Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2023. Co aval de “catro anos nos que se fixo máis que nos oito anteriores” o alcalde, Sánchez Bugallo inicia a campaña cara o 28 de maio “con forzas renovadas, ilusión e vocación de seguir transformando a cidade” preparando Compostela para o que será o “terceiro gran salto”: “este Santiago quedou pequeno, temos que pensar en construír o novo Santiago no que os barrios formarán parte do núcleo da cidade”.
Acompañado polo ministro de Sanidade, José Miñones e o secretario xeral do PSdeG, González Formoso, o alcalde asegurou “non poñerse límites”: “seguiremos a traballar pola igualdade e a inclusión, atendendo cada día ás veciñas e veciños que máis o necesitan, aos nosos maiores, e construíndo oportunidades para esas nenas e nenos, mozos e mozas que son o noso futuro” e que “queren construír aquí o seu proxecto de vida, na mellor cidade do mundo”.
“Por todos eles, por todo isto, imos gañar as eleccións”
“Santiago vai, e nós vamos con el” asegurou o alcalde, convencido de que os datos de Santiago son os mellores de calquera das cidades galegas: “temos os mellores datos de emprego, os maiores niveis de renda, a maior afluencia de visitantes na cidade, vivimos a máis grande expansión de solo industrial dos últimos tempos, a maior implantación de empresas e a maior incorporación de novos emprendedores”.
Un éxito que fai “que todo se nos quede pequeno”: “os polígonos industriais, o aeroporto, a Intermodal… agora que Santiago Vai é o momento de dar un salto cara adiante” destacou o alcalde que fixa como prioridades “ofrecer emprego, crear vivenda, facer medrar a cidade, aumentar a articulación interior e integrar o Santiago que está fóra de Compostela”.
“É o momento de construír este gran Santiago no que o rural será parte fundamental” recalcou Sánchez Bugallo ante unha Praza de Mazarelos chea de veciñas e veciños aos que lles pediu “compromiso” e “esforzo”: “para construír ese gran Santiago que vos propoño necesito de cada un de vós”. O alcalde que anunciou ademais que o próximo luns presentará o programa electoral co que transformará Compostela a partir do 28 de maio.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela