Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, referiuse hoxe, na rolda de prensa do venres, ao auto dictado pola xuiza no que se rexeita o recurso da Comunidade de Propietarios da Urbanización de Brandía no que pedían a suspensión da concesión da licenza para a instalación dun espazo comercial con gasolineira. O rexedor amosou “a plena confianza nos técnicos municipais que emitiron os seus informes”, axustados á legalidade vixente.
“O que non nos pareceu aceptable”, sinalou Sánchez Bugallo, “é que se presentara unha querella criminal contra dous técnicos municipais” que emiten un informe” que, engade, “pode ser obxecto de controversia”. “Non se pode”, continuou, “criminalizar a un funcionario” por cumplir a lei.
Do auto, o alcalde destaca argumentos como, o parágrafo que di “podemos comprobar, en referencia aos informes dos técnicos, que abordan e resolven fundadamente as cuestións que a querelante presenta como controvertidas, se ben cunha interpretación diferente á sostida pola acusación particular”. Unha interpretación que Sánchez Bugallo considera “xusta e razoable” e que, engade, “puidera dar lugar a unha controversia na xurisdición contenciosa; pero paréceme terrible e un erro importante que se levara á xurisdición penal. En todo caso, esperaremos á resolución definitiva” indicou.
Este auto ratifica, recordou, “algo que xa dixera o 26 de novembro, pero que nós descoñeciamos e que tampouco se fixo público, no que desestimaba a petición de suspensión cautelar do acordo municipal. Naquel momento pretedíase incluso a suspensión da Xunta de Goberno. Está no segundo parágrafo da resolución xudicial”.
O rexedor recordou que “este goberno municipal non comparte que esa ubicación da gasolineira sexa a idónea. Desde o noso punto de vista non o é”. Pero, aclarou, “vai ser un espazo comercial, tal e como preve o Plan especial de Brandia, pero con dous surtidores”. “Xa dixemos no seu día que nos viamos nas obriga de dar esa licenza por imperativo legal, en cumprimento do previsto no artigo 43 da lei de Hidrocarburos de 2010”.
Un artigo, engadiu, que “non me gusta, como non me gusta o contido da Lei do Solo de Galicia de 2016 que permite os vertedoiros en sólo rústico. Pero debemos aplicar a lei e cumplila, independentemente de que a compartamos ou non.
O alcalde rematou sinalando que reitera a súa confianza nos dous traballadores municipais, “e estou seguro de que a xustiza nos porá a cada un no lugar que corresponda e clarificará as cousas”.
Outros asuntos
O alcalde comezaba a tradicional rolda de prensa dos venres amosando a súa satisfacción polo avance do Polo Biotecnolóxico de Galicia, presentado o pasado luns. O inicio das obras, sinalou, é un “paso decisivo” nunha “actuación primodial e estratéxica para Santiago”. A aposta do Goberno Municipal é seguir avanzando no perfil de cidade investigadora e no perfil industrial”, co obxectivo de “transformar esa investigación en industria e en actividade económica”, engadiu.
Por outra banda, Sánchez Bugallo amosou a súa preocupación polo avance da sexta onda de contaxios por covid. “En 7 días pasamos de 192 a 335 casos activos, un 74% máis”, con 19 camas hospitalarias ocupadas e dúas persoas ingresadas na UCI. Unha situación que podería ser máis alarmante, sinalou, se non fose pola porcentaxe de persoas vacinadas que, recordou, acadará o 90% esta semana coa vacinación dos menores de 9 a 11 anos.
O rexedor incidiu na necesidade de “manter a vixiancia”, algo que, subliñou, a Policía local de Santiago leva facendo durante toda a semana nos locais hostaleiros. “De momento, están sendo visitas pedagóxicas”, sinalou, “pero con carácter inmediato pasarase a denunciar” no caso de que se detecten incumprimentos das medidas impostas pola autoridade sanitaria.
A preguntas dos xornalistas, e en referencia ás obras de Concheiros, Sánchez Bugallo reafirmou o compromiso acadado co sector comercial do barrio de realizar actividades de dinamización comercial unha vez rematen os traballos.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela