Sánchez Bugallo supera a moción de confianza ao aprobar o pleno, inicialmente, o proxecto de orzamentos de 2021

“Santiago ten hoxe os orzamentos aprobados inicialmente”. Así o destacou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de  prensa despois dun pleno extraordinario no que as contas para o 2021, que sobrepasan os 125  millóns de euros, se someteron a unha moción de confianza. Sairon adiante cos dez votos a favor do Grupo Socialista e os oito votos en contra do PP. Compostela Aberta e BNG ausentáronse do pleno, polo que se conta como unha abstención. Sobre o resultado, o rexedor sinalou: “expresamos unha satisfacción razoable; e agradecemos a actitude construtiva, non o discurso, dos grupos da oposición”. E sobre os presupostos destacou que son os  “máis necesarios da historia moderna deste concello, os máis sociais e os máis inversores”.

Sánchez Bugallo, durante a súa comparecencia en rolda de prensa despois do pleno.

O alcalde sinalou que esta aprobación permite “desbloquear determinadas adxudicacións como o do Servizo de Atención no Fogar (SAF), ou o de parques e xardíns; e viabilizar outros contratos como o da limpeza”.  Lamentou que os orzamentos saian adiante “en medio dunha certa confrontación política”, e defendeu que vinculalos a unha moción de confianza “é un mecanismo legal, así establecido na lei, xustamente para evitar que se poidan producir obstrucionismo, e que nos concellos pase o que pasou na administración xeral do Estado, que en 2019 e 2020 non puido aprobar os presupostos e tivo que continuar cos prorrogados de 2018”.

No caso de que os orzamentos do concello se tivesen que prorrogar, explicou, “non habería investimentos, e tampouco se poderían contratar  os novos servizos, porque teñen un custe máis elevado que os anteriores e a intervención tería que bloquear a súa contratación por insuficiencia de cobertura presupostaria”. O alcalde sinalou que “nos gustaría dispor de máis recursos, tanto para servizos como para investimentos, pero son os orzamentos dos que podemos dispór”.

Engadiu que o goberno “ten que administrar o que ten, non o que lle gustaría ter. E o executivo municipal exerce esa responsabilidade independemente do custe político que poida ter, porque entendemos que é a nosa obriga pagar ese custe político antes ca deixar á cidade de Santiago sen presupostos”. O alcalde recordou que das catro cidades galegas sen gobernos de maioría absoluta, Compostela é a única que ten orzamentos neste momento”.

Sobre a oposición, sinalou que “teñen que facer o mesmo esforzo que fai o goberno”. Recordou que hai cinco millóns de euros de remanentes, “unha cifra importante”,  non comprometidos, dos que dous millóns se poden destinar a axudas aos sectores máis afectados pola pandemia, e os outros tres a investimentos.

A preguntas dos xornalistas, Sánchez Bugallo recordou que a negociación dos orzamentos foi “un proceso dunha certa confrontación, no que o goberno actuou responsablemente e cumpliu coa súa obriga. A oposición tivo unha oposición moi dura, pero construtiva”. Engadiu que lle parecería grave “que hoxe se bloqueasen os orzamentos e que tivesemos que quedar un mes ao sol, esperando non se sabe que. Iso sería unha posición obstrucionista e nada construtiva. Iso non sucedeu. Para min as palabras son importantes, pero os feitos son máis importantes cas palabras”.

En opinión do rexedor, a cidadanía “non gañaría nada se prolongasemos un proceso de negociación incerto e indeterminado no tempo, e sen moitas perspectivas de acordo, porque as propostas da oposición, en boa medida, facían referencia a un incremento do gasto corrente imposible de encaixar porque só hai 600.000 euros de marxe; e nun escenario futuro completamente incerto”. Indica Sánchez Bugallo que “temos que estar preparados para que probablemente no 2022 os ingresos correntes do concello diminúan e polo tanto, temos que procurar” estar en condicións de seguir prestando os actuais servizos. Esta circunstancia,  continúa, “limita a marxe de maniobra do goberno”.

Para Sánchez Bugallo, é normal que os grupos da oposición voten en contra dos orzamentos. Pero neste caso, engade, “teño que lembrarlle a Compostela Aberta que o ano pasado facilitaron os orzamentos con aproximadamente un 20% menos de gasto social e hoxe parécelle inaceptable” ese 20% máis. Recordou tamén que o Grupo Socialista lle facilitou “a eles” a aprobación do orzamento durante tres anos consecutivos: 2016, 2017 e 2018: “a nós, de momento, foi un ano”. Aínda así, o rexedor considera unha “atitude construtiva esa abstención”, xa que o voto dos edís que se ausentaron do pleno conta como unha abstención, “aínda que nos pareza excesiva a escenificación que se fixo”. En calquera caso, recordou que por parte do goberno vai haber unha atitude “dialogante, correcta e amable con relación aos grupos da oposición, como non pode ser doutro xeito”.

Pleno

Un momento do pleno

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo abriu a quenda de intervencións no pleno explicando “a necesidade imperiosa e inaplazable do concello de Santiago de dispor de orzamento no ano 2021”. Indicou  que a prórroga presupostaria implica “a non prórroga do capítulo de investimentos”, coa perda dos mesmos, que acadan os 18 millóns de euros. Ademais, explicou o alcalde danse dúas circunstancias especiais: a necesidade de atender a crise social e económica derivada da pandemia, “o que motiva que estes orzamentos teñan o maior gasto social da historia”; e a situación dos servizos públicos do concello, “pedentes de novas adxundicacións” que dependen dos presupostos. Puxo como exemplo dúas adxudicacións e unha licitación paralizada: a do servizo de limpeza “que se desbloquearía se hoxe se aproban os orzamentos”.

O alcalde referiuse ao marco orzamentario no que se move o concello. O gasto corrente consume o 99,4% dos ingresos correntes, “pola asunción e prestación de servizos públicos que van por riba da esixencia legal, especialmente en dous ámbitos, educación e benestar social”. Explicou que aproximadamente 50% dos máis de 15 millóns de euros que se gastan nas dúas áreas, “correspóndense con funcións que non son competencia municipal. Isto establece, continúa “unha limitación” á hora de encaixar propostas novas, “limita a nosa capacidade”.

Este concello, continuou, “no exercicio da súa responsabilidade”, formula unha proposta de orzamentos con 18 millóns de euros  en investimentos, “o maior de toda a década”; un gasto en servizos sociais de 9,9 millóns de euros; “o maior da historia,” igual que o de educación, que ascende a  5,89 millóns de euros.

No salón de plenos só estaban presentes os voceiros dos grupos. Os demais concelleiros seguiron o pleno vía telemática.

Para o alcalde, é hora de tomar unha decisión. Por iso, engadiu, “tomamos a decisión de vincular a presentación dos orzamentos a unha moción de confianza, que esperamos, permita que o concello de Santiago teña presupostos e non se paralicen as licitacións pedentes de aduxidación nen as novas licitacións, que son imprescindibles”.

“Presentamos uns orzamentos”, continuou, que son os “máis necesarios da historia moderna deste concello. Os máis sociais e os mais inversores. A corporación hoxe deberá decidir se se da luz verde a que sigan adiante, ou se polo contrario se se suspenden durante un mes e estamos durante un mes esperando a que chegue o 17 de abril”.

Ademais, do alcalde, tamén interveu o portavoz do Grupo Socialista, Sindo Guinarte, xa coa ausencia dos edis de CA e BNG. “Escoitamos hoxe a reiteración de posicións, de peticións nalgún caso, de perspectivas que non compartimos e que xa escoitamos fai catro días a respecto dos orzamentos. Hoxe acompañadas por unha perfomance ou teatralización que creo, non é moi edificante”. Agora, continuou, “estamos no momento da responsabilidade de cada quen, dos que estamos aquí e tamén dos que voluntariamente non están”.

Na súa segunda intervención, o portavoz socialista explicou que sí houbo negociacións cos demais grupos: “dicir que non houbo negocicións de boa fe  creo que é faltar á realidade. Desde o goberno municipal houbo negociacións de boa fe, que non chegaron a cristalizar. Nalgúns casos porque as discrepancias sobre as propostas non estaban o suficientemente próximas, e noutros casos porque probablemente non soubemos, entre as partes, buscar un punto de encontro”.

Outra imaxe do pleno

Despois de que o PP anunciase o voto en contra, o alcalde destacou a lexitimidade da moción da confianza vinculada “á acción do goberno”, neste caso os orzamentos. A oposición, recordou, só pode “obstaculizar” ao executivo durante un mes, polo que, continuou “ten un mes para constituirse vostede en goberno e presentar outro orzamento distinto”. Para o rexedor, “é imprescindible ter orzamentos en 2021. Nun escenario como o que estamos non se xustificaría non telas”.

Engadiu que o goberno é responsable de formular uns orzamentos “que cumpran a lei, equilibrados e adaptados á realidade”, como así se fixo. E recordou que das sete grandes cidades galegas, as tres que teñen orzamento son as que teñen gobernos con maioría absoluta. Das outras catro, Santiago é única que vai ter orzamentos no 2021, e non creo que iso signifique que o facemos peor que os demais. Ao revés: tomamos decisións, asumimos responsabilidades, asumimos riscos políticos. Afrontaremos tamén custes políticos” engadiu, pero “gobernar é iso”.

Rolda de prensa do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, 17.03.2021

Recent Posts

O alcalde anuncia que esta semana comeza a negociación orzamentaria

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que co comezo do ano, "empezaremos coa…

4 anos ago

O rexedor pedirá unha rolda de entrevistas cos ministros do novo goberno de Pedro Sánchez para tratar os asuntos pendentes con Santiago

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou que, en canto xuren o cargo, pedirá…

4 anos ago

Sánchez Bugallo amosa o interese en chegar a acordos o máis amplos posibles cos demais grupos para sacar adiante os orzamentos

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinala a PP e Compostela Aberta, como as…

4 anos ago

O goberno local presenta a próxima semana a primeira parte das actuacións vinculadas ao Ano Santo

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, adiantou que o goberno municipal convocou o luns…

4 anos ago

O alcalde sinala que non caso das estatuas do Mestre Mateo se produciu unha apropiación indebida por parte da familia Franco

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago presentará un recurso de casación ante o…

3 anos ago