Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde aposta por unha “transformación inclusiva” pensando nunha cidade “de todas e todos, que sexa tamén familiar e amable”.
Santiago de Compostela, 23 de maio de 2023. Decidido a preparar a “transformación” cara o “Gran Santiago”, Sánchez Bugallo explicou hoxe que ese “salto” pivotará sobre cinco eixos: “coser os barrios, rehabilitar e impulsar nova vivenda, mudar a mobilidade, procurar alternativas para os maiores e ofrecer ás novas xeracións programas de formación no estranxeiro”. Trátase, explica o alcalde, dun “modelo de cidade das familias, das persoas, amable e compacta”, procurando unha Compostela “que integre os barrios e o rural” e que “reivindique o seu lugar como capital de Galicia”.
Para conseguir unha Compostela compacta, é preciso, explicou o alcalde “coser as barreiras que noutro momento nos permitiron crecer”: creando o Espazo Antón Fraguas en Conxo para salvar a SC-20, convertendo o Restollal nunha gran avenida urbana conectando o Castiñeiriño e facendo o propio en Pontepedriña con Amor Ruibal. Unha integración que “xa comezamos con Clara Campoamor e a rúa do Hórreo fronte a nova intermodal” e que terá continuidade coa transformación de Romero Donallo “nun bulevar que, seguindo o modelo das Ramblas, unirá de xeito peonil o Castiñeiriño, Pontepedriña, Conxo e Santa Marta co Ensanche”.
Impulsar a mobilidade peonil mecánica
Co foco posto en favorecer os desprazamentos a pé, o alcalde propón conexións mecanizadas entre Belvís e Virxe da Cerca, mellorando así a accesibiliade do aparcadoiro coa Praza de Abastos. Tamén na zona da Pastoriza a solución sería semellante para salvar a diferenza de cota.
Mobilidade peonil no centro e transporte a demanda para o rural con dous microbuses. Sánchez Bugallo explica que “ningún núcleo de Santiago vai quedar sen sistema de transporte público”: “onde non poidamos chegar co transporte regular, porque non hai masa crítica de poboación, haberá transporte a demanda en coordinación coa asociación de veciños”. Tamén se habilitará outro sistema de transporte a demanda dentro do casco histórico para a poboación máis envellecida.
Ademais, o novo contrato de transporte implicará a renovación de toda a flota de autobuses, incrementando o número de vehículos ata 58, reorganizando liñas e ampliando frecuencias. Con este cambio todas as liñas da cidade e dos Tilos estarán xestionadas pola mesma operadora, de modo que non estará reducido á zona urbana como pasaba con anterioridade, co obxectivo tamén de mellorar a conectividade cos concellos veciños.
8.000 novas vivendas a prezo taxado e 80.000 euros para rehabilitar na cidade vella
“Santiago ten que crecer” e para iso “impulsaremos o Ensanche norte con 4 novos polígonos de vivenda comezando por A Pulleira, e seguindo con Amio, Cancelas e Mallou” explicou o alcalde. Sánchez Bugallo que cifra en 10.100 as novas vivendas nun programa a 12 anos e que se construirían co desenvolvemento destes novos polígonos residenciais: un total de 130 hectáreas das que 40 serán para espazos verdes.
“Para que Santiago creza debemos recuperar a empresa pública de vivenda e solo, Emuvissa, para programar e desenvolver solo”, ademais, coa ferramenta do rexistro de soares, “interviremos tamén en edificios en estado de abandono” ao tempo que “impulsaremos a rehabilitación na cidade vella con axudas de ata 80.000 euros que se financiarán co recadado pola taxa turística” explicou o alcalde.
Ademais de axudas á rehabilitación, abordarase tamén a revisión do Plan Especial para permitir a división de vivendas e que se adapten “aos novos modelos de familia”. Na mesma liña de recuperar poboación na cidade vella, o alcalde creará outra liña de axudas para fomentar a instalación de comercios de proximidade de ata 50.000 euros para “dotar de servizos unha améndoa que queremos chea de veciños e veciñas”.
Fomentar o envellecemento activo con vivendas colaborativas
Sánchez Bugallo recalcou que outros dos eixos para o gran Santiago é o coidado integral a todas as idades, “ofrecendo facilidades de conciliación ás novas familias e tamén servizos de calidade aos nosos maiores”. Neste sentido a creación de vivendas colaborativas seguindo o modelo do “cohousing” é unha das iniciativas coas que se busca xerar servizos comúns e combater a soidade: “crearemos un edificio, que pode ser de titularidade compartida, no que cada persoa disporá do seu propio espazo, pero cunha serie de servizos comúns compartidos” como ximnasio, salón de usos múltiples, comedor e lavandaría.
Este bloque de apartamentos podería instalarse na zona do Castiñeiriño, onde o Concello dispón de varias parcelas válidas para esta finalidade.
A isto súmase a creación da Casa dos Maiores no Ensanche, no antigo local da Tesourería da Seguridade Social, na rúa de San Pedro de Mezonzo. Un lugar con actividades lúdicas para fomentar o envellecemento activo como baile, cursos de achegamento ás novas tecnoloxías e saídas culturais.
Todos os menores de 14 anos estudarán inglés no estranxeiro
Tamén a mocidade xoga un papel fundamental no gran Santiago que presenta Sánchez Bugallo como unha transformación para os próximos 4 anos. Neste sentido a formación en inglés é un dos piares do Santiago do futuro: “impulsaremos un sistema de becas para que todos os rapaces e rapazas de 14 anos poidan ir a estudar ao estranxeiro”.
O alcalde explicou ademais que se creará unha nova ludoteca en Santa Marta que, seguindo o exitoso modelo da de Fontiñas, ofrecerá un servizo de conciliación durante todo o ano para as familias da zona sur de Santiago.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela