Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
A Lei de Titularidade Compartida das Explotacións Agrarias, aprobada por un Goberno Socialista, supuxo un fito para todas aquelas mulleres que, a pesar de traballar na explotación familiar desde hai anos facíano de maneira invisibilizada, non tendo un recoñecemento legal e xurídico dos seus dereitos.
O Goberno de España está a impulsar proxectos con entidades de mulleres rurais de ámbito nacional para impulsar o emprendemento das mulleres na actividade económica do medio rural e o coñecemento das oportunidades que ofrecen os instrumentos da Política Agrícola Común (PAC) para a incorporación de mulleres novas á actividade agraria e o acceso ao resto de medidas dos programas de desenvolvemento rural.
O Goberno de España está tamén impulsando políticas públicas e programas destinados especificamente a garantir o dereito á igualdade das mulleres no ámbito rural. Cabe sinalar a proposta que o Goberno de España realizou para incorporar a perspectiva de xénero desde a Política Agraria Común (PAC) con axudas adicionais a mulleres rurais en todas as estratexias de desenvolvemento promovendo o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, incluíndo a bioeconomía e a silvicultura sustentable.
Con todo, o PSOE é consciente do camiño que queda por percorrer. É destacable a ausencia das mulleres nos postos de representación e gobernanza en organizacións agrarias e en empresas cooperativas. Por exemplo, segundo datos de 2018 do Observatorio Socioeconómico, as mulleres representan un 26 % da base social das cooperativas, pero só un 7,4% está presente nos consellos reitores e apenas un 3,6 % chegou á presidencia.
Todas as Administracións públicas deben traballar unidas para garantir servizos públicos de calidade no ámbito rural. A ausencia deses servizos públicos repercute directamente na vida das mulleres no campo e nos seus dereitos fundamentais. Por unha banda, as que asumen tarefas de coidado de persoas dependentes ante a falta dun servizo de asistencia e, por outro, empuxándoas ao éxodo rural ante a carencia de oportunidades laborais e de formación.
Un obxectivo prioritario para o PSOE é a loita contra a violencia de xénero no ámbito rural. O illamento das mulleres, a distancia dos servizos públicos, as dificultades de desprazamentos ou mesmo as coberturas dos teléfonos móbiles e internet son obstáculos engadidos á dura situación dunha muller que sofre violencia de xénero. Por iso, o Goberno de España impulsou a repartición dos Fondos do Pacto de Estado en 2018 para que todos o municipios de España, incluso os máis pequenos, contasen con fondos para a prevención da violencia de xénero e a información ás vítimas que viven no ámbito rural.
Por todo iso, desde o PSOE comprometémonos a seguir defendendo a igualdade e a dignidade das mulleres no mundo rural, así como o desenvolvemento sustentable dese medio como garantía dun futuro de progreso e oportunidades para toda a cidadanía.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela