Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Rubén Prol prometendo o cargo como concelleiro
Rubén Prol Mariño tomou posesión hoxe como novo concelleiro do concello de Santiago nun pleno ordinario no que os catro grupos da corporación, PSOE, PP, Compostela Aberta e BNG, presentaron unha moción conxunta instándo ás distintas administracións públicas a abrir un novo procedemento xudicial para intentar recuperar as esculturas de Abraham e Isaac, do Mestre Mateo, actualmente en poder da familia Franco. Tamén houbo unanimidade á hora de apoiar a proposición de rexeitar a instalación dun vertedoiro no lugar de Corexo, na parroquia de Marrozos.
O pleno, como ben sendo habitual, comezou cun minuto de silencio por todas as vítimas de violencia de xénero. A continuación, Rubén Prol Mariño, número 11 na lista do PSdeG ás eleccións municipais, tomou posesión como concelleiro. Substitúe a Noa Díaz, que resultou elexida deputada autonómica nas pasadas eleccións ao Parlamento Galego. Rubén Prol é graduado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente rematou o Mestrado en Profesorado de Educación Secundaria, na especialidade de Ciencias Sociais, na mesma universidade. É membro de Xuventudes Socialistas de Galicia, onde foi secretario de Educación entre os anos 2014 e 2019. Actualmente é secretario xeral de Xuventudes Socialistas de Compostela.
Durante o pleno presentouse unha moción conxunta, dos catro grupos que conforman a Corporación Muncipal, na que se insta ao Goberno do Estado, á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial da Coruña, a abrir un novo procedemento xudicial; co apoio e colaboración do Concello de Santiago, de persoal investigador e de asociacións para a recuperación da memoria histórica; para reclamarlle á familia Franco as dúas esculturas do Mestre Mateo, de propiedade municipal, declaradas Ben de Interese Cultural, de cara a súa protección, difusión e recuperación para o patrimonio público. Téntase, con esta moción, ara proseguir o camiño aberto na recente sentenza sobre o pazo de Meirás, froito do traballo coordinado entre distintas administracións.
Tal e como expón o texto da moción, o Concello de Santiago ten inventariadas, logo da súa adquisición ao conde de Ximonde, dúas esculturas de arte románica pertencentes ao conxunto do Pórtico da Gloria, que figuraban en posesión da familia Franco na Casa de Cornide. Dúas estatuas esculpidas no obradoiro do Mestre Mateo, entre finais do século XII e comezos do XIII, que Concello mercou ao conde de Ximonde, con sinatura da escritura de compravenda datada o 4 de xuño de 1948, coa condición de que non saísen da cidade e, durante un tempo, decoraron as escaleiras do Pazo de Raxoi, até que as levou a familia do ditador logo dunha visita a Santiago de Compostela.
Minuto de silencio
Tamén se deu o visto bó, cos votos favorables de o Grupo Socialista, Compostela Aberta e BNG, e a abstención do Grupo Popular, á solicitude de inicio do procedemento de avaliación ambiental da Modificación puntual do PXOM no ámbito do SUD 9/10 Estrada de Vigo -Chouchiños, un trámite necesario para a modificación puntual do Plan Xeral, co obxecto principal de executar a sentenza 274/2014, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta sentenza anula as determinacións do vixente plan xeral no que atinxe á clasificación dos terreos propiedade do recurrente, declarando a súa condición de sólo urbano consolidado, e a súa conseguinte exclusión do sólo urbanizable SUD 9/10. Con esta modificación, tamén se corrixe o trazado do Camiño Portugués incorporado pola Xunta en 2014, distinto do previsto no PXOM e que afecta ao citado sector.
Tamén houbo unanimidade na proposición presentada por Compostela Aberta,de non amparar a instalacion dun vertedoiro no lugar de Corexo, na parroquia de Marrozos, emendada polo Grupo Popular. Na proposición, entre outros puntos, ínstase á Xunta de Galicia a considerar as modificación da Lei do Solo para asegurar que os centros de tratamento de residuos industriais se localicen preferentemente en solos industriais, consonte aos criterios que para este tipo de instalacións determina o Plan de Residuos Industriais de Galicia. Tamén se declara o non amparo político do Pleno do Concello das agresións ambientais e sociais e da implantación de usos inadecuados en terreos rústicos de especial proección agrícola, especialmente nas proximidades de núcleos rurais poboados. Por último, os grupos municipais manifestaron o seu apoio á veciñanza de Corexo na oposición ao vertedoiro.
Segundo explicou a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, existe unha clara contradicción entre a vixente Lei do Solo de Galicia e o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia de 2016/2022, coñecido como PRIGA; que di que hai que xestionar os residuos industriais vinculándoos á valorización dos mesmos, pero desenvolvéndose en sólo industrial. E en Santiago,sinala “contamos con sólo industrial de abondo”. Segundo Rosón, a “Xunta o que ten que facer é xestionar realmente a lei de residuos e o PRIGA. E para iso ten que modificar a Lei do Solo. Tratase de gobernar.”,e ngade. “Sabemos que a xestión de residuos é complicada, pero cómpre facer un esforzo para xestionalo do xeito que Galicia merece. Posuímos un rural fermosísimo, habitado, con necesidades que temos que resolver, que non merece converterse nun depósito de refugallos”. O pasado 4 de setembro, a empresa promotora deste proxecto solicitaba o desestimento do procedemento de concesión da licenza; renunciando a esta planta de transferencia de residuos construtivos. Antes de comezar o pleno, interviu Daniel González, para explicar a postura dos veciños de Corexo sobre o proxecto.
Outra proposta que recibiu o respaldo de todos os membros da Corporación Municipal foi a presentada, por vía de urxencia, polo concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muiños, para a aprobacion do convenio de colaboración para a coordinación dos servizos de transporte público á urbanización dos Tilos. Noutra proposición, relativa a un estudo dos perigos da velocidade a á redución das notificacións defectuosas en materia de tráfico, na que o Grupo Socialista se abstivo, o tamén responsable de Tráfico e Seguridade Vial, defendeu a xestión do seu departamento na tramitación das sancións de tráfico, e comprometeuse a tratar de mellorar en eficiencia e eficacia.
O Grupo Socialista tamén se abstivo na proposición para impulsar o contido do Plan Especial de Brañas do Sar. Unha postura que defendou a concelleira de Medio Ambiente. Mila Castro amosou o compromiso do goberno local coa protección dos espazos verdes. Sobre o plan de Brañas de Sar, recordou que foi impulsado no anterior mandato de Sánchez Bugallo, e paralizado durante oito anos, precisamente polos gobernos do Partido Popular e Compostela Aberta. Neste momento, explicou, o concello está traballando na captación de recursos, e en conseguir a implicación dos propietarios dos terreos para retomar ese proxecto.
O pleno retransmitiuse en streaming
Outra proposición que saiu adiante foi a relacionada coa información das consecuencias da COVID-19 na actividade do concellos nas súas máis diversas áreas. O punto 1 relativo á emisión de informes sobre axustes á nova situación e ás súas consecuencias económicas, contou co apoio de todos os grupos da corporación. Neste tema a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, foi contundente: máxima transparencia, dixo, e puxo a disposición de quen o solicitase: “estamos a vosa disposición para darvos a información que consideredes oportuna, no que se refire á execución do gasto e cambios orzamentarios que tivemos que adoptar” a causa da COVID-19; así como “información sobre o nivel de gasto que se está producindo”; ou sobre impacto económico que engade, “barallamos que vai ter a pandemia.
O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, defendeu a proposición relacionada coa continuidade dos postos das paceiras do Mercado de Abastos. Destacou o labor do goberno municipal na busca de solucións para ubicalas despois das medidas restrictivas decretadas pola Xunta, para frear os contaxios por COVID-19, que obrigaban a reordenar os espazos onde se localizaban os seus postos. Estamos demostrando, dixo, en todos os casos, que “estamos intentando buscar solucions que cumplan a norma e ao mesmo tempo que permitan respirar a todos os afectados”, como xa se fixo, engadiu, coa hostalería e co comercio.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños, compareceu a petición propia. Asegurou que os fogos do Apóstolo nunca puxeron en risco a seguridade da veciñanza. Explicou que en aproximadamente media hora estaba controlado o incendio do Parque Granell, o que demostra, indicou, que o operativo de seguridade funcionou correctamente. Uns fogos, concluiu, demandados por distintos sectores, que, indicou, convenceron á cidadanía e que se está previsto volver repetir, se a pandemia “nos deixa”. O concelleiro rematou a primeira quenda da intervención convidadando aos grupos da oposición “a traballar conmigo nas procura do mellor espectáculo. A crítica construtiva redundará na procura da excelencia”, nos próximos fogos do Apòstolo de 2021.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela