Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou a “reparación histórica” e o que significou de positivo para Galicia e para Compostela, a aprobación da “Lei 4/2022, de 25 de xuño, do Estatuto da Capitalidade da cidade de Santiago de Compostela”. Foi na recepción que tivo lugar hoxe no Pazo de Raxoi, para conmemorar o 20 aniversario da promulgación do texto, que recoñece o estatuto especial de Compostela como sede das institucións autonómicas e recolle os mecanismos necesarios para o tratamento xurídico-administrativo e financeiro da capitalidade desta cidade.
Foto de grupo das autoridades
O rexedor, que foi un dos impulsores da normativa, engadiu que co Estatuto de Capitalidade, “dáselle solución a unha anomalía histórica, que se viña prolongando desde había tempo e ao recoñecemento de algo que era unha aspiración dos galegos e da veciñanza de Santiago”. Tamén, engadiu, se reparaba “unha ferida profunda” desde o cambio do mapa provincial de 1833.
Sánchez Bugallo tamén destacou o consenso acadado polos grupos municipais presentes no concello en 2002, a recepción positiva que tivo cando lle espuxo o tema ao daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, e a unanimidade rexistrada na votación do Parlamento Galego. O texto, indicou, aprobouse “tal cual saira do Concello de Santiago”. “Un paso adiante para a nosa comunidade e o resultado da unión de todos” e “unha demostración práctica de que determinados temas”, polo ben do país, “se deben retirar do debate político e traballar todos xuntos” porque, finalizou, están por enriba de intereses personais e partidistas.
José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, durante a súa intervención
No acto tamén interveu o delegado do Goberno en Galicia. José Miñones subliñou o protagonismo de Santiago na construción do ideal europeísta do continente ao que contribúe desde hai séculos “xeración tras xeración e pedra tras pedra”. Na súa intervención puxo de manifesto como, nestes momentos, cobra valor a visión de Santiago e do Camiño como metáfora da construción de Europa: “hoxe máis que nunca non podemos renunciar ao espírito que representa Santiago”, insistiu, porque “falar de Santiago é reforzar os alicerces que manteñen vivo o espírito e a esencia do que entendemos por Europa”.
Nesta liña, José Miñones renovou o compromiso do Goberno de España “co presente e co futuro desta cidade, en termos de progreso e benestar”. Un compromiso no que traballa co resto de adminstracións e que se manifesta a través de investimentos en infraestruturas, restauración do patrimonio, saneamento, eficiencia enerxética e mobilidade sustentable, e impulso ao turismo e “sempre, subliñando o prestixio e a proxección dunha cidade que se apelida Compostela”.
O delegado felicitou ao conxunto da Corporación e aos veciños e veciñas de Santiago, a quen convidou “a seguir sendo construtores dunha gran cidade”.
Ao acto asistiron numerosas autoridades. Aparte de Sánchez Bugallo e José Miñones, tamén estiveron presentes, entre outros, o presidente da deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; así como membros da actual Corporación Municipal e da do ano 2002.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela