Tamén a candidata e voceira de Compostela Aberta, María Rozas aposta pola paralización da cidade votando en contra deste proxecto e, o que é peor, incumprindo a palabra dada polo seu grupo a través da súa anterior voceira, Marta Lois e o concelleiro Jorge Duarte que, en rolda de prensa o 24 de xuño deste mesmo ano aseguraron que “adquirimos o compromiso de non bloquear o proxecto […] hai acordo nos 20 metros de amplitude da praza cara República de Arxentina que esiximos e Compostela Aberta vai a viabilizar a modificación do PXOM”.
E a voceira do BNG, Goretti Sanmartín, despois de recoñecer que a proposta que o goberno de Sánchez Bugallo levaba a pleno “indubidablemente mellora a situación actual e foi mellorando desde os seus inicios” optou polo non ao proxecto que a inmensa maioría da veciñanza e comerciantes desexaban ver feito realidade.
Tres responsables políticos deberán render contas aos 26.000 veciños e veciñas do Ensanche que merecían recuperar un novo espazo para as persoas. Nós explicarémoslle a todos e cada un dos veciños e veciñas do Ensanche as consecuencias da decisión do Partido Popular e do resto dos grupos.
Unha gran praza de 49 metros de ancho cara San Pedro de Mezonzo e de 20 cara República de Arxentina terían servido para impulsar a zona. Mais, unha plataforma integrada por un grupo minoritario de veciños dun determinado bloque de edificios quixo facer valer os seus intereses individuais, lexítimos, pero contrarios ao interese xeral da cidade.
Hoxe a oposición votou en contra dun proxecto que contaba cunha maioría absoluta de respaldo social. As asociacións Comercio Punto Compostela, Santiago Centro, o proxecto Em Rede e Agadea amosaron nesta mesma sesión plenaria o seu ánimo porque se viabilizase o proxecto. Tamén a maioría dos veciños do Ensanche ten amosado o seu desexo porque a parcela do Peleteiro tivera unha nova vida. Mais, os intereses partidistas de Borja Verea, María Rozas e Goretti Sanmartín forzan a que o desexo siga sendo iso, un desexo. Aínda que isto hipoteque tamén o futuro do comercio local e condicione a vida dos veciños da zona.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela