Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O período medio de pago no mes de decembro, foi, segundo destacou o alcaldede Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, de 16,97 días: “o mellor PMP desde xuño de 2015”, cando se situou en 16,34 días. Un dato “positivo” que, explicou, “mellora os 27 días do mes de novembro.
O PMP, ou período medio de pago, é, segundo sinalou o rexedor, “unha especificación que está controlada polo Ministerio de Facenda” co obxectivo de que todas as administracións públicas paguen a proveedores nun período menor a 30 días. O dato do PMP de decembro, de 16,97 días, “está por enriba da media”. Ademais de ser o mellor dato mensual desde xuño de 2015, é, explicóu Sánchez Bugallo, “o mellor mes de decembro desde 2014”.
Orzamentos 2021
En relación ao presuposto de 2021, o rexedor avanzou que agora mesmo se completou o ciclo “en todos os consellos de administración das sociedades”, e que a continuación “se conformará o proxecto de orzamentos coas incorporacións de todos eses elementos”, en referencia aos orzamentos das distintas sociedades de participación municipal. A continuación, explica, “remitiranse a Xunta de Goberno para a súa aprobación como proxecto, en canto recibamos o informe de intervención”.
O alcalde reitera que todos os grupos municipais, “aínda que estea sen formular formalmente o proxecto de orzamentos, coñecen a proposta desde hai dúas semanas”, tanto Compostela Aberta, como o BNG, como o PP. “Eles teñen elementos suficientes para facer as súas propostas no momento en que estimen oportuno e cando o estimen oportuno”, sinala.
Axudas comercio
A preguntas dos xornalistas, o alcalde respondeu ás afirmacións do BNG local nas que solicitaba unha convocatoria extraordinaria para darlle “axudas aos comercios que quedaron fora” da convocatoria de decembro. Sinala Sánchez Bugallo que “o que interesa é o que diga o interventor. E neste caso o interventor di que estes fondos se poderán habilitar unha vez aprobada a liquidación de 2020, cousa que se producirá no mes de marzo”
Polo tanto, engade o rexedor, o que di Goretti Sanmartín é o que veño dicindo eu desde hai varias semanas: “que unha vez aprobada a liquidación, automaticamente se procederá a unha nova convocatoria”. En todo caso, explica que “tería que ser unha nova convocatoria na que se priorizara aos que quedaron fóra”, pero, engade, é un tema “que temos que pactar coas asociacións de comerciantes”.
Ludoteca de Fontiñas
Tamén a preguntas dos xornalistas e sobre a apertura da ludoteca de Fontiñas, explicou que está pendente da aprobación e entrada en vigor do orzamento de 2021, “igual que outra serie de adxudicacións, que coñecen os grupos da Corporación Municipal”, polo que se o presuposto se aproba na primeira quincena de marzo, “se podería producir a adxudicación no mes de abril”.
Pero, aclara, “todos sabemos que as actividades extraescolares están suspendidas en todos os centros de ensino público de Santiago, polo que, previsiblemente, cando se adxudique a ludoteca, terá que abrir cando as condicións sanitarias o permitan” e coas limitacións impostas pola consellería de Sanidade. Por esta razón, para Sánchez Bugallo, “agora mesmo non é unha urxencia, porque non podería comezar a funcionar inmediatamente”.
Muro Pombal
A preguntas dos xornalistas, o alcalde tamén se referiu ao muro do Pombal. Explicou que inicialmente optouse por unha solución provisional e por un diálogo cos propietarios “ que tiña como obxecto que o concello asumise, con cargo aos seus orzamentos, unha obra ambiciosa, que rondaría os 600.000 euros, e que “melloraba a imaxe da rúa e o servizo que presta aos veciños, cun paseo pola parte superior”.
Pero os propietarios, continuou o rexedor “que teñen a responsabilidade directa de garantir a seguridade, non tiñan que aboar nada, só ceder unha parte do terreo”, non chegaron a un acordo co concello, e “o 27 de outubro, requerímolos para que adoptaran as medidas de seguridade esixibles. Contra isto presentáronse alegacións, manifestando, entre outras cousas, que non había risco de caída. Pois os acontecementos demostran que esas alegacións non estaban moi ben fundamentadas”.
Agora, continuou Sánchez Bugallo, “estamos nunha fase na que as medidas de seguridade están adoptadas, estanse contemplando a día de hoxe. Queda unha parte na que a propiedade se compromete a cortar as árbores que estan na beira, porque hai risco de caída”. Neste momento, engadiu, estase actuando nesa dirección, “aínda que a min gustaría que se tivese executado o proxecto previsto que, sigo crendo, é a fórmula máis beneficiosa para os propietarios”.
IES Lamas de Abade
O alcalde confirmou que esta tarde manterá unha reunión coa ANPA do IES Lamas de Abade, á que tamén asisitirá o concelleiro de Educación, Rubén Prol, para falar sobre o traslado do alumando a outros institutos proposto pola Xunta de Galicia, para adicar o centro a Formación Profesional.
Sánchez Bugallo explicou que o IES Lamas de Abade ten moitos problemas, de conxestión, de accesibilidade, etc. e “a decisión que se tome debe ser unha decisión que teña validez para os próximos 40 ou 50 anos”, non deber servir só “para resolver o problema que temos nestes meses”. E iso, engade, “require unha certa reflexión”.
O rexedor subliña que a cesión dunha parcela municipal para construír outro edificio “non é ningún problema. Pódese ceder para un instituto, ou para calquera outro uso desa natureza”. O problema que existe, sinala, “é buscar unha solución válida e potente que nos permita ampliar a oferta en secundaria” e unha “aposta pola FP”. Subliña Sánchez Bugallo que “Lamas de Abade é o principal punto de concentración de Centros de Formación Profesional de Santiago”
“Non debemos desaporveitar a oportunidade de que Lamas de Abade sexa unha referencia en FP”, continúa. Polo tanto, con todos eses elementos imos falar coa consellería de Educación e coas ANPAS e imos propiciar unha solución que sexa a mellor cunha visión” a tres ou catro décadas.
COVID19
Noutra orde de cousas, o alcalde amosouse “razoablemente satisfeito” coa curva epidemiolóxica, ante o descenso do número de casos de COVID19. “Se o día 27 de xaneiro foi o día con máis casos activos, 746; este domingo con 370 eran a metade”. O que cómpre constatar continuou “é que a evolución sigue sendo positiva, a redución sigue sendo diaria, e o ritmo de baixada intensificouse significativamente a semana pasada”, na que se pasou de 601 casos activos, o domingo día 7, a 370. “Unha mellora notable”, indicou, pero con moito camiño, aínda, por percorrer. Neste sentido amosou “a esperanza” de que na fin de semana próxima “estemos por debaixo dos 250 casos”, se se mantén este ritmo “tan favorable”.
Aínda así, o rexedor recorda que “370 casos son unha barbaridade”, polo que, engade, non se poden esperar grandes cambios no relativo ás restriccións. Sobre a reunión do Comité Clínico, sinalou que “a consellería de Sanidade terá que dictar as resolucións correspondentes e loxicamente aos concellos o que nos corresponde é aplicalas”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela