Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023. Creación de apartamentos de alugueiro para estudantes, é a proposta que o alcalde de Santiago e candidato á reelección, fixo este martes no debate electoral organizado pola USC para dar a coñecer as propostas en materia de mobilidade, vivenda e colaboración institucional coa Universidade: “propóñolle á USC e á Xunta que colaboremos para crear unhas 200 vivendas en réxime de alugueiro para o estudantado”.
Concretamente o bloque de apartamentos ubicaríase en tres parcelas: en Xoán XXIII, titularidade da Xunta; na Avenida de Castelao no Campus Norte, titularidade da USC; e nas proximidades do CHUS en Volta do Castro, propias do Concello. Arredor de 200 apartamentos poderían xerarse con esta proposta que se faría viable canalizando a promoción das vivendas a través de Emuvissa, da empresa pública de vivenda e solo que pretende recuperar no próximo mandato.
O alcalde insistiu na necesidade de recuperar vivenda para o alugueiro convencional. Neste sentido, Sánchez Bugallo destacou o impacto que tivo a reforma do Plan Xeral que pretende regular o número de vivendas de uso turísitico: “xa no mes de novembro 52 vivendas abandoaron o uso turístico para volver ao convencional e, con isto, vemos como o precio do alugueiro diminúe en Santiago, frente unha subida media neste último mes de 2,8% en Galicia” explica.
Para iso Sánchez Bugallo volveu a reclamar á Xunta de Galicia que defina por decreto que é vivenda baleira: “a Xunta ten todas as competencias en materia de vivenda, tamén a financiación, e é necesario colabore neste traballo”. No mesmo sentido recorda que durante os últimos anos “a aportación en materia de vivenda da autonomía foi cero, ningunha vivenda de protección oficial, nada”.
O novo prego de autobuses, a licitación a próxima semana
O alcalde anunciou ademais que a próxima semana prevé sacar a licitación o novo contrato que significará a renovación de todo o servizo de autobuses e transporte público da cidade. “Serán 58 novos autobuses, cero emisións, con novas rutas e frecuencias adaptadas ás necesidades da veciñanza, tamén da comunidade universitaria”. Ademais, explicou que todos os autobuses contarán con sistemas de aviso visual, con pantallas cos itinerarios e rutas e aviso sonoro, pensando nas persoas con discapacidade auditiva ou visual.
Foi no bloque de movilidade no que Sánchez Bugallo adiantou o inicio do procedemento de licitación do novo prego, que busca contribuír a impulsar o transporte público: “a nova mobilidade, a mobilidade do futuro, debe pasar pola mobilidade peonil no ámbito interno da cidade; transporte público para os concellos próximos, a nosa área perimetral, os barrios e o rural; transporte a demanda para as parroquias de Compostela; e o transporte brandopara aqueles que estean preto, como é a bicicleta”.
Tamén neste sentido, Sánchez Bugallo recalcou a súa intención de volver a por en marcha o servizo de alugueiro de bicicletas “que eliminou o Partido Popular de Santiago tan pronto chegou ao goberno” e insistiu na necesidade de recuperar a para a xestión municipal os párkings de Praza de Galicia e Praza de Vigo, unha vez venza a concesión actual, que será de xeito inminente”.
“A prioridade ten que ser o peón nesa mobilidade do futuro. Estase falando das zonas de baixas emisións, aquí en Santiago fomos precursores en humanizar e peonalizar espazos, comezando pola cidade histórica” explicou o alcalde que recalcou que durante este mandato se completou esa peonalización coa praza de Mazarelos, “que é tamén agora un espazo de convivencia entre a veciñanza e a comunidade universitaria”.
“Santiago ten que ser a capital da industria biotecnolóxica e, en xeral, das novas tecnoloxías”
O alcalde concluíu no debate recalcando que é necesario “ofrecer oportunidades aos máis novos, dotarvos de instrumentos, que vos axuden a iniciar o voso futuro, que vos permitan vivir en Santiago, sen que iso supoña renunciar as vosas aspiracións laborais ou persoais”.
Para iso insistiu na necesidade de “ampliar e mellorar a oferta de vivenda, promovendo vivenda pública e impulsando a recuperación do mercado da vivenda baleira”. Tamén amosou a súa convicción de que “debemos traballar para facer unha cidade amable, coidando das zonas de baixas emisións, impulsando e renovando, como imos a facer, o servizo de transporte público e ofrecendo alternativas de transporte brando e a pé” explicou Sánchez Bugallo que insistiu, sobre todo, en que o obxectivo fundamental da cidade debe ser “impulsar unha economía de futuro”: “Santiago ten que ser a capital da industria biotecnolóxica e, en xeral, das novas tecnoloxías”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela