Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, defendeu hoxe o labor da Policía de Distrito, que se puxo en marcha o pasado 1 de febreiro con 71 efectivos. O rexedor sinalou que en Compostela funcionou ata 2011, cando o goberno popular a disolveu.
Sánchez Bugallo lembrou que había policía de barrio en Fontiñas, no Ensanche e na cidade histórica. E que antes de 2011, a Policía Local dividiase en tres seccións: tráfico, policía de barrio e seguridade cidadá. “Decidiron disolver as seccións e que os axentes pasaran a rotar por todas as seccións, por todos os servizos e por todos os barrios”. Isto, engadiu o alcalde, “tivo unhas consecuencias absolutamente devastadoras para a eficacia do servizo”. Puxo como exemplo a policía de barrio, “que nos permitía ter unha relación directa e contínua coas Anpas, coas asociacións veciñais, coas familias, coas parroquias…, cos problemas de barrios. Ante calquera cousa que pasara, inmediatamente sabiamos con quen falar, con quen interlocutor. Sabiamos que era o que estaba pasando”. Con ese sistema de rotación, “rompeuse esa continuidade e esa relación continua e constante”. “Foi un auténtico desastre”. Agora, continuou, “precisaremos de varios meses”, para que se volva recuperar esa relación continuada.
En relación a que so hai catro axentes adscritos á zona rural, recordou que a Policía Local só ten competencias de regulación de tráfico nas estradas urbanas; e que no rural, esas competencias son da Garda Civil” que, lembrou, é quen debe controlar o tráfico de camións que accede cara a canteira de Miramontes. Aínda así, o rexedor espera “que poidamos incrementar esa rotación no futuro, pero agora mesmo temos unha dificultada importante”, que é a falta de persoal. “En 2011 tiñamos 172 axentes e agora temos 127, 45 menos”, recordou Sánchez Bugallo.
Orzamentos
Na rolda de prensa dos venres, o alcalde confirmou que o pleno para a aprobación do proxecto de orzamentos municipais para o 2022 terá lugar o martes, día 15. Sánchez Bugallo amosouse satisfeito de que “saian adiante”, despois do anuncio de Compostela Aberta e do BNG local de absterse para facilitar a súa aprobación.
Despois desta aprobación inicial recordou que se van expor ao público e que a aprobación definitiva, se non hai alegacións, tería lugar a mediados de marzo.
O rexedor compostelá compareceu xunto ao concelleiro de Medio Rural, Xosé Manuel Pichel, quen explicou as obras incluidas no plan POS+ 2022 da Deputación da Coruña, despois de que se aprobase a participación do concello no devandito plan.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela