Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, lamenta que os orzamentos da Xunta para o vindeiro exercicio non conten con partidas concretas que supoñan un “beneficio directo para a cidadanía”, como si teñen os orzamentos do Estado.
O rexedor compostelá realizou hoxe unha valoración dos orzamentos. Sinalou que hai dúas actuacións, con incidencia máis directa na cidadanía de Santiago, que son o apoio ao biopolo, para o que hai contemplada unha partida de 5 millóns de euros “que xa estaba comprometido” e a ampliación do Hospital Clínico, á que se destinarán 8,7 millóns de euros. Sobre o resto de actuacións, aclarou que están “ vinculadas a instalacións da propia Xunta”. Citou, en concreto, a ampliación dos edificios administrativos da Xunta, no lugar que ocupaba a antiga estacion de autobuses, para a que se contemplan 4 millóns de euros; e a remodelación de San Caetano, cunha partida de 3,7 millóns de euros.
Son, engadiu, “servizos internos da propia comunidade autónoma. Nese sentido hai diferenza cos propios orzamentos do Estado, onde ían temas como a estación de tren da Intermodal, ou o remate do periférico, concretamente co orbital”. Reitera que “votamos en falta actuacións que sexan dun beneficio directo para a cidadanía. Actuacións que si vemos noutras cidades”.
Tamén alertou que “non suma a capitalidade nin a aportación ao Consorcio de Santiago”. Queda esperar, sinala, ao debate parlamentario. Sobre os orzamentos que lle corresponderían a Santiago de Compostela, como capital de Galicia, Sánchez Bugallo recorda que, segundo, unha estimación de hai quince anos sitúa esta cifra “en torno a seis millóns de euros”.
En canto ao Consorcio de Santiago, o alcalde recoñece que “as aportacións doutras administracións, tanto do Estado como da Xunta “minoraron significativamente a partir do ano 2011 e realmente non se volveron recuperar.
“De momento”, continúa, tanto o goberno central como o autonómico manteñen conxeladas as súas aportacións. “Todos esperabamos, sinalou “que se puidesen comezar a recuperar esas cantidades destinadas o Consorcio de Santiago, para achegarnos o máximo posible ao que tiñamos no 2010, que eran 6,5 millóns por parte da Comunidade Autónoma e 12 millóns de euros por parte do Estado”.
“Teño a esperanza de que se poida mellorar neses aspectos”, engadiu. “Pero, sobre todo o que voto en falta, son actuacións de apoio directo o conxunto da cidadanía de Santiago”.
Sobre as aportacións ao Xacobeo, parécenlle ben, pero subliña que “é o Xacobeo de toda Galicia, non o Xacobeo de Santiago. Polo tanto non é algo específico para a nosa cidade, se non para o conxunto dos galegos”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela