Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023. Na Praza Roxa, en pleno corazón do Ensanche, o alcalde pechou a campaña das municipais apelando ao voto “útil, sensato e centrado” pensado en “gobernar e non en bloquear”: “pido a todos os que dubidan que fagan que o seu voto goberne; que me axuden a gobernar en solitario, que os seus votos non sirvan para bloquear Santiago”.
“Non se trata de elixir entre o PSOE e o PP, tratase de elixir o Santiago que queremos, e quen pode construír mellor ese Santiago” reivindicou o alcalde que insistiu en que nestas eleccións os votos poden servir para “gobernar ou bloquear, para construír ou para destruír”, presentando o seu proxecto como o único capaz de facer o “Gran Santiago que a xente nos demanda”.
E ese “gran Santiago” que Sánchez Bugallo está decidido a construír pasa por “coser a cidade cos barrios, completar un modelo de mobilidade para o novo século, relanzar a construción de vivendas, crear oportunidades para os máis novos e deseñar novos modelos de vida para uns maiores activos”.
“Construiremos 10.100 vivendas, 8.000 delas a prezo taxado” co impulso do Ensanche norte, explicou o alcalde que reiterou a súa decisión de recuperar Emuvissa para desenvolver os polígonos de A Pulleira, Amio, Cancelas e Mallou. Ademais, en políticas de conciliación “faremos que todos os nenos de Santiago que cumpran 14 anos teñan unha bolsa para estudar inglés no estranxeiro”, tamén para facilitar a conciliación dos pais e nais xa anunciou a creación dunha nova ludoteca en Santa Marta.
Unha cidade “moderna, sen barreiras e peonil” é a que Sánchez Bugallo seguirá construíndo a partir do 28 de maio, con “transporte a demanda para que todo o mundo teña transporte ao carón da súa casa”, con solucións mecanizadas para “promover a mobilidade peonil” e con aparcadoiros máis económicos, “con prezos públicos para os residentes de Compostela”.
“Fomos quen de crer e de crear, de protexer as familias e de relanzar a actividade económica”
Coa “enorme satisfacción” que supón que Santiago sexa unha das cidades de España que mellor se recuperou da crise, Sánchez Bugallo recalcou que durante este mandato conseguiuse relanzar a actividade económica logo da crise sanitaria, social e económica: “somos a cidade que máis pronto está a ter mellores indicadores que antes da pandemia”.
“Santiago é a cidade de Galicia onde hai mellores postos de traballo, mellores rendas, mais viaxeiros, onde se implantaron mais empresas, no que se incorporaron máis emprendedores ao comercio” recalcou o alcalde.
“Temos unha cidade para soñar e para vivir, e queremos seguir téndoa”
Sánchez Bugallo concluíu o seu discurso chamando a votar “por Santiago” e en contra “das tuneladoras”: “votar pola cidade histórica e polos barrios, polo rural, polos Ensanches, a votar polos que queren crer e crecer en Compostela”. Uns votos que, segundo o alcalde, “construirán o Gran Santiago que queremos”.
“Nós queremos construír, e o PP de Verea está empeñado en derrubar; en derrubar o patrimonio histórico, derrubar a casa da xuventude e derrubar as vivendas familiares da cidade histórica para entregarllas ao mercado turístico” criticou Bugallo.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela