Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, amosouse satisfeito co transcurso do debate sobre o estado do municipio, celebrado o sábado pasado, tanto a nivel de calidade como de balance da xestión do goberno. Ao respecto sinalou “ninguén cuestionou o bon desenvolvemento” das nove cuestións principais para a cidade.
En concreto, o rexedor afirmou que, un debate deste tipo, “sempre é un acto interesante, porque nos axuda, ao goberno, a facer unha avaliación en todos os ámbitos e dános unha oportunidade de posta en común de todo iso”. O rexedor dixo sentirse satisfeito tanto da “calidade do debate, como do balance que presentou o goberno municipal, sobre todo no relativo ás nove cuestións principiais”, que para Sánchez Bugallo son “as catro que marcamos desde o inicio desta crise pandémica e as cinco prioridades que todos os grupos políticos, por unanimidade, ao inicio desta corporación, decidimos que eran os elementos troncais que ían definir este mandato, o conxunto do mandato”. O alcalde amosou a súa satisfacción, porque “nestas nove cuestións”, ningúen cuestionou o bon desenvolvemento do goberno, e isto parécemento importante”.
Cos catro eixos prioritarios reformulados ao inicio da pandemia o obxectivo do goberno municipal era da resposta ás necesidades e demandas do momento; con apoio a quen máis o necesita (ás persoas e familias máis vulnerables), co apoio aos sectores económicos máis gravemente afectados; co mantemento dos servizos públicos, en circunstancias distintas as habituais; e coa reorganización do funcionamento da administración pública para que seguise sendo operativa, priorizando o teletraballo onde era posible e reestruturando o funcionamento dos diferentes servizos municipais.
Os outros cinco obxectivos prioritarios, nos que tamén se produciron avances importantes, son os plasmados no acordo subscrito por todas as forzas políticas que integran a Corporación Municipal e polos representantes do Foro Cívico de Santiago, ratificado por unanimidade no Pleno ordinario do mes de xullo 2019 e convertido en declaración institucional. Son a industrialización de Compostela, a estación intermodal, as infraestruturas A-54 co Orbital e o Orbitaliño, a EDAR, e a reforma e modernización da administración local.
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, Sánchez Bugallo avanzou que haberá un novo pleno “previsiblemente o 12 de febreiro, para aprobar o convenio de cesión e utilización da estación de autobuses nova, e tamén de adquisición das accións da sociedade mixta USC_Concello de Santiago_UNINOVA”, á marxe doutros temas que se poidan incorporar.
COVID-19
O rexedor informou que, a día de hoxe, o número de positivos é de 708, “isto quere dicir que levamos seis días nunha certa estabilización” e incluso cun pequeno descenso no número de contaxios. “Imos confíar en que isto sexa indicativo de que chegamos a esa fase de meseta”, sinalou; aínda que engadiu, haberá que esperar aos datos dos próximos días para coñecer como evoluciona a curva de infectados.
Sánchez Bugallo recordou que o tope de contaxios acadouse o día 26 de xaneiro, con 746 persoas contaxiadas. Desde esa data, hai “unha certa estabilización”. “Esperemos que a partir de agora este número empeza a baixar. Sería xusto que se empecen a producir datos positivos, tendo en conta os enormes sacrificios que está asumindo a cidadanía. Digo esto non para que nos relaxemos, se non para que sexamos conscientes de que os esforzos producen resultados”, continuou o alcalde. “Non son esforzos valdíos ou inútiles. Non me atrevo aínda a facer pronósticos de descenso, pero a estabilización é a fase previa á baixada”.
O alcalde sinalou que durante esta pandemia estase mantendo unha constancia nas accións de control, con 1.360 propostas de sanción formuladas pola policía local ata o 31 de decembro. “Estase a facer un seguimento moi importante”, sinalou, aínda que recoñeceu que as festas en pisos non desaparceron, “pero o seu número é máis reducido que o problema que podiamos ter” en setembro e outubro, pasados. Engadiu o rexedor que “cada vez empezan a cobrar máis peso as multas por incumprimentos horarios de toque de queda e por incumprimento do peche perimetral”. Para o alcalde, é evidente “que a inmensa maioría da cidadanía ten un comportamento responsable”, aínda que recoñece que, “estamos pagando un altísimo precio polo incremento da mobilidade no Nadal e tamén, probablemente, pola presenza de novas cepas máis contaxiosas que as anteriores”. Ao rexedor parécelle positivo a estabilización no número de casos activos. “Pero non debemos equivocarnos”, continúa, “a presión hospitalaria é posible que siga crecendo nos próximos días.
Respecto ao peche de comercios, di que en xeral se está cumprindo. Tamén destaca que a reducción da mobilidade “o número de persoas que vemos pola rúa en Santiago, polas tardes, é moi baixo” igual que o número de vehículos que circula polas rúas de Santiago, un 25% menor que o ano pasado por estas datas. E a tendencia é de descenso: “esta semana hai un 5% de vehículos menos que a semana pasada, concentrándose polas mañás, non pola tarde”.
Sobre o cribado realizado esta fin de semana no recinto feiral de Amio, o alcalde asegurou que “funcionou moi ben, desde o punto de vista operativo. Colaboramos activamente na sua organización e na posta a disposición do Sergas das instalacións”. Visitouno, dixo, o sábado pola tarde, para ver como estaba funcionando todo. “Pensei”, subliñou, “que se tivésemos vacinas este sistema permitiría vacinar á poboación nun tempo récord”. Ao respecto, explicou que “funcionou cunha puntualidade e rapidez extraordinaria. Xa escollemos ese lugar pola súa amplitude espacial”, continuou. “É posible que o cribado de Amio “provoque un incremento puntual de casos activos de Santiago”. Chamoulle a atención que un 30% das 9.080 persoas convocadas, que 3.000 non aparecerceran “Paréceme unha irresponsabilidade manifesta”, engadiu.
Sobre as novas convocatorias de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia, reiterou de novo, que a previsión é realizar a convocatoria “en marzo ou abril”. En principio, continuou, “non descartamos a posiblidade de agruparnos con outras administración. Pero traballamos coa hipótese establecida, dunha nova convocatoria. Isto non quere dicir que non vaia coordinada. Na convocatoria de decembro utilizamos moitos dos elementos da convocatoria da Xunta”, explicou.
Sánchez Bugallo indicou que as axudas solicitadas polo sector cultural, a hostalería e o comercio, “se teñen que pagar esta semana. Están todas as solicitudes resoltas, e todos os decretos asinados”. Para o concello, engade “é un tempo record. O 10 decembro ábrese o prazo de solicitudes e o 30 de decembro finaliza o prazo de presentaciónde documentación”. Espera que para o 10 de febreiro, estean todas pagadas; para a reunión que, avanzou, ten previsto celebrar a semana que ven coas asociacións de comerciantes. A continuación reunirase cunha representación do sector hostaleiro, para “perfilar a nova convocatoria”. O alcalde recordou que se presentaron unhas 1.200 solicitudes, das que 830 se resolveron favorablemente.
Enlace á emisión da rolda de prensa de Sánchez Bugallo do 01 de febreiro de 2021
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela