Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosou hoxe a súa preocupación ante as concentracións de persoas ante locais de ocio nocturno; e destacou o cumprimento da normativa de aforos por parte dos establecementos do sector hsotaleiro. O rexedor volve pedir prudencia á xuventude, ao ser un dos grupos con menor porcentaxe de vacinados e polo tanto un maior risco de contaxio; nun momento en que os datos evolución da pandemia se sitúan nun nivel descendente, 128 casos por cen mil habitantes a 14 días, e “camiñando cara un nivel baixo”.
Sobre a ampliación do horario nocturno, Sánchez Bugallo pensa que “agravaría o problema”. “Creo que neste momento o horario nocturno está ben, e non hai garantía de que a ampliación de horarios diminúa a afluencia de persoas”. E insiste en que a hostalería está cumprindo en tema de aforos: “precisamente parte do problema que temos nas rúas e porque unha vez completado o aforo, non se permite a entrada de máis persoas. Intentaremos resolver este problema, pero non creando outro”.
Tamén destacou que non se rexistraron incidentes destacables, a pesares do millar de persoas que podía haber nas rúas, ás portas de distintos locais nocturnos, e a pesares das 63 propostas de sanción da Policía Local: dúas por fumar sen manter a distancia de seguridade, 26 no desaloxo dunha festa nun local privado, 20 por consumo de alcol na vía pública, tres por ouriñar na vía pública, outras tres por berrar e cantar na vía pública, e nove por ruidos en pisos.
Ocupación hoteleira
O alcalde recordou que “a tendencia a baixa dos contaxios, permiten a volta progresiva á normalidade da hostalería e do comercio. Neste sentido, destacou os datos do 90% de ocupación durante o mes de agosto, ofrecidos onte pola Asociación Hostalería Compostela, que cualificou de “extraordinariamente positivos”. Revelan, indicou “que as estadías foron similares as de agosto de 2010” e que o número de visitantes nacionais, un 85% do total, compensou a caída do turismo internacional.
Obras
Sobre a reurbanización do tramo da rúa do Hórreo situado fronte á intermodal, o alcalde sinalou que, contaba cunha “complexidade importante”, pero “está indo ben”, a pesares “das probas de carga que tivemos co inicio do curso escolar”.
Sobre a obra da zona de Concheiros, sinalou que a apertura da circulación na Avenida de Lugo cara Rodríguez de Viguri, “permitirá unha mellora na conectividade da zona”. En relación o asfaltado da rúa dos Concheiros, resaltou o “gran esforzo da empresa, pelexando contra os elementos. Intentarán de novo asfaltar esta noite, e se non o sábado. Téñense que dar as condicións para que fragüe”, indicou.
Sánchez Bugallo tamén destacou que se está “facendo todo o que se pode para mellorar as condicións de accesibilidade da veciñanza. E neste sentido imos traballar. Temos 22 obras vinculadas o remanente de tesourería, co obxectivo de rematalas antes do 31 de decembro”. O rexedor adiantou que “desde o Ministerio de Facenda xa nos comunicaron que a súa intención era manter as regras fiscais para 2022, pero está pendente da aprobación do congreso. Isto permitiría, engadiu, financiar as obras non finalizadas a final de ano, con cargo os remanentes.
Orzamentos
Sobre os orzamentos de 2022, o alcalde sinalou que a intención do Grupo de Goberno “é ter formulado un borrador para finais de outubro, aínda que, aclarou, “esperamos a que por parte da Xunta e do Goberno Central se presenten os respectivos orzamentos”, xa que, explicou, a maioría do orzamento municipal é tributario dos presupostos do Estado. A partir de aí, continuou, iniciaríanse os contactos co resto de grupos da Corporación Municipal, “para intentar conseguir a súa aprobación antes de final de ano”.
Estes orzamentos presentánse, sinalou, “coa intención de acadar un acordo viable. Imos intentalo. Oxalá atopemos unha actitude receptiva. A nosa intención é, se podemos, pechar un acordo, aínda que sexa de abstención”.
Comedores
A preguntas dos xornalistas, o alcalde aclarou que as familias que non puideron facer uso do comedor son familias que ou ben non se deran de alta na aplicación ColeChef; ou ben si se deran de alta pero non chegaron a contratar o servizo.
O concello vai ter en conta a esas familias que non se inscribiron ou non contrataron o servizo, e xa abriron hoxe, de xeito excepcional, esas inscricións para que os escolares que o precisen, poidan acudir ao servizo de comedor o luns.
A inscrición debe facerse a través da aplicación ColeChef. Agora ben, desde o departamento de Educación aclaran que acreditada a imposibilidade de dispoñer dos medios para facelo, inclúese ao escolar nas listaxes cos servizos que a familia manifeste de forma manual, especialmente cando son familias vulnerables.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela