Categories: Actualidad

Comeza sen incidencias o servizo de madrugadores e comedores coa nova empresa adxudicataria

O servizo de madrugadores e comedores coa nova empresa adxudicataria, comezou onte sen incidencias. Asegurouno a concelleira de Educación, Noa Díaz, na presentación do programa de igualdade Desveladas, que se desenvolverá nos Centros Socioculturais do rural. “Todo transcorreu con total normalidade”. Neste momento, son nove, os colexios de Santiago que recorren a este servizo, competencia da Xunta, pero xestionado polo Concello.

Sobre a convocatoria do Consello Escolar Municipal, Noa Díaz sinalou que na última xuntanza que tiveron coa Federación de ANPAS, en decembro pasado, se lle comunicou que se convocará no primeiro cuadrimestre deste ano. “Hai tantos anos que non se reúne que require dun proceso bastante complexo”, pero, engadiu, “estamos particularmente interesados en convocalo”.

En canto á reorganización do mapa escolar é contundente; “non é un tema no que esteamos traballando, por cuestións de organización, pero farémolo”. Noa Díaz aclara que “non é unha competencia nosa. O que podemos facer é estudar o mapa escolar, pero é unha cuestión que haberá que estudar coa Xunta de Galicia. Nisto inflúen non só a reorganización das prazas escolares, tamén as rutas de autobús,etc.”

DESVELADAS

“Desveladas” é o título do novo ciclo de obradoiros para mulleres do rural, que dá continuidade ao exitoso programa de igualdade que dende o 2016 se vén desenvolvendo nos centros socioculturais das parroquias de Compostela. Os talleres realizaranse ao longo dos meses de febreiro, marzo e abril en Lavacolla, Figueiras, Laraño, Marantes, Busto, Aríns, Marrozos, A Barciela, Cesar e Lamascal. Estas tres últimas parroquias incorpóranse nesta edición.

Presentounos a concelleira de Igualdade, Noa Díaz, acompañada da encargada de impartilos, Cruz Dafonte, e da técnica responsable dos centros socioculturais do rural, María Pose. Tal como explicou, Desveladas é un programa de obradoiros deseñado para a transformación persoal e colectiva das mulleres do rural.

“A través do traballo corporal, do diálogo e de diferentes linguaxes artísticas (música, audiovisual, teatro), as participantes expresaranse, reflexionarán e visibilizarán algúns aspectos das opresións de xénero que impiden vivir en liberdade”, explicou. Cada sesión formativa converterase nun espazo propio para desvelar, analizar e transformar de forma creativa e grupal as realidades interiores destas mulleres, reconstruír situacións que se poden observar, vivir ou imaxinar, e reflexionar sobre elas ofrecendo ferramentas para o cambio dende unha perspectiva feminista.

Cruz Dafonte destacou, dende a emoción, a satisfacción que lle producía constatar a evolución destas mulleres que veñen participando nos obradoiros, manifestada por elas mesmas. Ademais, salientou que os talleres están servindo para tecer redes entre as mulleres da mesma parroquia, pero tamén con mulleres das outras parroquias.

Dos obradoiros, unha parte está destinado a aquelas mulleres que xa participaron en anteriores edicións e outro a aquelas que se incorporan este ano. Hai 12 prazas dispoñibles por obradoiro. O calendario é o seguinte:

– Lavacolla: os luns 17 e 24 de febreiro e 2, 9 e 23 de marzo.
– Figueiras: os martes 11 e 18 de febreiro e 3, 10 e 24 de marzo.
– Laraño: os mércores 19 e 26 de febreiro e 4, 11 e 25 de marzo.
– Marantes: os xoves 20 e 27 de febreiro e 5, 12 e 26 de marzo.
– Busto: os venres 21 e 28 de febreiro e 6, 13 e 20 de marzo.
– Aríns: os sábado 22 e 29 de febreiro e 7, 14 e 21 de marzo.
– Marrozos: os martes 17 de marzo e 7, 14, 21 e 28 de abril.
– Barciela e Cesar: os mércores 18 de marzo e 1, 8, 15 e 22 de abril.
– Lamascal: os xoves 2, 16, 23 e 30 de abril e 7 de maio.

Os obradoiros, impartidos por Cruz Dafonte, están abertos á participación de mulleres de calquera idade e son de balde. O período de inscrición está aberto e as interesadas poden achegarse a un dos centros socioculturais nos que se imparten ou formalizar a inscrición a través do correo electrónico mposeo@santiagodecompostela.gal.

III Encontro de Mulleres do Rural
O ciclo de obradoiros rematará co III Encontro de Mulleres do Rural, no que estarán todas as participantes e ao que tamén convidará ás participantes das pasadas edicións. Será o 27 de marzo en Figueiras.

Recent Posts

O alcalde anuncia que esta semana comeza a negociación orzamentaria

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que co comezo do ano, "empezaremos coa…

3 anos ago

O rexedor pedirá unha rolda de entrevistas cos ministros do novo goberno de Pedro Sánchez para tratar os asuntos pendentes con Santiago

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou que, en canto xuren o cargo, pedirá…

3 anos ago

Sánchez Bugallo amosa o interese en chegar a acordos o máis amplos posibles cos demais grupos para sacar adiante os orzamentos

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinala a PP e Compostela Aberta, como as…

3 anos ago

O goberno local presenta a próxima semana a primeira parte das actuacións vinculadas ao Ano Santo

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, adiantou que o goberno municipal convocou o luns…

3 anos ago

O alcalde sinala que non caso das estatuas do Mestre Mateo se produciu unha apropiación indebida por parte da familia Franco

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago presentará un recurso de casación ante o…

3 anos ago