O pleno aproba, a proposta do Goberno Municipal, o Plan de Acción Local da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela

O Pleno extraordinario, presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, aprobou, cos votos a favor do Grupo Socialista e BNG; e as abstencións de Compostela Aberta e PP, o Plan de Acción Local da Axenda Urbana Española do Ministerio de Transportes para a Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela. Tamén lle deu luz verde á nova exposición pública da modificación puntual do título III do PXOM, de regulación de usos, que afecta as VUT, as Vivendas de Uso Turístico, e a dúas modificacións de crédito Pola contra, rexeitou a modificación da Ordenanza 1.03 e o modelo de xestión indirecta mediante a concesión do Servizo do Ciclo Integral da Auga en Santiago de Compostela. Aprobou ademais, os festivos locais, que serán o 18 de maio e o 16 de agosto.

Minuto de silencio

A sesión plenaria comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista. A continuación debateuse o primeiro punto. O alcalde lembrou que o Plan de Acción Local da Axenda Urbana 2030 “define o modelo de cidade que queremos ter para a próxima década”, cun “procedemento o máis participativo e  amplo posible”. Porque, engadiu, “un proxecto desta natureza ten que ter o maior consenso posible que se poida acadar, porque fai máis viable a súa execución, e para prever, en caso de cambios políticos, que o proceso teña continuidade”.

O documento aprobado, continuou Sánchez Bugallo, “é unha proposta articulada que define 25 obxectivos específicos e contempla 39 liñas de actuación, en torno a seis dimensións estratéxicas”, que se corresponden a nivel xeral cos seis grupos específicos de participación e gobernanza, os GIS (Grupos de Impulso e Seguimento), organizados e coordinados polos profesores Miguel Lago e María Cadaval.

Algúns dos datos deste proceso participativo a través destes grupos destacados polo alcalde son as “132 aportacións de nenos e nenas, 661 aportacións de persoas adultas, 8 traballos colectivos e 50 reunións multin con colectivos, asociacións e entidades”. O rexedor lembrou que o contido evolucionou adaptándose as modificacións do Ministerio de Transportes, polo que pediu desculpas “polos cambios”. Hoxe, subliñou, “sométese a aprobación plenaria o documento”, despois dun período “de aportacións extraordinario para os grupos”. Lembrou que dous grupos fixeron chegar as súas aportacións, aínda que, matizou, “é un documento inicial que se poderá ir enriquecendo, xa que se trata dun proceso que aínda non está pechado”.

Na segunda quenda, o alcalde agradeceu o apoio do BNG; e lamentou, en referencia ao Grupo Popular,  “a incapacidade de pensar noutra cousa que non sexan os intereses electorais. Hai algún grupo que leva 21 meses en campaña electoral. Pareceme un auténtico desastre que case un 75% do período se dedique a preparar as eleccións seguintes, pero iso é algo que depende da responsabilidade de cada grupo”.

O alcalde tamén recoñeceu o traballo da responsable da área de Promoción Económica, Carme Casado, á que, destacou, se lle outorgou total liberdade; porque “desde o Goberno Mmunicipal entendemos que a procura dun acordo requiría dar liberdade aos distintos actores”. O rexedor rematou lembrando que se incorporou ao texto a aportación de Compostela Aberta é en referencia ao PP, indicou que “a súa aportación e a súa preocupación era que non querían EMUVISSA”. É normal, continuou, porque, segundo sinalou, non queren unha política de vivenda, o que se reflicte nas vivendas de protección oficial construidas nos seus anos de mandato, que son cero.

Máis información Axenda Urbana 2030 Santiago de Compostela

PXOM

Tamén se aprobou a nova exposición pública da modificación puntual do título III do PXOM, de regulación de usos, que afecta as VUT, as Vivendas de Uso Turístico, que levou a pleno o Grupo de Goberno despois das últimas achegas incorporadas. Votaron a favor o Grupo Socialista, BNG e Compostela Aberta. A concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, agradeceu este apoio e sinalou que “queda claro que forzas políticas son capaces de afastar do debate electoralista os asuntos importantes que redundan no interese xeral da cidade”. E tamén agradeceu “o extraordinario traballo do departamento de planeamento urbanístico”.

Na súa exposición, Mercedes Rosón, lembrou que “o incremento de vivendas destinadas a usos turísticos en Santiago de Compostela nos últimos anos, puxo de manifesto, coma en outras cidades de grande atractivo turístico, que este fenómeno supón unha alteración da esencia mesma da cidade como lugar no que habitar, ao ir convertendo pouco a pouco os centros da cidade; e moi en particular os seus centros históricos, en meros destinos que visitar, e non en lugares para vivir. Este fenómeno conduce á paulatina debilitación  da cidade como elemento vertebrador  da vida urbana , da cultura e do comercio, e dilúe  a súa relación  cos núcleos rurais  a favor dun modelo baseado na dispersión xeralizada  que deixa valeiras as cidades  concibidas como instrumentos para optimizar servizos e recursos, e leva aos seus residentes a asentarse en zonas cada vez máis afastadas do centros urbanos cunha ocupación do territorio inasumible en termos de sostibilidade e medioambientais .

A concelleira explicou que esta modificación “ocúpase de regular os usos na nosa cidade para preservar o seu uso característico fundamental , que é o residencial, e favorecer  que exista diversidade de usos complementarios do urbano, a través dos instrumentos e dos métodos propios do urbanismo. Mellora tamén a redacción do Plan, en aspectos nos que se teñen contrastado co Servizo de Licenzas na súa aplicación práctica”.

Ademais, continuou, “pretende establecer un esqueleto normativo básico, susceptible de ser completado e desenvolvido en ordenanzas e plans especiais de usos máis flexibles, capaces de respostar a problemáticas concretas ligadas, fundamentalmente, á protección de usos  comerciais e a súa zonificación. Para acadar este obxectivo, dita proposta establece unha sistematización e definición de usos, que facilita a súa aplicación e define un réxime de compatibilidades que propicia a desexable variedade dos mesmos”.

“Outras administracións”, engadiu, “teñen optado por outras técnicas como a zonificación da cidade, localizando en determinadas partes da trama urbana estes usos turísticos. Para este goberno este plantexamento non é o adecuado, xa que non se asegura a diversidade e mestura de usos que se pretende, nin para conservar unha cidade rica e flexible co modelo de cidade residencial que o PXOM defendeu sempre”.

Rosón deixou claro que “o obxectivo da Modificación Puntual non é prohibir as vivendas para o aluguer turístico; senón que permite desenvolvelo en todas as vivendas e zonas da cidade, pero seguindo determinados requisitos ou límites, que eviten a desaparición do uso residencial”.  A fórmula de complementariedade de usos quere evitar zonas estancas monofuncionais na cidade, buscando a mextura e interrelación de usos urbanísticos, compatible cunha concepción europea de «cidade compacta» como modelo de cidade máis sostible”.

Aclarou tamén que as “modificacións propostas non alteran o sentido básico do documento considérase oportuno e garante, proceder de novo ao trámite de información pública antes de adoptar o acordo de aprobación provisional, a fin de que a cidadanía poida coñecer o alcance das reformas propostas e formular as alegacións que estimen oportunas”.

Ao comezo da súa exposición, a concelleira saudou a Estrella Ferreiro, representante de AVITURGA, e a Rafael Rei, representante da Plataforma para a Regulación da Vivenda Turística de Galicia, que interviron ao comezo do pleno.

Na segunda quenda tamén interveu o alcalde. Sánchez Bugallo reiterou que “a competencia para regular vivendas baleiras é autonómica”, e que é a Xunta de Galicia, “como acaba de facer o goberno vasco, quen debería sacar un decreto para determinar como se regulan as vivendas baleiras”. Explicou tamén que “cando accedemos á alcaldía, había algo máis de 200 vivendas inscritas no rexistro da Xunta; con dous problemas, un plantexado polos propietarios que deu lugar a anulación da regularización das vivendas anteriores a 2018”. E, lembrou, o acordo coa Xunta, para que non se inscribiran no rexistro máis vivendas “sen previa autorización municipal”, acordo “que se cambiou unilateralmente”, por parte do goberno autonómico do PP.

O alcalde tamén lembrou as últimas cinco sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que deixan aclarados tres aspectos relativos as VUT: que a suspensión na cidade histórica remóntase a 1997, que as vivendas turísticas son unha actividade económica suxeita a regulación, e que o Concello “é competente para outorgar ou non esas autorizacións”.

Máis informacion sobre a modificación do título III do PXOM, de regulación de usos

Modificación da Ordenanza 1.03

A modificación da Ordenanza 1.03 sobre o Imposto sobre o aumento de valor dos terreos de natureza urbana, en cumprimento do disposto na disposición transitoria única do Real decreto lei 26/2021, de 8 de novembro, polo que se adapta o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, á recente xurisprudencia do Tribunal Constitucional respecto do IIVT, non saiu adiante.

O Grupo Socialista votou a favor, o BNG abstívose e o PP e Compostela Aberta posicionáronse en contra. Todo, a pesares de que, como indicou a concelleira de Economía, Facenda, Contratación, Persoal e Modernización da Administración Local, Marta Abal, a  “citada disposición transitoria única indica que os concellos que teñan establecido o Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana, caso do Concello de Santiago de Compostela, deberán modificar a ordenanza para adecuala aos cambios introducidos polo RD Lei 26/2021”.

Marta Abal agradeceu o voto de abstención do BNG. E a continuación, aclarou que “esta concelleira sentouse con Compostela Aberta e con BNG. Presentoulle a proposta que quería elevar a pleno. Tiveron ocasión de presentar as consideracións e melloras que consideraran oportunas”.

En resposta á oposicion, e sobre a modificación relativa aos terreos nos que se desenvolvan actividades económicas de especial interese municipal, a titular de Economía e Facenda lembrou “que esa bonificación existía con anterioridade ao Real Decreto que transpón a xurisprudencia constitucional á plusvalía municipal. Pregúntolles, por que non aplicaron vostedes esa bonificación”? Abal explicou que a razón pola que non se aplica o coeficiente reductor do 15% nos valores catastrais ´”é porque, en contra do relato feito polo Partido Popular, os valores catastrais do Concello de Santiago non están elevados. É non é unha opinión desta concelleira. É unha opinión contrastada coa Dirección Xeral do Catrastro”. Engadiu que ese coeficiente reductor tería sentido aplicalo no suposto de que a actualización dos valores catastrais non estivese caducada”. E recordou,que a última actualización dos valores catastrais foi no ano 2009. Neste momento, engadiu, non “consideramos oportuno” unha actualización debido “ao efecto terxiversador” derivado do aumento do IPC.

Marta Abal dirixiuse expresamente ao PP: “Eu non sei o que pretenden aplicar aquí en Santiago de Compostela”, e a continuación lembrou que en Ourense, a concelleira de Facenda, do Partido Popular, “elevou ao Pleno da Corporación Municipal un imposto de plusvalía cun tipo do 26% e sen ningún tipo de bonificación. Nin por causa de morte, nin estas bonificacións que se recollen agora na nova normativa básica municipal”.

Respecto a Compostela Aberta, que considera os valores catastrais elevados, Abal recordoulle, que puideron ter aplicado unha reducción do tipo do 21% “do imposto de plusvalías durante o seu mandato. E non o fixeron”. A concelleira afeou a CA que “compre” un relato do PP que eles mesmos, durante o seu mandato, non aplicaron.

A concelleira aclarou que “os valores catastrais do Concello, sen considerar o período inflaccionista, non están elevados”. En canto á afectación dos importes liquidados, subliñou que “dende a Tesoureira Municipal estimamos que os ingresos por este concepto diminuirán en torno a 700 mil euros anuais”. Mantense, reiterou o tipo do 22% e o cen por cen das bonificacións da cota íntegra do imposto.

Modificacións e suplementos de crédito

Os puntos 4 e 5 debatéronse conxuntamente. Aprobáronse os dous. O número catro, o expediente de crédito extraordinario 2022-CREXT-13, habilita, segundo explicou Marta Abal, 110.398,49 euros para dar cobertura orzamentaria aos pagamentos realizados mediante adeudo directo en conta bancaria, contou cos votos a favor do Grupo Socialista. O resto de grupos abstivéronse.

A concelleira explicou que a causa polo que os expdientes foron reparados suspensivamente, “debeuse ao sistema de domiciliación bancaria para esta tipoloxía de gastos que implantou o Partido Popular no ano 2012”. A continuación lembroulle ao PP e a Compostela Aberta que durante os seus mandatos “non foron quen de dar resposta a esta anomalía. Pero non se preocupen. O Partido Socialista, solucionou, como noutras tantas cuestións, o problema. O contrato novo xa está adxudicado, co cal xa non teremos que volver elevar a pleno os gastos ocasionados, desde xullo en adiante, por combustible e por peaxe”.  Aclarou, tamén, que as facturas están pagadas. “O Partido Socialista, por primeira vez na historia deste Concello, veu a solucionar un problema estrutural ao que ningún goberno anterior, nin do Partido Popular, nin de Compostela Aberta, dera resposta”.

O punto cinco, apoiárono, co voto a favor, o Grupo Socialista e Compostela Aberta. Trátase do expediente de crédito extraordinario 2022- SUPLE-06 de Informática para completar a achega municipal para o proxecto relativo ao despregamento do Centro de Operacións de Ciberseguridade do Concello de Santiago de Compostela.

Marta Abal explicou que o Concello “resultou beneficiario dunha axuda por importe de 364.004,74 euros para o despregue do Centro de Operacións de Ciberseguridade de Santiago de Compostela, plataforma absolutamente novidosa e totalmente necesaria no noso concello mediate a que melloraremos as capacidades de prevención, vixiancia e detencción de ciberincidentes e supervisaremos e administreremos a seguridade de todo o noso sistema de información; e optimizaremos a capacidade de reacción e resposta ante calquera ciberataque, prioridade compartida pola UE dentro dos obxectivos da Década Dixital 2030”. A concelleira agradeceu o voto a favor de CA e a abstención do BNG e aclarou que “a viabilidade do proxecto, a día de hoxe, está garantida”.

Modelo de xestion do ciclo integral da auga

A proposta sobre un modelo de xestión indirecta mediante a concesión do Servizo do Ciclo Integral da Auga en Santiago de Compostela foi rexeitada polo Grupo Popular, Compostela Aberta e BNG. O Grupo Socialista votou a favor. Tanto o alcalde, Sánchez Bugallo, como a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, aclararon que cando se quere revisar o cambio de xestión, o órgano competente é o pleno.

“A proposta que traemos responde ao abordado no Pleno Municipal do 27 de xaneiro deste ano, unha vez que os tres grupos da oposición presentaron unha moción conxunta de urxencia que se concretaba en que fora o Pleno Municipal o que expresara a súa vontade na determinación da forma de xestión do Servizo do Ciclo Integral da Auga”, sinalou Mila Castro. Segundo explicou a responsable de Medio Ambiente, “a documentación que soporta a propopsta acredita que a concesión de servizos é a forma de xestión máis eficiente e sostible do Servizo Público do Ciclo Integral da Auga para o termo municipal de Santiago”, un dos servizos, engadiu, “estratéxicos e fundamentias para as xentes que viven no noso Concello”.

Recordou que este servizo estase prestando “cunha orde de continuidade asinada o 22 de abril de 2019 polo concelleiro Xan Duro”, durante o anterior mandato de Compostela Aberta. E que tanto CA como o Partido Popular, que “tiveron responsabilidades de goberno” eran coñecedores de que “os vellos contratos das concesións da auga remataban, sen posibilidades de máis prórrogas, en maio de 2019”. Nembargantes, non foron quen de resolver nin o modelo de xestión, nin a concesión, nin os problemas que presentaba a rede de abastecemento e saneamento, que precisa, segundo explicou Mila Castro, “investimentos de mellora, de ampliación, de implantación de sistemas de telexestión e de control, e unha adaptación á normativa de eficiencia enerxética e de recurso hidráulico”.

A concelleira engadiu que é preciso resolver esta situación. “Temos que darlle ao noso Concello un servizo que responda ás demandas dos nosos barrios, das noas parroquias”. Consciente deste reto, engadiu, “este goberno contratou á unha consultora experimentada, a empresa Lagares Oca S.L.” que tamén elaborou, non hai moito, a documentación para o contrato de concesión do Servizo do Ciclo Integral da Auga de Pontevedra, para realizar un estudo do sistema de xestión, no que se conclúe que “dadas as múltiples vantaxas que presenta para un Concello a concesión do Ciclo Integral da Auga, e dado o carácter contrastado desta modalidade de prestación do servizo pública nunha gran maioría de municipios, e considerando ademais a particularidade e magnitude do servizo público de abastecemento, saneamento e depuración, resulta preferible acudir á modalidade de concesión”.

Ante as conclusións do estudo, encargouse, segundo explicou Mila Castro, a elaboración dun Plan de Investimentos que recollera as necesidades do servizos, entregado en maio de 2021, que cifra o investimento en máis de 98 millóns de euros. A continuación preparouse o estudo de viabilidade económico-finacieira. A tramitación administrativa continuou coa leaboración da estrutura de custos do novo servizo, publicada para alegacións en xullo de 2021 que rematou co informe favorable da Xunta Consultiva de Contratación da Xunta de Galicia o 23 de setembro de 2021; culminando coa consulta preliminar de mercado. De todos estes traballos e informes, afirmou a titular de Medio Ambiente “tiveron puntual información os grupos da oposición”, xa que “o Plan de Investimentos cos anteproxectos foille facilitado tanto os Grupos Políticos como ás asociacións veciñais para a súa consideración, e incluso no caso dos grupos políticos, para a toma de decisión sobre a priorización da execución das obras”.

Polo tanto, indicou Mila Castro, “a día de hoxe contamos cos documentos que avlan que, para o caso concreto de Santiago de Compostela, a forma de xestión do Servizo do Ciclo Integral da Auga máis eficiente e sostible nos termos do artigo 85.2 da LRBRL (Lei Reguladora de Bases de Réxime Local) é a xestión indirecta mediante concesión de servizos”.

Na segunda quenda de intervencións, Mila Castro lembroulle ao BNG que o estudo que avala a xestión indirecta mediante a concesión de servizos está feito “desde xullo de 2020” e recordoulle que “nós recibimos ás asociacións. Elas teñen a documentación. Non temos constancia da petición, agora, dese debate con nós”. A Compostela Aberta, que acusou ao goberno de “perder o tempo”, preguntoulle cando convocaran eles “a comisión que agora tanto defenden. En novembro de 2018, a seis meses das eleccións”, indicou. En canto ao PP, que sinalara que o servizo está funcionando con “relativa normalidad”, indicoulle que lle preguntara á veciñanza da rúa do Hospitaliño, da rúa Nova, do Camiño dos Vilares, do lugar de Lermo, en Moas de Arriba… Nos últimos seis meses, 166 roturas e avarías na rede municipal. Afortunadamente está funcionando”.

“Eu tamén son consciente”, continuou, “que está o escenario electoral aí á vista. Pero non me gustaría que se afastase do sentido da responsabilidade”, que todos e todas deberiamos ter. Creo que non é honesto desdeñar o traballo que xa se leva feito sen argumentos, sen datos nen estudos que rebatan isto. Hoxe vai quedar en evidencia a actitude duns e doutros. Chegou o momento de deixar as cousas claras. Todos e todas estamos aquí de paso. Pero os que están aí fóra estarán sempre. E eles, estarán mirando o que facemos”.

A continuación, o alcalde explicou que “hai unha cuestión diferencial  entre Santiago e outros municipios: o sistema público de auga que ten, en parte da rede, 90 anos, e outra parte, máis de 50 anos. Isto obriga “a uns investimentos enormes, que cómpre anticipar, e que non podemos esperar 20 anos para acometer”. “Precisamos”, continuou, “un socio que “anticipe esa financiación”. A continuación, lembrou que é decisión do pleno escoller entre “xestión directa ou  indirecta” e que cómpre escoller o mellor”, sen pensar na “rendabilidade electoral”. Sinalou, de seguido que aceptaría que a mesa de contratación estivese presidida por unha persoa designada polo pleno, que non tiña por que ser do Grupo Socialista; proposta que non foi aceptada polos grupos.

Festas locais

O pleno rematou coa aprobación, por unanimidade, dos festivos locais para o ano 2023. Serán o 18 de maio, día da Ascensión, e o 16 de agosto, día de San Roque.

Emisión do pleno extraordinario do 12 de setembro de 2022

Recent Posts

O alcalde anuncia que esta semana comeza a negociación orzamentaria

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que co comezo do ano, "empezaremos coa…

4 anos ago

O rexedor pedirá unha rolda de entrevistas cos ministros do novo goberno de Pedro Sánchez para tratar os asuntos pendentes con Santiago

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou que, en canto xuren o cargo, pedirá…

4 anos ago

Sánchez Bugallo amosa o interese en chegar a acordos o máis amplos posibles cos demais grupos para sacar adiante os orzamentos

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinala a PP e Compostela Aberta, como as…

4 anos ago

O goberno local presenta a próxima semana a primeira parte das actuacións vinculadas ao Ano Santo

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, adiantou que o goberno municipal convocou o luns…

4 anos ago

O alcalde sinala que non caso das estatuas do Mestre Mateo se produciu unha apropiación indebida por parte da familia Franco

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago presentará un recurso de casación ante o…

4 anos ago