Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023. Catro polígonos de vivenda, son os que proxecta o Plan Xeral e que Sánchez Bugallo está decidido a impulsar coa recuperación da empresa pública de vivenda e solo: “isto permitiranos que unhas 30.000 persoas habiten a zona norte de Santiago, nun lugar estratéxico ao carón dos polígonos industriais e cubrindo todas as demandas de vivenda durante esta década e a próxima”.
Comezando polo polígono da Pulleira, os seguintes serán Cancelas, Amio e Mallou. En total se trata de 130 hectáreas de zona residencial, das que un 30%, 40 hectáreas, se reservarán para espazos verdes, permitindo a construción de máis de 10.000 vivendas, 8.000 delas a prezos tasados.
“O noso obxectivo é comezar pola Pulleira e desenvolver e recuperar os outros plans parciais, elaboralos e aprobalos” explicou o alcalde recalcando que este é un plan de traballo “de 12 anos” para desenvolver o Ensanche norte e “satisfacer as necesidades de vivenda de Santiago de toda a próxima década”.
E é que a Pulleira conta xa cun Plan Parcial aprobado, feito pola antiga Emuvissa: “tamén os outros tres plans parciais estaban feitos, pero o Partido Popular decidiu metelos nun caixón” explicou o alcalde, asegurando que agora é o momento de “retomalos e reelaboralos coas modificacións lexislativas destes catro anos”.
“A nova ampliación de Santiago, o gran Santiago que plantexamos permitirá que unhas 30.000 persoas habiten a zona norte de Santiago”
A Pulleira, contando xa co Plan Parcial aprobado, é un polígono dunhas 30 hectáreas de extensión con capacidade de 2.200 vivendas das que, 1.800, estarán acollidas a réxime de protección. O de Mallou é o máis amplo con 37 hectáreas e capacidade de ata 3.500 vivendas. Outras 1.900 se ubicarán no polígono de As Cancelas e 2.500 máis en Amio.
“O gran reto que temos que abordar é o residencial” explica o alcalde que sinala dúas grandes prioridades que deben ser asumidas por calquera concello: a xeración de emprego e a busca de alternativas de vivenda. “Coa primeira xa abordada e uns resultados razonablemente satisfactorios, agora é o momento de dar o salto en materia de vivenda”.
Atraer, reter e fixar poboación
Santiago é a cidade que máis reduciu o paro e cos mellores datos de emprego de Galicia. Con estas cifras, aínda que “temos que seguir traballando na ampliación de solo industrial e facilitando a implantación de empresas” con tres novos polígonos industriais xa proxectados, o alcalde fixa como prioridade “atraer, reter e fixar poboación”.
Unha parte desas cifras récord en materia laboral vai da man das 30.000 persoas que diariamente veñen a traballar a Santiago. Ofrecer unha alternativa de vivenda coa creación de novos polígonos é troncal para que “Santiago dea ese gran salto e siga medrando”.
A construción de nova vivenda, explicou o alcalde, debe ir acompañada dunha política de rehabilitación para vivenda habitual na cidade histórica e dunha integración da zona sur -Castileiriño, Conxo, Santa Marta…- ‘cosendo’ a cidade: “mellorar a oferta de vivenda implica necesariamente xerar espazos que melloren a calidade de vida das veciñas e veciños de Santiago, facendo que Compostela medre ao tempo que o fai de forma compacta, integrando os barrios e conectando o rural, construíndo un gran Santiago”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela