Sánchez Bugallo: “o novo contrato de recollida de lixo e limpeza viaria suporá unha mellora enorme na prestación do servizo”

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cualificou de boa noticia para a cidadanía a saída a licitación do novo concurso do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, aprobado na Xunta de Goberno do pasado luns, e presentado o martes pola concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro. “Estou seguro que suporá unha mellora enorme na prestación do servizo”, engadiu o rexedor.

Implicará, continuou Sánchez Bugallo “equipos totalmente novos, contedores novos”, a introdución dun quinto contedor. “Un salto e unha mellora cualitativa moi importante porque agora mesmo temos un servizo que “quedou obsoleto” desde o punto de vista tecnolóxico e desde o punto de vista da organización, con materiais  “cun alto grado de deterioro”, e sen dimensionar, con urbanizacións, como Santa Marta, “que non existían” cando se licitou o anterior prego. “É un contrato de 2005 e estamos en 2021”, subliñou. O obxectivo do goberno local é, segundo avanzou, “adxudicar o contrato en outubro”, se non xurden imprevistos; e que estea plenamente operativo en primeiro trimestre de 2022.

Sobre a convocatoria de folga por parte do comité de empresa da actual concesionaria, apelou “ao sentido da responsabilidade” dos traballadores. “Que valoren a oportunidade de convocala nunha situación de pandemia e nun estado de emerxencia”, indicou. O rexedor advertiu de que se adoptarán “medidas” para “garantir a seguridade sanitaria da poboación” se finalmente leva a cabo.

O alcalde lembrou que a licitación do novo concurso de recollida de lixo e limpeza viaria foi aprobado en Xunta de Goberno, e a continuación publicado: polo que as condicións do contrato van ser as fixadas no prego de condicións do concurso. Neste senso,  cuestionou a “utilidade” da convocatoria de folga, en especial, “nunha situación de pandemia”. Explicou que calquera acordo que poidan alcanzar a empresa e os traballadores non vinculará á próxima adxudicataria do servizo.

Axudas

O alcalde adiantou que se está tramitando o programa de axudas a comercio, hostalería e sector cultural, aprobado o pasado luns en Xunta de Goberno e dictaminado onte pola Comisión de Facenda. Agora queda pendente a súa aprobación polo pleno da Corporación previsto para o xoves, día 29 de abril.

Sanchez Bugallo explicou que a partir dese momento xa se podería habilitar a convocatoria que prevé “máis de 5,2 millóns de euros en axudas, dos que máis de 4,2 millóns van ser axudas directas aos sectores económicos: 1,9 millóns a comercio, 1,7 millóns a hostalería e algo máis de 600.000 euros a cultura”. Unha convocatoria moi importante, sinalou, para engadir a continuación que non coñece ningunha en Galicia, “de tal calibre” como a de Santiago.

Destacou, iso si, a convocatoria que acaba de sacar a Deputación da Coruña, de 9 millóns de euros, para todos os concellos da provincia a excepción das tres grandes cidades, que suman dixo, “algo máis de 600.000 habitantes. Unha cifra moi importante, que representa uns 5 euros por habitante, sinalou; cando en Compostela, con eses 5 millóns de euros en axudas, representaría máis de 50 euros por veciño/a. Tamén destacou as axudas que acaba de sacar o concello de Lugo, por algo máis dun millóns de euros. “Estamos falando”, engadiu, de magnitudes nas que Santiago “está facendo un esforzo moi superior a todo o que coñecemos neste momento” en termos orzamentarios e en termos relativos, en relación a súa repercusión por habitante.

O rexedor espera que no pleno do próximo día 29 se aprobe o remanente do 2020, que se destinará, todo el, a estas axudas. Unha vez reciban luz verde, “a partir da semana seguinte”, explicou, “poremos en marcha tanto as axudas directas, como o bono de aparcamento, como a proposta do Prima21”, que está previsto desenvolver na primeira semana do mes de xuño.

Orzamentos

O alcalde tamén avanzou que no pleno do próximo día 20 está previsto aprobar, de xeito definitivo, os orzamentos de 2021. Unha vez aprobados, poderase proceder “a adxudicación inmediata de tres” importantes contratos pedentes, sinalou.

A licitación, xa en marcha do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria, engádense, explicou  o rexedor, outros tres contratos a “piques de adxudicar”: o do SAF, o Servizo de Axuda no Fogar, por máis de 3 millóns de euros, o de mantemento de parques e xardíns, que supera os 4 millóns de euros; e o da Escola Municipal de Música.

Quedarían outros dous contratos, explicou Sánchez Bugallo, “dos grandes, nos que estamos traballando arreo para conseguir sacalos no primeiro semestre do ano: o de transporte e o de auga e saneamento.

Covid19

Sánchez Bugallo cualificou de bos os datos de evolución de contaxios en Santiago, cunha incidencia de 11 casos por cen mil habitantes a 7 días; e de 39 casos a 14 días. Cifras que contrastan cos 232 da media nacional e o centenar rexistrado na comunidade, e que reflicten, engade “o bo comportamento” da poboación.

Aínda así, o alcalde recorda que os contaxios “se poden transvasar dunha zona a outra” e apela á prudencia e a “manter as medidas de seguridade”, xa que “están tendo como consecuencia unha mellora moi importante dos datos”. “Ao mesmo tempo”, engade, “está avanzando o proceso de vacinación. Cada día que gañamos con menos contaxios, é con máis vacinación é un día que nos coloca en mellor posición para afrontar” o futuro.

Preguntas

A pregunta de se se ía recuperar ao servizo de bicicletas, Sánchez Bugallo  sinalou “que é un tema sobre o que debemos traballar”, para engadir a continuación que “algún dos que saía ou outro día en bicicleta dando leccións” esqueceuse de que “en Santiago en 2011 había un servizo de bicicletas con estacións, con tarxetas practicamente de balde para o seu uso en Santiago. E houbo un goberno en que 2011 suprimiu o servizo”. “É un obxectivo que temos que plantexar: a recuperación do servizo de aluguer de bicicletas”, finalizou.

Emisión rolda de prensa do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo

Recent Posts

O alcalde anuncia que esta semana comeza a negociación orzamentaria

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que co comezo do ano, "empezaremos coa…

4 anos ago

O rexedor pedirá unha rolda de entrevistas cos ministros do novo goberno de Pedro Sánchez para tratar os asuntos pendentes con Santiago

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou que, en canto xuren o cargo, pedirá…

4 anos ago

Sánchez Bugallo amosa o interese en chegar a acordos o máis amplos posibles cos demais grupos para sacar adiante os orzamentos

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinala a PP e Compostela Aberta, como as…

4 anos ago

O goberno local presenta a próxima semana a primeira parte das actuacións vinculadas ao Ano Santo

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, adiantou que o goberno municipal convocou o luns…

4 anos ago

O alcalde sinala que non caso das estatuas do Mestre Mateo se produciu unha apropiación indebida por parte da familia Franco

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago presentará un recurso de casación ante o…

4 anos ago