Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou hoxe o compromiso do goberno municipal coa utilización das propiedades como vivenda e non como negocio. Foi na rolda de prensa dos venres, na que se referiu a aprobación, onte en pleno, do texto refundido da modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial, en execución da sentenza do TSXG número 547/2020.
O rexedor explicou con esta aprobación acátase a sentenza e anúlase o artigo 143 bis, que permitía a regularización das vivendas e aloxamentos turísticos anteriores á suspensión de usos. Este artigo estaba incluído na Modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica (PE-1) para limitar os aloxamentos de carácter temporal no seu tecido residencial, aprobada en pleno o 15 de novembro de 2018, e publicada no BOP o 22 de novembro de 2018. O alcalde recordou que neste caso, os que recorreron esta modificación, son os máis perxudicados pola sentenza e pola anulación deste artigo, xa que lle pecha a porta á súa regularización. O problema, sinalou, son aquelas actividades anteriores a 2017, á lei regulatoria da Xunta de Galicia e ao plan municipal, sen licenza municipal e que non cumpren os requisitos establecidos, “aínda que estean inscritos no rexistro da Xunta”, xa que “a autorización de uso é municipal, non do Goberno autonómico”. Neste sentido, Sánchez Bugallo avanzou que a corporación traballará nunha ordenanza especial que regule os usos preexistentes.
O rexedor confirmou que o Goberno seguirá na liña prevista de limitación, “que non prohibición” deste tipo de propiedades, “favorecendo así o seu uso como vivenda”. “Aínda que moitos poidan entender as vivendas como un negocio, nós non o entendemos así, continuou. “O criterio non é prohibir os pisos turísticos, senón regulalos”.
Orzamentos
O alcalde avanzou que a intención do goberno municipal é levar a pleno, na primeira quincena de marzo, “a aprobación inicial da modificación do Plan xeral que recolle a regulación dos usos turísticos non só no casco histórico, senón tamén no conxunto da cidade”. Nesa mesma sesión plenaria tamén se introduciría, para a súa aprobación, o proxecto de orzamentos de 2021.
“A nosa intención”, indicou Sánchez Bugallo, é iniciar a semana que vén a tramitación formal” do orzamentos. “Fai tres semanas que os grupos teñen o borrador dos presupostos, e aínda que recibimos propostas xenéricas, non nos chegou ningunha concreta. A tramitación non se pode pospor máis tempo; esperamos algunha iniciativa específica pronto”, sinalou o alcalde.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela