Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
No pleno ordinario do concello de Santiago, celebrado hoxe, aprobáronse tres mocións conxuntas, unha delas de apoio á hostalería, un dos sectores máis afectados, xunto ao comercio e ao sector cultural, pola crise económica derivada das restriccións anticovid.
Os catro grupos da Corporación Municipal manifestaron a solidariedade do Concello de Santiago co sector da hostalería e a “comprensión ante as súas mobilizacións por causa da grave crise da Covid-19”. Na mesma moción tamén acordan “instar ao correspondente órgano do Goberno do Concello de Santiago e ás diversas administracións públicas a garantir a axilidade no pagamento das axudas ao sector e garantir, de maneira equitativa e conxunta ou coordenada, a viabilidade e sostibilidade dun plan de rescate a medio-longo prazo, ampliando medidas xa adoptadas que faciliten o mantemento da actividade do sector, e tomando en consideración para todo isto aos representantes hostaleiros da nosa cidade”
Segundo indica na moción, “no momento actual, tendo en conta o maior agravamento da situación provocada pola terceira vaga de contaxios, as administracións públicas non poden continuar a tomar medidas restritivas que non veñan acompañadas das necesarias medidas económicas e solucións de rescate para os sectores máis agraviados. É necesario que se axilicen os trámites e resolucións de todas as axudas aínda pendentes, xa aprobadas nos diferentes niveis administrativos, así como a aprobación de novos paquetes de axudas e dos seus adiantos, para que a liquidez chegue ao sector canto antes”.
A moción contúa, sinalando que “cómpre dar unha estabilidade e un horizonte de futuro que inclúan medidas para rescatar economicamente a hospedaxe, o ocio nocturno, os profesionais do mundo da cultura que desenvolven o seu traballo en sinerxía coa hostalería. En definitiva, un sector amplo fundamental para a economía galega e compostelá, do que viven milleiros de familias de maneira directa e do que dependen ademais outras moitas empresas provedoras ou distribuidoras. Un rescate que permita salvar a pequenas e medianas empresas e, polo tanto, os miles de postos de traballo que dependen delas, pero as súas reclamacións non obtiveron unha resposta satisfactoria nin por parte do Goberno galego nin por parte do Goberno central. É necesario encontrar fórmulas que permitan desenvolver a actividade e que trace a medio prazo unha estabilidade no conxunto do sector”.
Na segunda moción conxunta, instase ao goberno central que reduza o IVE do sector dos salóns de peiteado, barberías e centros de estética ao 10%, considerándoos actividade esencial. Neste momento pagan un IVE do 21%; unha reivindicación da plataforma estatal Crer en nós.
E a terceira, o pleno acordou instar á Comisión de Condecoracións a estudar e propoñer a designación como fillo adoptivo de Santiago de Compostela o fotoxornalista Emilio Lavandeira Prieto, así como “organizar un acto de recoñecemento público pola súa dedicación profesional concibida como un servizo á sociedade, ademais de levar a fotografía polo camiño da verdade e de reivindicar o sentido ético do fotoxornalismo”.
Tamén houbo unanimidade na moción presentada polo BNG para a celebración do día de Rosalía. Defendeuna a concelleira de Acción Cultural. Mercedes Rosón sinalou que “a Rosalía temos que reivindicala por todo o que é. Unha figura poliédrica cun montón de perfís que aportou moitísimo á nosa cultura e ao noso país. Esperamos estar á altura das circunstancias, e estamos traballando para iso”. Explicou que nos próximos días se presentará a edición dunha publicación “Espazos rosalianos en Compostela”, escrita por Mercedes Espiño e coeditada pola Agrupación Cultural O Galo e o Concello de Santiago. Igual que o ano pasado, continuou, organizaránse roteiros en torno á “Compostela de Rosalía”, celebrarase o aniversario de Rosalía, e colaborarase cos actos programados, pola Fundación Rosalía de Castro, así como na ofrenda floral institucional que se lle brinda no panteón de galegos ilustres. A concelleira considera “interesante” a proposta formulada na moción de pendurar versos de Rosalía en galerías, balcóns e fiestras, “e estudaremos como xestionala”.
O Grupo Municipal Socialista tamén apoiou a primeira moción que se debateu, presentada por Compostela Aberta, para a creación dun roteiro virtual por doce esculturas contemporáneas. Defendeuna a concelleira de Acción Cultural. Mercedes Rosón sinalou que “ademais da instalación da sinaléctica, aspiramos a crear unha aplicación para móbiles coa información de cada unha das esculturas que forman parte do noso patrimonio escultórico”. Polo tanto, engadiu, a intención do grupo de goberno non é limitarse só á ducia de esculturas, é amplialo, en liña coa emenda presentada polo PP e da idea manifestada tamén polo BNG, a outras esculturas da cidade.
A segunda moción, en relación á realización de diversas actuacións nas escolas infantís municipais, foi defendida polo concelleiro de Educación, quen argumentou a abstención do Grupo Socialista. Rubén Prol incidiu en que “ao grupo de goberno realízase unha fiscalización que non se corresponde coa realidade”, por iso indicou, non se vota a favor.
O PSdeG abstívose na moción presentada polo PP para melloras puntuais e planificación da reurbanización da rúa Corredoira das Fraguas. O concelleiro Javier Fernández, sinalou que se está traballando neste asunto, e que “en canto poidamos, daremos unha solución para acometer esas reparacións nas beirrarúas”. Sobre a contratación do proxecto, o responsable de Obras sinalou que “estamos, nestes momento, co orzamento do ano 2021. Lóxicamente todo é negociable; e isto tamén. Polo tanto, quedamos a espera do que se decida no propio orzamento”.
Sobre a moción de CA para frear o aumento das casas de apostas, o concelleiro de Educación e Mocidade, Rubén Prol, recordou a campaña da UMAD en contra do xogo “A túa liberdade, a mellor xogada”. Explicou a emenda do BNG de establecer unha distancia mínima de 500 metros lineais entre as casas de apostas presenciais e os centros educativos de ensino obrigatorio, os de formación profesional e universitaria, e os centros de rehabilitación e hospitais. Tamén propuxo engadir no último punto, de apoiar as propostas que se propoñen no Paralmento de Galicia para aumentar o orzamento destinado á loita contra as condutas aditivas. Emendas que non foron aceptadas por Compostela Aberta, a pesar do cal recibiron o apoio do Grupos Socialista. Na última moción, para mellorar a mobilidade e accesibilidade no barrio da Almáciga, o PSdeG, que segundo explicou o concelleiro de Obras xa traballando nunha solución, abstívose.
PROPOSICIÓNS
O Pleno do concello de Santiago de Compostela, aprobou, cos votos a favor de todos os grupos da Corporación Municipal, a proposición presentada polo BNG para a elaboración do “V Plan de Igualdade 2021/2024” e para incluír a perspectiva de xénero nos orzamentos municipais. Durante a súa intervención, a concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, lembrou que “o concello de Santiago, con gobernos socialistas, foi pioneiro na posta en marcha de políticas de Igualdade. Neste 2021 conmemórase, e imos celebralo, os 30 anos da creación da concellaría de Igualdade. Dende entón traballamos de xeito ininterrompido, desde distintos ámbitos: en prol da equidade, da visibilidade da muller en todos os sectores; en accións e plans contra a violencia machista, creando espazos para o empoderamento das mulleres. E por suposto, asesorándoas, acompañándoas e asistíndoas desde o CIM, o Centro de Información á Muller, do que quero destacar o gran labor que están facendo desde a súa creación. E facémolo dun xeito transversal e coordinando”.
Polo tanto, engadiu Mercedes Rosón, “imos votar a favor da proposición, porque daremos conta dos resultados da avaliación do cuarto Plan de Igualdade, que rematou hai escasos días; porque colaboraremos, na redacción do novo plan, como o fixemos sempre, cos grupos municipais, co movemento asociativo feminista e cos colectivos que traballan en prol da igualdade; porque xa temos contemplando nos orzamentos do 21 a dotación orzamentaria correspondente para o Plan de Igualdade, e finalmente, porque compartimos ese obxectivo e traballamos coa perspectiva de que o impacto de xénero figure”, no novo plan, en todos os niveis do proceso orzamentario.
O Grupo Municipal Socialista abstívose na proposición de Compostela Aberta en relación ao mantemento dos empregados da liña de autobuses ao aeroporto Rosalía de Castro, que se debateu conxuntamente con dúas mocións similares: a presentada polo BNG para que o concello medie no conflito laboral do transporte de Lavacolla que debe ser subrogado; e na do PP para garantir os dereitos dos traballadores da liña ao aeroporto, afectados polo cambio de concesión. Defendeuna o concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muiños, quen recordou a lexislación ao respecto. Despois interveu o alcalde.
Xosé Sánchez Bugallo, quen sinalou que se trata dun “asunto delicado e doloroso” para as familias afectadas, pero que o “goberno municipal ten que tomar as súas decisións non só en base aos sentimentos. Temos que facer política dentro da lei”. Engadiu que na no novo servizo contemplarase a preservación dos dereitos laborais “como marque a lei” e recordou que a garantía deses dereitos laborais, non lle corresponde ao Concello de Santiago, se non a “outras xurisdicións”.
O rexedor sinalou que cando o portavoz do Grupo Popular falou, na súa intervención, do goberno municipal, no dixo como “como Compostela Aberta resolveu o problema de subrogación de persoal plantexado na Escola Municipal de Música, se non que o tivemos que resolver nós cun pleito de resultado incerto, e aínda está pro ver como rematará a cousa”. Recordou que o contrato de transporte está vencido desde novembro de 2016. Incidiu na explicación do responsable do departamento de Transportes, Gonzalo Muiño, dos tres requerimentos realizados á empresa que cubre actualmente a liña do aeroporto, para que notificara quen eran os traballadores afectados. “Houbo que recorrer á Xunta para que notificara”, aclarou o alcalde, “e posteriormente, a empresa enviou unha relación de 42 traballadores. “E cando a adxudicaria da liña, foi outra empresa distinta, cambiou de novo a relación. O noso problema non eran os condutores, era que non podiamos tomar unha decisión sobre se un traballador si e outro non”. E aí había, explicou, traballadores de distintas áreas, desde asesores xurídicos a responsables de conservación e mantemento, persoal administrativo, etc., algo “disparatado para unha liña de 10 quilómetros que só presta servizo entre Santiago e o aeroporto Rosalía de Castro”. Por iso engade Sánchez Bugallo, “nós tivemos que atender a nosa obriga primordial: garantir o servizo á cidadanía. E iso foi o que fixemos”. O alcalde rematou agradecendo a intervención de David Rouco, traballador da liña e sinalando que “lamentamos este problema que non pasa en ningún dos outros servizos”. É probable, engadiu, que “a responsabilidade non sexa do do concello”.
O Grupo Municipal socialista tamé se abstivo na proposición do PP sobre a sinatura dun convenio coa USC, para a urxente contratacións das obras de mellora do Campus Sur e a participación da oposición no órgao de seguimento e avaliación da EDUSI. Defendeuna o responsable de Relacións Institucionais. Sindo Guinarte recordou a estreita colaboración que existe entre o concello de Santiago e a USC; e informou que xa está preparado e proximamente sairá a licitación o prego para a execución deses traballos, que contempla un orzamento de 430.000 euros.
Guinarte afirmou que aínda non está asinado o convenio porque “queremos asinar un protocolo realista coa USC, para despois cumplilo”. “Temos interese en que se concrete ese convenio”, pero “agora teño que defender os interese do concello ao 100%” e o que se precisa, continuou, “é un convenio xusto e equitativo que estableza as obrigas recíprocas de cada institución”.
Sindo Guinarte tamén defendeu a proposición número cinco, sobre a creación dunha Comisión Municipal do Xacobeo, co fin de captar fondos doutras administracións e de reorientar os programas de Turismo e Cultura. Presentouna o BNG, que votou a favor, igual que o PP. Compostela Aberta e o PSdeG abstivéronse. O concelleiro de Turismo defendeu a postura do Grupo Municipal Socialista recordando que durante o ano 2020 e no que levamos de 2021, se programaron distintos eventos que houbo que adiar ou suspender a causa das restriccións derivadas da pandemia. Citou algúns deles, como o de Santiago (é)Tapas. Nembargantes, engadiu que desde os departamentos de Acción Cultural, Turismo e festas se está traballando “coa idea de seguir ofrecendo unha programación que incluirá artistas e actividades culturais que proxecten a cultura galega”, como, lembrou, xa se fixo nas festas do Apóstolo do ano pasado. Recordou tamén que o modelo turístico de Santiago non dependen só do Xacobeo, e que cómpre orientalo cara outros mercados, máis diversificados.
O Grupo Municipal Socialista abstívose na última proposición, presentada por Compostela Aberta e emendada polo PP, en relación á implantación dos anticipos de caixa fixa nas axudas sociais e para axilizar o seu pagamento. A concelleira de Economía, Marta Abal, recordou que “estamos vivindo unha situación excepcional na que hai que adoptar medidas excepcionais, pero tamén nos temos que mover dentro dun marco xurídico seguro, non só en beneficio da administración municipal, tamén en beneficio dos administrados”.
E, continuou, o sistema de anticipo de caixa fixa utilizase, explicou “para gastos cun común denominador: gastos períodicos e repetitivos. E, inicialmente, parece que existe este impedimento xurírico” e tamén, engadiu, “impedimentos prácticos”, xa que habería que xustificar que non se están recibindo outra tipoloxía de axudas por parte doustras administracións. A concelleira de Economía rematou sinalando que se pode “analizar a proposta sempre que teña encaixe legal, sexa unha medida eficaz e eficiente, e non teña consecuencias negativas para o administrado”. Na súa segunda intervención, Marta Abal engadiu; “consideramos que poden existir medidas mais seguras para axilizar o pago, e niso traballaremos”; e finalizou sinalando qeu “consideramos que a administración electrónica vai contribuir a facilitar a mellora nestes pagos sociais”.
O pleno comezou ás dez en punto da mañá, cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista e das persoas falecidas a causa da COVID19.
Todas as proposicións e todas as mocións presentadas foron aprobadas.
Enlace:
Emisión do pleno ordinario do Concello de Santiago do 28 de xaneiro de 2021
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela