Sánchez Bugallo afirma que a nova estación de buses de Santiago que inaugura mañá, “é unha peza fundamental para consolidar a intermodalidade”

Mañá sábado, 22 de maio, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo,  inaugura a nova estación de autobuses, que xestiona TUSSA por encargo do concello de Santiago. Un espazo que se configura, segundo explicou en rolda de prensa, como “unha peza fundamental para consolidar a intermodalidade” en Compostela, xa que nesa zona se concentrará tamén o transporte metropolitano, o urbano e o transporte por ferrocarril.

O alcalde afirmou que o traslado da estación de autobuses á nova ubicación é un “salto”, moi importante que vai supor “un reforzo da oferta de transporte e unha economía e facilitación para os usuarios” tanto do transporte terrestre como os que utilicen o ferrocarril.

O trasladar o transporte metropolitano á rúa do Horreo permitirá, sinalou o rexedor, que as persoas procedentes do concello limítrofes poidan estar á vez no centro da cidade, e “coller o tren a 100 metros de distancia”. Coa nova estación de autobuses funcionando, e a posta en servizo da conexión de alta velocidade con Madrid, a intermodal configurarase como “o maior centro nodal de transportes de Galicia, que vai mover, nun ano normal, entre 5 e 7 millóns de persoas”, segundo explicou Sánchez Bugallo. Consolidará, ademais, “a posición central do Ensanche e suporá unha revolución extraordinaria nas comunicacións e nos sistemas de transporte”.

O alcalde tamén respondeu as reticencias amosadas por algúns veciños de Pontepriña coas obras realizas na construción da Intermodal. Para o alcalde, “hai unha mellora notable” na posición central que pasa a ocupar o barrio, na súa permeabilidade e na súa conectividade co resto da cidade”. “Irase mellorando o que se poida mellorar, pero desde logo, Pontepedriña hoxe queda infinitamente en mellor posición da que estaba hai un ano, e a imaxe é moito mellor que a que tiña”, engade.

Sobre os posibles problemas de tráfico na zona cando xa estea funcionamento a estación de autobuses, explicou que o vial Clara Campoamor, “rematado hai oito meses”, non foi deseñado como vía de paso”. A vía de paso, “segundo o criterio municipal, é o túnel do Hórreo”. Clara Campoamor deseñouse, engadiu, para facilitar a entrada e saída dos aproximadamente 20 autobuses” que cada hora pasarán pola estación, “para que o tráfico circule a unha velocidade moderada”, e para facilitar o tránsito dos peóns. “Temos que dar preferencia á seguridade e ao funcionamento do transporte público”, finalizou.

Promoción turística de Santiago de Compostela

O alcalde anunciou que este martes, Santiago presentará a súa oferta turística na embaixada de España en París nun acto organizado polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Xunto a Sánchez Bugallo estará o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte. Tamén contará coa participación da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Unha iniciativa, sinalou, que forma parte “dunha promoción nacional e internacional moi potente” das cidades patrimonio que se está desenvolvendo en colaboración con Turespaña.

O rexedor destacou que os “valores do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade  “coinciden coa aposta do Goberno central por unha diversificación do turismo” que, ademais de centrarse nos visitantes que buscan “sol e praia”, inclúe unha oferta vinculada ao ámbito cultural e ao turismo de natureza, “dentro do que as cidades patrimonio somos unha referencia fundamental”.

No caso de Santiago, detallou que terá unha importante presencia, nesta campaña do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España. “Estaremos en Europa, estaremos en América e estaremos en Asia”.

Sánchez Bugallo tamén destacou “a boa acollida” dos proxectos e campañas presentadas por Turismo de Santiago en FITUR, a Feira internacional de Turismo á que asistiu en Madrid xunto a Sindo Guinarte. Proxecto como as guías turísticas e “Ao outro lado do espello”.  O alcalde sinalou que “somos conscientes da limitación que ten o escenario actual, pero estamos convencidos de que se fai camiño ao andar. Polo tanto temos que iniciar esa senda de recuperación”. Para o rexedor “o turismo vaise ir recuperando, primeiro  pouco a pouco, e probablemente a partir do verán irá máis rápido. É un camiño no que hai que estar; no que vai haber e está habendo gran competencia”. Neste sentido explicou que Santiago está actuando a través de tres plataformas moi potentes: o Xacobeo, a campaña específica de Turismo de Santiago; e a través do Grupo de Cidades Patrimonio, en colaboración co Ministerio de Industria e Turismo e de Turespaña”.

Praza de Abastos

A preguntas dos xornalistas, o alcalde tamén se referiu aos avisos de sanción a varios comerciantes da Praza de Abastos, que recibiron tras non pagar a cuota correspondente aos servizos de mantemento do recinto. O rexedor explicou que hai máis de cen usuarios de casillas que pagan ese canon de 84 euros ao mes, que inclúe os gastos de limpeza, dos que se fai cargo a cooperativa do mercado.

Pero o problema xurde, sinalou, cando hai nove usuarios que non abonan ese canon. Entón, “a cooperativa da Praza de Abastos pídelle amparo ao concello de Santiago, despois de que esas persoas se negaran a pagar os gastos”. E por iso, engade Sánchez Bugallo, se lle requíre a esas nove persoas que cumpran coa súa obriga, porque a quen están perxudicando é a máis dun centenar de compañeiros”.

Prima 20

Sánchez Bugallo tamén adiantou que a campaña festiva de dinamización do comercio Prima 21 se desenvolverá os días 3, 4 e 5 de xuño.

Recent Posts

O alcalde anuncia que esta semana comeza a negociación orzamentaria

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que co comezo do ano, "empezaremos coa…

4 anos ago

O rexedor pedirá unha rolda de entrevistas cos ministros do novo goberno de Pedro Sánchez para tratar os asuntos pendentes con Santiago

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, avanzou que, en canto xuren o cargo, pedirá…

4 anos ago

Sánchez Bugallo amosa o interese en chegar a acordos o máis amplos posibles cos demais grupos para sacar adiante os orzamentos

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, sinala a PP e Compostela Aberta, como as…

4 anos ago

O goberno local presenta a próxima semana a primeira parte das actuacións vinculadas ao Ano Santo

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, adiantou que o goberno municipal convocou o luns…

4 anos ago

O alcalde sinala que non caso das estatuas do Mestre Mateo se produciu unha apropiación indebida por parte da familia Franco

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago presentará un recurso de casación ante o…

4 anos ago