Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde defendeu que o novo proxecto para Castrón Douro é o que ten menores riscos, menos complicacións e conta cunha capacidade de execución predicible no tempo
Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2023. En abril concurso e en seis meses adxudicado o contrato do transporte urbano que significará a renovación total da flota de autobuses. É o calendario que fixa o alcalde logo de que o estudo económico e os pregos do contrato recibiran luz verde onte da Oficina Nacional de Avaliación (ONE): “este era o último dos grandes contratos que nos quedaba por renovar despois de anos de parálise e sucesivas prórrogas por parte dos dous anteriores gobernos”.
O contrato do lixo, o de mantemento dos parques e xardíns, o contrato do Servizo de Axuda no Fogar xa están en marcha cunha nova concesión, e o de iluminación está a piques de ser adxudicado. A estes 4 sumaríaselle o do transporte e só quedaría pendente o da auga, bloqueado pola oposición: “é bastante sorprendente que, a pesar de que contábamos cos mesmos informes técnicos elaborados polo mesmo equipo que o fixo en Pontevedra, o BNG impedira seguir co procedemento concesional e, desde logo, ninguén pode crer que o Partido Popular teña dúbidas de se o sistema concesional é o mellor”.
Así as cousas, o alcalde confía en que nas próximas semanas, intervención emita o informe preciso para iniciar a tramitación da licitación do contrato do transporte, “e nun prazo de 6 meses coido que podería estar adxudicado o servizo”. A partir de entón “a empresa conta con 12 meses para renovar a flota pero, desde ese mesmo momento, terá que incorporar uns autobuses novos de transición que permitan dar cumprimento ao servizo recollido nos pregos” recalcou o alcalde, deixando claro que, aínda que os buses definitivos terá unha marxe dun ano para suministralos, en 6 meses terá que haber unha renovación, aínda que temporal, de toda a flota para cumprir os pregos.
“O noso proxecto para Castrón Douro é o que ten menores riscos, menos complicacións e conta cunha capacidade de execución predicible no tempo”
A preguntas das xornalistas o alcalde adiantou que nas próximas semanas confía en ter unha decisión tomada sobre a actuación de reurbanización de Castrón Douro. Sánchez Bugallo explicou que o proxecto renovado co que traballa o Concello “é o que máis certezas e seguridade ofrece”, destacando que se trata dunha inversión que ronda os 900.000 euros para un tramo de apenas 200 metros de rúa.
Sánchez Bugallo recordou as obras da primeira fase da obra, de Castrón Douro e Patio de Madres non tivo poucos atrancos: “cando cheguei en 2019 á alcaldía as obras estaban practicamente paralizadas porque a obra a executar non se correspondía co proxecto aprobado porque non se fixera un estudo xeotécnico”.
Neste senso, o alcalde insistiu en que era imprescindible nesta segunda fase “non cometer os mesmos erros que outros cometeron no pasado”, destacando como imprescindible o estudo xeotécnico que permita saber con certeza como terá que realizarse a escavación previa á obra. Todo isto, tendo en conta que se trata dunha das vías de acceso á cidade cun tráfico diario superior a 3.000 vehículos.
Con gran escepticismo ve o alcalde a idea que se presentaba no proxecto orixinal posto que iso implicaría a eliminación do acceso a varias vivendas e, sobre todo, aos garaxes: “o acceso ás vivendas poderíamos resolvelo cuns patines pero, no caso dos garaxes, é imposible rebaixar a rúa un metro sen impedir o acceso aos vehículos”.
Ademais, explicou o alcalde que a obra implicará a intervención tamén sobre a rúa do Olvido: “teremos que ver en que situación quedan os edificios, sobre todo os da parte dereita que están sen cimentación e sustentados, basicamente, pola lei da gravidade”.
“Na primeira fase atopámonos con patíns que non se puideron eliminar, quedaron edificios descalzados e non se tiña previsto o enlace coa rúa do Pisón quedando unha diferencia de 90 centímetros, dificilmente superable polas persoas e imposible de superar polos vehículos” explicou Sánchez Bugallo que recoñeceu que “grazas ao esforzo dos técnicos municipais e da propia empresa construtora” conseguiu superarse ese diferencial “desmontando unha parte da rúa, o que levou a deixar descalzadas varias casas e o muro do centro escolar”.
Tendo en conta a experiencia previa da primeira fase, o alcalde propón continuar coa folla de ruta do novo proxecto tamén, tendo en conta que no 2024 é posible que se recuperen as regras fiscais e isto impida ao Concello dispoñer dos remanentes para acometer unha obra que, de facerse na súa versión inicial, non tería un prazo predicible de execución quedando a expensas “dos problemas e dificultades que puideran aparecer unha vez iniciada, tamén a expensas de que Telefónica repuxera a súa rede por outras canalizacións”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela