Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde confía en que o vindeiro xoves o Pleno aprobe a declaración de interese municipal para a construción do centro de protonterapia
Santiago de Compostela 3 de marzo de 2023. “Agora vemos unha actitude receptiva por parte da comunidade autónoma para construír ese parking” di Sánchez Bugallo que se amosa optimista de cara a ter unha decisión definitiva sobre o aparcadoiro no Hospital Clínico antes de verán.
Sánchez Bugallo insistiu en que a proposta da consellería, a pesar de ir en contra da lei do solo de Galicia e do PXOM “aprobariámola a través da súa declaración de interese xeral porque mellora a situación actual” aínda que recoñeceu que é unha actuación de “compensación” das prazas que se retiran, xa que podería supoñer un recorte de máis de 300 prazas a obra de ampliación do centro e, con este parking, estaríanse creando arredor das 400: “a clave estará na xestión desas prazas para que sexan de rotación e permitan que sexan máis rendibles en termos operativos, que máis vehículos poidan aparcar nelas”.
Fronte a esta proposta, que se ubicaría na zona próxima á rotonda, ao carón do tanatorio, está a do Concello: unha parcela anexa ao CiMUS de 3.600 metros cadrados e na que se podería construír un aparcadoiro de catro andares e ata 480 prazas: “neste caso a vantaxe é que non afecta ao recinto hospitalario, non elimina ningunha praza preexistente, senón que o seu crecemento sería neto” explicou o alcalde.
“A alternativa que nos plantexou a Xunta ten unha mellor conectividade, pero a súa construción tería un impacto importante e ocupa un espazo que actualmente está destinado a prazas de aparcadoiro, polo que habería que facer unha conta de sumas e restas” mais, tendo en conta que sirve para “mellorar a situación actual”: “pódolles asegurar que, do que de min dependa, terá todas as facilidades” asegurou Sánchez Bugallo.
Durante a rolda de prensa desta mañá, o alcalde de Santiago, anunciou ademais a aprobación “esperamos que por unanimidade” da declaración de interese municipal para o anteproxecto de construción do centro de protonterapia, que segundo o rexedor suporá “un salto cualitativo do servizo e convertirá o CHUS nun hospital de referencia”, ademais de supoñer “unha oportunidade para a USC e para a Facultade de Físicas, que conta cun laboratorio de protóns”. Levarase a unha sesión extraordinaria do Pleno municipal do vindeiro 9 de febreiro. Unha vez completado este trámite, a Administración autonómica deberá aprobar do proxecto para a súa posterior licitación e construción, prevista para o ano 2026.
Unha “ocorrencia” que “nin se mencionou”
O alcalde recoñeceu a preguntas dos xornalistas que, durante a xuntanza mantida onte entre Concello e Xunta obviouse a “ocorrencia” do candidato popular á alcaldía: “nin se mencionou nin ninguén falou desa proposta”. De feito, a propia conselleira de Infraestructuras, Ethel Vázquez calificou precisamente esta proposta tamén de ocorrencia nunha entrevista radiofónica esta mesma mañá.
O certo é que o debuxo que presentou nos medios plantexa “serias dúbidas de poder ser unha proposta viable”: “a min sorpréndeme porque, boa parte da área que ocupa actualmente o heliporto é ocupada pola ampliación, é aí onde se sitúa a principal masa da ampliación e, ademais, isto obriga a desprazar o vial de acceso ao hospital” explicou Sánchez Bugallo, xa que precisamente é nesa zona, que ocupará o vial e a ampliación, e na que proxectan os populares un aparcadoiro de superficie.
O alcalde insiste en que “a proposta deste señor é unha ocorrencia caracterizada pola falta de rigor” aínda que recoñece que é a “estrataxema á que nos teñen acostumados” porque fixeron o mesmo “propoñendo un parking imposible na Praza de Abastos ou bloqueando a operación Peleteiro querendo construír alí unha piscina climatizada polo módico prezo de 20 millóns de euros e dicindo non a unha praza pública, un centro sociocultural e un centro de día”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela