Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe na entrega de premios “10 de marzo”, organizado pola “Fundación 10 de marzo” de Comisións Obreiras. Neste 2021 os premios recoñecen as traxectorias e o labor realizado por Xosé Gómez, Ángel Cameselle e Yolanda Díaz.
Na súa intervención, o rexedor felicitounos e sinalou, na súa intervención que, con estes galardóns, se reñece “a dúas persoas que loitaron pola liberdade sindical, que hoxe está reconocida plenamente, pero ao mesmo tempo aparece cuestionada na súa efectividade”, e a unha ministra galega, “da que todos nos sentimos moi orgullosos, porque está dando un exemplo de capacidade dialogante e resolutiva; polo que creo que é un recoñecemento merecido”
Sánchez Bugallo describiu a Comisións Obreiras “como un sindicato moi combativo e moi negociador, que evolucionou cunha amplitude de miras que, sen romper coa súa orixe, apareza hoxe como un sindicato diversificado e moi flexible en moitos ámbitos”. O alcalde rematou dándolle as grazas a CCOO polo “labor que desempeña”, e por escoller Santiago nesta edición da entrega de premios. “Aínda que cambie o xeito de produción, os máis débiles, que son os máis numerosos, necesitamos de instrumentos de unión para seguir avanzando na igualdade”, porque “coa globalización o risco que corremos e que haxa un enriquecemento brutal dun poucos a costa do empobrecemento da maioría”.
Xosé Gómez, Ángel Cameselle e Yolanda Díaz representan, segundo sinalan desde Comisións Obreiras, “distintas xeracións, como diferente é tamén o seu vínculo co sindicato, pero coa mesma vontade de servir a clase traballadora”.
Ángel Cameselle é un destacado sindicalista da sanidade que acometeu a complicada tarefa de reestruturar a organización nun sector en que estaba desmantelado e foi medrando ata ser a primeira forza sindical en Vigo. Xosé Gómez, é un sindicalista ourensán que se afiliou a Comisións Obreiras aínda na clandestinidade e desde aquela faría da loita pola clase obreira o eixe da súa traxectoria vital. E Yolanda Díaz, avogada laboralista e actual ministra de Traballo, que demostrou, segundo CCOO, “que é posible xestionar unha crise desde unha perspectiva social e dialogando coas organizacións sindicais”.
10 de marzo
O 10 de Marzo de 1972, dous traballadores da Empresa Nacional Bazán, Amador Rey e Daniel Niebla, que se manifestaban polos seus dereitos, foron asasinados pola policía da ditadura franquista. Esa data, marcada como o Día da Clase Obreira Galega, é conmemorada anualmente polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia coa realización dun acto de homenaxe a todas as persoas destacadas pola súa loita na defensa dos traballadores e as traballadoras.
A importancia desta conmemoración fixo que o Parlamento galego, a instancias do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, aprobara por unanimidade o 5 de marzo de 1997 unha declaración institucional sobre o 10 de Marzo na que se recoñecía o significado histórico desta data.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela