Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo cualifica de “dato preocupante” a evolución dos contaxios por COVID19 na cidade de Santiago. Hoxe hai un total de 298 casos activos, fronte aos 272 de onte, cifra que, segundo o rexedor, “probablemente seguirá aumentando ata mediados de mes”. Por iso cre que cómpre adoptar novas medidas, aínda que advirte que o peche perimetral de Santiago, á marxe doutros concellos limítrofes, revelouse ineficaz.
Sánchez Bugallo dá por feito que despois da reunión do Comité Clínico a Consellería de Sanidade adoptará máis restriccions, algo que ve “absolutamente xustificado”. Sinala que os contaxios durante a época de Nadal, fin de ano ou Reis “seguirán aflorando nos próximos días”; e cre que se non se toman novas medidas, “é probable que o escenario sexa moito máis complicado ao longo deste mes de xaneiro”. Recorda o rexedor que “a terceira onda está aquí” e explica que non é raro que Santiago e Coruña sexan as primeiras cidades “onde se nota”, porque “son as que teñen maior nivel de interrelación e comunicación co resto de España e o resto do mundo, e a experiencia demostra que a mobilidade é un factor de transmisión, e de transmisión rápida do virus”.
O rexedor elude pronunciarse sobre as distintas medidas que se poden adoptar, indicando que esa é unha decisión que corresponde aos expertos, pero desexa que sexan “as máis acertadas e eficaces para impedir o crecemento” da COVID19, “aló menos mentras non se poida xeralizar o tema das vacinas”. En relación ao peche perimetral asegura que, “o único que constato é que o resultado de pechar só Santiago foi moi duro para o comercio da cidade” e os datos “que temos en Ames, Teo, Brión, Oroso, Santa Comba e toda a contorna da área sanitaria”, non confirman que haxa unha melloría nas cifras de contaxios. “Eses concellos”, engade, están en “termos relativos”, con datos peores dos que tiñan hai un mes, e con datos peores dos que ten Santiago”.
Sánchez Bugallo volve apelar “á responsabilidade individual e colectiva de cada un de nós”, para evitar contaxios, “máis aló das medidas que se dicten e máis aló do traballo que se poida facer desde as administracións”. Explica que onde existe un nivel de responsabilidade importante, como por exemplo, os centros escolares, a universidade ou os centros de traballo, rexístranse menos contaxios; e que os “maiores problemas estanse dando no ámbito familiar e no ámbito de determinadas relacións sociais”, seguramente porque “non somos conscientes do risco que corremos ou non actuamos coa mesma responsabilidade”.
Engade o rexedor que “todos os días hai denuncias por diferentes infraccións”, por incumprir o horario de toque de queda, por non levar máscara, por non cumprir o peche perimetral, etc. En canto ao tema de festas, recoñece que “houbo unha redución notable” de sancions que achaca, en parte, as vacacións universitarias.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela