Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O pleno ordinario do concello de Santiago, presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, aprobou unha moción conxunta, presentada polo Grupo Socialista, en prol da recuperación e racionalizacion dos servizos ferroviarios en Galicia. A sesión comezou, como ven sendo habitual, coas intervencións da cidadanía, e cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista.
Nesta moción, adoptouse o seguinte acordo:
Moción conxunta servizos ferroviarios. def
Minuto de silencio
Proposicións
Na proposición sobre a situación do contrato das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar, o SAF, o Grupo Socialista abstívose. Defendeuna a concelleira de Políticas Sociais. Na súa resposta a Compostela Aberta, Mila Castro aclarou que si existen canles de diálogo “cos comités de empresa, coas propias empresas, e coas profesionais” que xestionan o servizo. E indicou que “as canles de interlocución deben ser con todos os axentes implicados na xestión” do SAF.
Tamén defendeu a aposta do grupo municipal polo SAF e recordoulle a Compostela Aberta que “fóronse en 2018, con 302 persoas beneficiarias do servizo. A día de hoxe, a cifra ascende a 572. Fóronse con 95.000 horas anuais de SAF prestadas, fronte ás mais de 144.000 prestadas en 2021. Fóronse cunha lista de agarda de SAF dependencia de 61 persoas, e hoxe non hai lista de agarda, porque temos horas suficientes para xestionalas puntualmente cada semanda. Fóronse cunha lista de agarda en SAF libre concorrencia de 79 persoas e hoxe non chegan a 10, e estanse dando altas. Fóronse con 21 axudas técnicas ao mes colocadas, e hoxe falamos de 117, e así poderiamos seguir”.
A concelleira tamén se mostrou dacordo co incremento salarial das profesionais do SAF. “Como non vou estar dacordo coas medidas que implican mellorar condicións laborais daquelas profesionais que traballan coas necesidades da nosa veciñanza”, subliñou. E lembrou que o convenio colectivo segue en fase de negociación. “As asociacións e empresas do sector, non só a de Compostela, senón todas, acordaron proceder á subida do 3,1% con efectos retroactivos dende xaneiro e asi se fixo”. “Seguiremos pendentes”, engadiu Mila Castro, ”dos resultados da negociación do convenio e por suposto, da súa aplicación”.
O PSdeG municipal tamén se abstivo na proposición para mellorar os espazos públicos no barrio do Avío, A Torreira e O Romaño. O concelleiro de Obras, Javier Fernández, explicou que xa se está a traballar no mantemento continuo e periódico dos barrios, e tamén desta zona.
A proposición para habilitar un programa mediante códigos QR e naviléns para mellorar a sinaléctica e ofrecer información sobre a nomenclátor das rúas e roteiros destacados defendeuna o concelleiro de Turismo. Sindo Guinarte indicou que “o noso compromiso, o que temos orzamentado, o que imos licitar con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística, ten que ver coa sinaléctica referida a monumentos e espazos singulares”. Continuou sinalando que “nos parece interesante utilizar esa sinalectica da rúa, pero non se podería facer de xeito absoluto con cargo a este plan”. En todo caso, engadiu, xustificando a posición abstencionista do Grupo Socialista, “tomamos nota da iniciativa e haberá que retomala cando se negocien os orzamentos”.
O pleno presidiuno o alcalde de Santiago. Na imaxe coas concelleiras Mercedes Rosón e Mila Castro.
A concelleira de Urbanismo e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, defendeu a abstención socialista na proposición para a elaboración dun regulamento de usos de espazos emblemáticos da cidade. Na súa exposición, lembrou a PP que xa existe “suficente normativa”, que citou. Entre ela, a Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública do Concello de Santiago de Compostela, publicada no BOP nº 213 de 8 de novembro de 2012 e emenda de error material no BOP de 16 de xaneiro 2013, a Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria do Concello de Santiago de Compostela, aprobada por acordo do Pleno da Corporación o día 28 de decembro de 2006, e publicada no BOP da Coruña do 17 de febreiro de 2007; modificada no 2009 no seu artigo 63 que establece distintas prohibicións na vía pública, ao que se engade o asesoramento da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, no que están representados, ademais do goberno municipal, os grupos da oposición; outras administracións, como a Xunta de Galicia e distintos organismos, entre eles a USC, ou o Consorcio da Cidade de Santiago. Polo tanto, engadiu Rosón, “este goberno entende que existe a suficiente claridade e coherencia nos criterios establecidos; e a suficiente normativa ao respecto”.
Antes da votación, o alcalde indiciu en que “unha das maiores agresións que sofre a cidade histórica, e o reparto de mercadorías; e ese é un tema”, engadiu, no que todos os grupos se deben que posicionar, en referencia á construción dunha plataforma de loxística de reparto de mercadorías, que en principio, daría servizo á zona histórica e despis, segundo as previsión, extenderíase a outros puntos da cidade.
Imaxe do pleno
O concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadán, Gonzalo Muíños interveu na proposición sobre a a situación do barrio das Fontiñas para a implementación de medidas específicas para a súa mellora. Explicou que o barrio conta, cunha liña de transporte específica e tamén pasan liñas con conexión á cidade da cultura e a hospitais. Sobre 100.000 viaxeiros están a circular cada mes. Unha “rede de transporte, engadiu, que nunca foi obxecto de debate. Sobre a rotonda entre as rúas Lisboa, Londres e Berlín, xa fora aceptada unha iniciativa formulada pola oposición. Xa está encargada a memoria, que rematará o próximo mes para despois pasar á execución das actuacións contempladas para a pacificación do tráfico. Sobre a zona de Concheiros, está, explicou, “nesa fase de asentamento para aperturar a rúa e para avaliar, por se hai que facer, algun tipo de medidas correctivas”. Tamén sinalou que cómpre agardar ao PMUS, o Plan de Mobilidade Urbana de Santiago, “no que se planifica de xeito global a mobilidade da zona”.
Na segunda quenda interveu o alcalde. Sánchez Bugallo explicou o sentido do voto socialista en cada un dos puntos da proposición. No primeiro, sobre medidas urxentes orientadas á mellora da mobilidade e da accesibilidade na confluencia da Rúa Londres con Rúa Berlín e Rodríguez de Viguri, o Grupo socialista abstívose. O rexedor sinalou que cómpre esperar a apertura de Concheiros para ter unha información máis precisa de como se comporta o tráfico na zona. O Grupo Socialista tamén se abstivo no punto dous, de elaborar unha diagnose de neceidades e demandas sociais do barrios das Fontiñas para poder incorporar estas melloras nos orzamentos municipais dos próximos anos; porque, explicou Sánchez Bugallo, a diagnose cómpre facela extensiva a toda Compostela, para actualizar os datos “e ver en que situación está a cidade e as necesidades que presenta despois da pandemia. No terceiro punto, instar á Xunta de Galicia á construción do centro de día nas inmediacións do barrio nalgunha das parcelas aínda dispoñibles, o PSdeG votou a favor.
Mocións
Na primeira moción, para o desenvolvemento dunha programación de actividades saúdables nos parques durante o verán, o Grupo Socialista abstívose por, segundo explicou a concelleira de Políticas Sociais e Saúde e de Medio Ambiente, “é algo previsto que xa se está facendo”. Mila Castro explicou que concorda en que é necesario un “programa de actividades físicas para orientar e contrarrestar eses efectos nocivos do sedentarismo. O fomento da actividade física cremos que é un obxectivo prioritario relevante”,
Por este motivo, continuou, “este goberno porá en marcha actividades para todas as franxas de idade, nese programa que se chama Vive o verán”, organizado pola rede de Centros Socioculturais. Son actividades interxeracionais, como xogos na zona da Ferradura, na Alameda; espectáculos no parque de Contaredo; obradoiros de pintura ao aire libre; rutas polas ribeiras dos ríos; roteiros de identificación de plantas; bailes en espazos abertos, etc. A esto engádense as iniciativas postas en marcha polo departamento de Parques e Xardíns. As que se desenvolven ao longo do ano con centros escolares de primaria e ESO; e as derivadas do convenio asinado entre o Concello de Santiago e a Asociación Española contra o Cancro: “temos previsto itinerarios guiados polos ríos e regatos do noso Concello, nos que convido á veciñanza a participar”, rematou a concelleira Mila Castro.
A moción número dous para denominar “Hospital Ramón Baltar o Hospital Provincial de Conxo, presentada polo BNG, retirouse, segundo explicou a súa voceira, “co obxectivo de facilitar o traballo conxunto dos grupos”.
As mocións tres e cinco, sobre a liña de axudas á cooperación prevista para o ano 2022, e para reactivar o Consello Muncipal de Cooperación, debatéronse de xeito conxunto. O concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, explicou que hai vontade de manter a colaboración co “Fondo Galego de Cooperación”, e vaise levar a cabo a convocatoria. Hai, ademais, concertada unha reunión para revisar as bases desa convocatoria. Nesa reunión, explicou, tamén se concertará a data de clebración do Consello Municipal de Cooperación. Nesta moción o Grupo Socialista abstívose.
Na moción número catro, para optar ao título de Santiago de Compostela, Cidade Europea do Deporte; o Grupo Socialista abstívose. A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, sinalou que “non é o momento”, porque o obxectivo é seguir apostando polo deporte base. “Preferimos realizar un gran esforzo investidor nas nosas instalacións, algunhas das cales están nun proceso de rehabilitación. E apostamos por enfocar os nosos obxectivos a consolidar a nosa infraestrutura deportiva, e a promocionar o deporte, tanto entre a veciñanza, como o turismo deportivo. Pensamos que estes son os factores, son a clave para lograr que Santiago chegue a ser sede de máis citas e encontros a nivel nacional e internacional”.
O PSdeG tamén se abstivo na moción número seis, para organizar unha media maratón en Santiago de Compostela. Defendeuna Esther Pedrosa: “Estimamos que a visibilidade para o fomento e a participación do cidadan que se pode obter con este tipo de probas xa está lograda con carreiras como a SantYago 10 K, a do Correo e mesmo A San Sivestre. Como saben, xa se celebraron con éxito estas dúas ultimas e temos en mente outras que satisfagan a demanda do afecionado”. Aínda así aclarou que “non estamos pechados á celebración dunha media maratón e se nos presenta un proxecto estudaremolo con agrado”.
A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, defendeu a abstención na moción para a inmediata licitación do proxecto Vía Verde entre a Sionlla e Oroso e a redaccion do proxecto para a súa conexión coa cidade de Santiago. A concelleira lembrou que este proxecto, no tramo do concello de Santiago, non tivo achega económica de fondos europeos. Un proxecto, sinalou, divididos en fases cun custo total de 1,9 millónes de euros. A primeira fase é a que lle corresponde ao Concello de Santiago. Tamén é a que maiores dificultades técnicas presenta, xa que conta con tres túneles.
Son 10 quilómetros que discorren entre A Sionlla e Oroso. Un tramo, o dos túneles, o máis custoso, está previsto financialo a través dun convenio coa Deputación da Coruña. É unha parte “das negociacións que temos en marcha” co organismo provincial, sinalou o alcalde, Sánchez Bugallo, que este ano destinará 500.000 euros ao Concello de Santiago. “Tamén é certo”, engadiu o rexedor, que participou na segunda quenda de intervencións, “que desde o punto de vista de prioridades, acábase de por en marcha a senda do Xiro dos Montes de Santiago, de máis de 30 quilómetros, que para nós é máis prioritario. non podemos votar a favor porque tmeos un acordo e iso é o que imos levar adiante”.
Grupo Socialista votou a favor da moción para o acondicionamento e posta en valor das áreas recreativas de Chaián e O Refuxio, na ribeira do Tambre; que foi aprobada por unanimidade. Defendeuna o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, quen enumerou todas as actuacións que desenvolvidas e que se están levando a cabo na zona. Tamén interveu o alcalde. Sánchez Bugallo sinalou que se trata dunha actuación de “interese supramunicipal”, polo que estaría xustificada unha intervención da Deputación da Coruña. “Imos proporlle aos concellosde Trazo e Oroso, presentar unha proposta conxunta”, finalizou.
A moción polo fomento da vivenda pública e para a ampliación do parque de vivendas social a través da cesión de vivendas da Sareb foi defendida pola concelleira de Urbanismo. Mercedes Rosón comezou puntualizando que as competencias en materia de vivenda son da Xunta de Galicia; que non é o mesmo vivenda de promoción pública que vivenda social; e que as políticas de vivenda “para garantir, na medida do posible ese dereito constitucional, son prioritarias para os gobernos socialistas: a nivel estatal, co Plan Estatal de Vivenda 2022-2025; a nivel autonómico (lembremos a época do tripartito e bipartito) e a nivel municipal. Pero, como ben di, non son prioritarias para a Xunta do PP”.
Mercedes Rosón explicou que “neste momento non resulta viable nin oportuno que este Concello xestione estas vivendas sociais”, polas que hai que pagar á SAREB, ademais de asumir o IBI e os custes de mantemento, “sen establecer se existe unha demanda real deste tipo de aluguer social sobre a oferta da que xa dispomos. E tendo en conta, como ben dicía, que estas vivendas teñen un custe para os concellos e para os inquilinos”.
En 13 anos de goberno Feijoo, 24 vivendas de promoción pública que se está executando. Esta cifra, sinalou, é o reflexo da falta de interese da Xunta de Galicia en materia de vivenda. O Grupo Socialista abstívose nos puntos un e dous, referidos a un plan municipal de vivenda, e en demandar á FEGAM e á Xunta que se sumen a este plan; e votou a favor dos puntos 3, para instar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e ao Ministerio de Transportes e Axenda Urbana a asinar un convenio co Concello de Santiago destinado á ampliación do parque de alguer social; do punto 4 para estudar, e no seu caso activar as novas posiblidades lexislativas para aplicar políticas fiscais que graven a vivenda baleira de grandes posuidores; o punto 5, de actualizar, no caso de ser necesario o protocolo de actuación para a prevención de desafiuzamentos e a atención das persoas afectadas nos concellos da comarca de Compostela, impulsando o asinado en febreiro de 2017 polos concellos de Santiago, Ames e de Teo, así como polos colexios profesionais da Avogación, Psicoloxía e Traballo Social; e da emenda de acrecentamento do BNG, o punto número 6, para instar ao goberno do Estado e á Xunta de Galicia a realizar os trámites necesarios para proceder á transferencia a Galicai dos activos inmobiliarios da SAREB, asumindo desde os órganos competentes en materia de vivenda a xestión e a administración daqueles activos consistentes en vivendas ou en solo urbanizable para constituir unha bolsa de vivenda pública na Galiza que permita o acceso á vivenda das persoas e colectivos máis desfavorecidos e da mocidade.
Outros acordos
Os puntos 2, 3, 4, 5, 6 e 7, sobre expedientes de crédito extraordinario, suplementos de crédito e recoñecemento extraxudicial de crédito, debatéronse conxuntamente. Aprobáronse cos votos a favor do Grupo Socialista, e a abstención do resto de grupos da oposición. Defendeuno a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Pública, Marta Abal. Igual que o alcalde, quen realizou unha intervención final, pediu desculpas ás empresas pendentes de pago, “debido a problemas administrativos e económicos que fixeron que non se puideran aboar as facturas” e subvencións “en tempo e prazo”, segundo aclarou o rexedor. Tanto Marta Abal como Sánchez Bugallo, explicaron que se destinan a pago de sentenzas xudiciais catro millóns de euros dos sete de remanentes; e indicaron que “todas estas sentenzas xudiciais” derivan de decisións que se tomaron en anteriores mandatos, neste caso dos gobernos municipais do PP e de Compostela Aberta.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela