Sánchez Bugallo agradece a solidariedade da cidadanía de Santiago e estuda abrir novas liñas de axudas a Ucraína

O Goberno Municipal estuda abrir novas liñas de axudas a Ucraína, aparte das doazóns de alimentos non perecedoiros, produtos de hixiene, roupa e outros enseres, doados pola cidadanía. Así o asegurou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, na rolda de prensa dos venres, na que agradeceu a solidariedade da veciñanza.

A partir do luns, explicou, comezarase a estudar a posibilidade de acoller a familias e menores refuxiados, coa apertura dunha lista onde se poidan anotar as persoas interesadas; e tamén se estudarán fórmulas para facerlle chegar  algún tipo de axuda económica directa a través de ACNUR ou algún outro organismo oficial. “Unha colaboración moi modesta, indicou, pero que reflicte a sensibilidade  compostelá e da sociedade galega e española co pobo de Ucraína”. Un pobo, continuou, “que está dando mostras dun valor extraordinario, que neste momento está vivindo unha situación durísima en todos os ámbitos”, ante o avance, sen límites, do exército ruso. Unha traxedia, engadiu, da que que todos debemos ser conscientes, xa que “os ucraínos están combatendo por eles, pola súa liberdade, pero tamén pola nosa, porque hoxe a batalla pola defensa da liberdade de Europa estase desenvolvendo en Ucraína”.

A responsable de Protección Civil de Santiago, Begoña del Río, explicou como se está canalizando a axuda humanitaria cara Ucraína. “Despois de recoller as peticións de persoas con familiares neste país elaborouse unha lista que se publicou nos medios, e contactouse cunha empresa de Vilagarcía de Arousa que ten proveedores ucraínos”.

É esta empresa a que vai levar, nun trailer, todo o material doado ata o de agora. Begoña del Río explicou que hoxe sairon desde Compostela tres furgonetas completas para que, cando estea cheo, emprender a viaxa rumbo a Ucraína con todo ese material de axuda humanitaria. “Despois serán os propios ucraínos quen o repartan”, sinalou.

“Recibimos moita roupa, alimentos preparados para cociñar, cueiros, produtos de hixiene, compresas, tampóns, leite en pó, leite infantil, cacao, café, arroz, pasta, sacos de dormir, moita roupa térmica, calzado… Si nos fai falta, focos, pilas, baterías, e fornelos de camping-gas; e o que agora mesmo non temos, indicou Begoña del Río. “A solidariedade da cidade é espectacular”.

Todo este material estase clasificando e gardando en caixas, para facer máis doado o seu reparto. Tamén se recollen, explicou, “medicamentos de curas; como esparadrapos, betadine, gasas, antiqueimaduras. Estamos de luns a domingo todo o día, de 09:00 h a 14:00 e de 15:30 a 21:00 h.” na sede de Protección Civil no estadio de Verónica Boquete de San Lázaro.

Sánchez Bugallo engadiu que, ante as limitacións que se están presentando para facer chegar todo este material a Ucraína, “estamos falando con compañías de loxística, para ver en que medida nos poden axudar; e estamos intentando pornos en contacto coa embaixada de España en Ucraína, “espero que ao longo do día de hoxe sexa posible, para ver en que medida nos poden asesora”.

Capital da Economía Social

O alcalde tamén anunciou que esta semana está previsto dar comezo aos traballos para a posta en marcha de Santiago, como capital da Economía Social, en colaboración coa Xunta de Galicia, co Foro Económico e Social e coa Universidade de Santiago, e co Ministerio de Traballo e Economía Social, que dirixe Iolanda Díaz.

Neste momento, avanzou, estase traballando nun denso programa, e ao mesmo tempo “estamos reflexionando sobre dous temas fundamentais”. O primeiro é a economía social como alternativa, “hai moitas persoas que a través da economía social poden crear as súas propias empresas e desenvolver os seus propios postos de traballo”, unha alternativa que cualificou de “interesante” Como exemplos, puxo as cooperativas de empresa ou a posta en marcha de pequenas empresas en diferentes sectores e ámbitos. “Polo tanto”, engadiu, “queremos visibilizar o papel da economía social”, para que a xente poida pensar “neste tipo de fórmulas e xerar os seus propios postos de traballo.

En segundo lugar, explicou, están os problemas aos que se enfrontan as empresas cando empezan: de asesoramento, de tramitación administrativa, de espazo, ou de financiación. Por iso, un dos obxectivos do Concello, continuou,  é “avanzar nunha axuda directa e na posta en marcha de inciativas” que den solución a estes problemas a través de “programas de acompañamento”, e de apoio. “Queremos que esta capital da Economía Social non só sexa un evento de encontros, de seminarios, se non que nos permita avanzar claramente nesta dirección”.

Sionlla Biotech

Sobre o proxecto de Sionlla Biotech, o alcalde avanzou que está previsto que as obras que se están desenvolvendo remanten no mes de decembro. “Está previsto que ao longo deste primeiro semestre se complete a estrutura da edificación e despois, durante uns meses, proseguirá o equipamento do edificio”, máis complexo, sinalou, que a propia construción desta infraestrutura.

Sánchez Bugallo indicou que tamén se están facendo un esforzo na procura de empresas interesadas en participar no centro, “estase vendo que demandas teñen”, para equipar debidamente os laboratorios; e “estase iniciando a campaña de captación de empresas para instalarse no polígono, nos 60.000 metros cadrados que están reservados”.

Triacastela

A preguntas dos xornalista Sánchez Bugallo aclarou, en relación ás obras do aparcamento de Triacastela; que xa está “feita a modificación do proxecto”, que hai unha partida reservada para esta actuación, e que en canto se aproben definitivamente os orzamentos de 2022 empezarán os traballos.

O alcalde aclaroulle ao PP local  que non seu puido empezar antes porque o proxecto técnico recibido da Xunta de Galicia, e consensuando entre o executivo galego e Compostela Aberta durante o anterior mandato, presentaba “problemas”. En concreto indicou que é necesario un muro de contención e levantar e substituir o actual sistema de sumidoiros, actuacións non contempladas no proxecto inicial.

Recent Posts

O alcalde anuncia que esta semana comeza a negociación orzamentaria

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que co comezo do ano, "empezaremos coa…

3 anos ago

O rexedor pedirá unha rolda de entrevistas cos ministros do novo goberno de Pedro Sánchez para tratar os asuntos pendentes con Santiago

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou que, en canto xuren o cargo, pedirá…

3 anos ago

Sánchez Bugallo amosa o interese en chegar a acordos o máis amplos posibles cos demais grupos para sacar adiante os orzamentos

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinala a PP e Compostela Aberta, como as…

3 anos ago

O goberno local presenta a próxima semana a primeira parte das actuacións vinculadas ao Ano Santo

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, adiantou que o goberno municipal convocou o luns…

3 anos ago

O alcalde sinala que non caso das estatuas do Mestre Mateo se produciu unha apropiación indebida por parte da familia Franco

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago presentará un recurso de casación ante o…

3 anos ago