Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, pide responsabilidade á cidadanía, especialmente á mocidade, ante o inicio, hoxe, do curso na USC, e o vindeiro mércores en ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, o rexedor indicou que “estamos ante un gran reto” que é a volta as clases, e por iso é importante, engadiu “que todos sexamos conscientes de que nos próximos 15 ou 20 días, ímonos xogar” se podemos reducir, manter ou incrementar as medidas de protección e seguridade impostas por mor da COVID19.
Sánchez Bugallo fixo unha chamada á “corresponsabilidade de todos”, sobre todo dos estudantes “que teñen que pensar en si mesmos, pero tamén nas consecuencias que pode ter unha actuación irresponsable para as súas familias e para terceiras persoas”. A continuación anunciou un reforzo dos sevizos da policía local, e avanzou que está pendente de falar co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, para poder contar coa “colaboración” da Policía Nacional neste labor.”Temos que actuar, temos que tramitar todas as denuncias”, engadiu, sexa por botellón ou por outros incumprimentos da normativa,entre eles as festas en pisos.
Esta fin de semana, segundo os datos aportados polo alcalde, “denunciáronse 20 festas en pisos”. Esta cifra supón, “un incremento notable” debido, segundo explicou, por unha parte “a que hai máis sensibilidade” cara estas prácticas por parte da cidadanía; e por outra, a que os locais de hostalaría pechan antes, como moi tarde á unha da madrugada, e, continuou, “hai quen non se resiste a dar a festa por rematada e quere continuala noutro ámbito”.
O rexedor insistiu en que “dentro das nosas posibilidades e capacidades, estaremos absolutamente atentos para tramitar todas as denuncias”. Asegura que “é unha gravisima irresponsabilidade por parte dos que a cometan”, e por parte de todos os demáis “ser tolerantes con eses comportamentos”. “Temos un gran risco”, advertiu, con “gravísimas consecuencias económicas”, para a cidade; pero tamén, engadiu, “pode ter consenciencias gravísimas para a vida de moitas persoas”. Razóns polas cales o alcalde solicitou “a colaboración de todos, da Xunta, da policía autonómica, da policía nacional, das direccións dos centros escolares, ou das familias”. Para Sánchez Bugallo, o gran factor de risco, “non vai estar no centro” de estudios, vai estar “na actividade de socialización que ven a continuación, en festas, botellóns, etc.” .
O alcalde rematou dicindo que todos “temos que por da nosa parte” para controlar este tipo de accions “que temos que considerar non só irresponsables, se non gravemente dañinas para o interese xeral”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela