Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde agradeceu aos deputados autonómicos do PSdeG, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños o seu voto favorable á proposta que contempla a rehabilitación integral do edificio e a creación dun acceso ao parque de Belvís.
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2023. A Deputación da Coruña aprobou no pleno deste venres dous importantes proxectos para a cidade: a primeira fase das obras do tramo compostelán da Vía Verde Compostela- Tambre –Lengüelle e a rehabilitación integral da Casa da Xuventude, que acollerá servizos públicos municipais e provincias en pleno corazón da cidade, ademais dun coworking especializado nas novas tecnoloxías.
Sobre este último, o alcalde amosou a súa satisfacción pola aprobación deste acordo que calificou de “magnífica noticia para Santiago”. Concretamente o convenio recibiu luz verde con 16 votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular.
“Isto garante unha actuación acorde ao que precisa a veciñanza de Santiago, pero moi especialmente da cidade histórica e do barrio de San Pedro” creando “un espazo extraordinario tanto para a xuventude como para a realización de eventos sociais” explicou o alcalde. O custo da rehabilitación ascenderá en 1.346.000 euros, que será financiada nun 73% (986.600 €) pola Deputación e o 27% polo Concello de Santiago (360.000 €), segundo se estipula no convenio.
Rebaixar o edificio, acondicionalo e crear un acceso ao parque de Belvís
Cunha superficie construída de 1.700 m2, a Casa da Xuventude acollerá no primeiro andar un novo espazo de coworking especializado no metaverso que se integrará na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación e a outros usos provinciais no eido cultural, educativo e de servizos sociais ou relacionados coa formación de empregados públicos ou co desenvolvemento de iniciativas de reactivación e potenciación da actividade económica na comarca de Santiago. O segundo andar estará destinado a usos do Concello, para a prestación de servizos municipais á cidadanía.
Aproveitarase o auditorio existente e unha vez rehabilitado e acondicionado será un elemento de uso compartido entre Concello e Deputación e terá acceso dende todos os espazos comúns.
A colaboración entre ambas as dúas administracións facilitará aproveitar a situación privilexiada do inmoble en pleno casco histórico e potenciar o seu uso como centro de servizos á cidadanía.
“Fronte ás propostas de demoler o edificio, os gobernos da Deputación e do Concello de Santiago avogamos por rehabilitalo, seguindo os principios da economía circular e todas as directrices europeas que promoven a rehabilitación de edificacións fronte á demolición”, afirmou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.
Concurso de propostas para a rehabilitación do edificio
Para acometer as obras de rehabilitación do edificio, a Deputación organizará un concurso de ideas ao que poderán presentar as súas propostas todos aqueles e aquelas arquitectos e arquitectas colexiados/as no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
O gañador ou gañadora do primeiro premio do concurso será a persoa á que se lle encargará o proxecto básico e o de execución e dirección de obra, que poderá ser compartida cos servizos técnicos da Deputación da Coruña.
Ademais, en función da calidade dos traballos presentados poderanse outorgar un segundo e terceiro premio de 3.000 e 2.000 euros respectivamente, así como a publicación das propostas con mellor puntuación polo xurado.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela