Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023. Santiago vai, é o lema que presentou hoxe o alcalde Sánchez Bugallo de cara a campaña das municipais do 28 de maio. Dúas palabras coas que fai balance de xestión “desbloqueando unha cidade que estaba sumida na parálise despois de dous gobernos desastrosos”, ao tempo que fai unha declaración de intencións: “agora que Santiago vai é o momento dos barrios, de cada parroquia, de cada rúa, de cada parque, da cultura, do deporte e do talento. É o momento de cada un de vós” recalcou un efusivo Bugallo que sentenciou asegurando que “é o momento de Santiago”.
Un Sánchez Bugallo arroupado nunha sede completamente chea que se amosou optimista de cara as próximas semanas, poñendo en valor o traballo feito nestes catro anos: “volvemos a crear emprego impulsando a industrialización, fixemos despegar as grandes infraestruturas como a Intermodal, o Orbital e o Obritaliño; modernizamos a administración e renovamos os servizos” recalcou o alcalde que tirou de cifras para avalar a xestión dos últimos anos.
As 87 licencias para novas empresas no polígono da Sionlla, as 700 persoas atendidas diariamente polo Servizo de Axuda no Fogar, os seis millóns de euros mobilizados polo comercio local no marco da campaña dos Bonos Corazón, os 140 quilómetros de sendas verdes recuperadas cos Xiros dos Montes ou os datos de récord do aeroporto e da estación de buses son algunhas das cifras que confirman que Santiago Vai.
O alcalde destacou o traballo realizado para “desbloquear a xestión diaria” renovando os grandes contratos de servizos: “un novo contrato de mantemento dos parques e xardíns; o Servizo de Axuda no Fogar, atendendo a máis de 700 persoas e tamén o novo contrato de limpeza e recollida de lixo que aposta por un sistema máis sostible incorporando o contedor marrón e apostando por vehículos eléctricos”.
Tamén o contrato de iluminación pública foi adxudicado hai unhas semanas “o que implicará a renovación de todo o alumeado” e o transporte público iniciou o proceso de licitación “con novas rutas, máis frecuencias e con vehículos cero emisións”.
“Con enerxías renovadas e cun proxecto de cidade reforzado”, Sánchez Bugallo está convencido en que concorre ás eleccións a gañar: “eu preséntome para gañar as eleccións, non me presento para empatar”. E asegura que a candidatura que o acompaña é “solvente e conta con perfís do asociacionismo, da cultura ou do deporte aspirando a ser representativa de toda a sociedade”. Son, explica, “persoas que sen ter unha militancia activa no PSOE asumen o compromiso de participar neste proxecto con vocación de servizo plena”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela