Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2023. “O que aparentemente estamos vendo é que por intereses puramente empresariais, os veciños e veciñas de Marrozos quedarán desatendidos co peche da farmacia da zona, para ser trasladada a unha nave industrial no Castiñeiriño, onde xa hai ata 5 farmacias” denuncia Gonzalo Muíños que anuncia unha moción que levarán ao próximo pleno -o primeiro ordinario da nova corporación-, para instar á Xunta de Galicia e ao Colexio de Farmacéuticos a estudar a solicitude de traslado para paralizar a operación.
O portavoz dos socialistas explica que foi tan só unha semana despois de adquirir a farmacia de Marrozos, que leva 45 anos no lugar actual, cando o propietario solicitou o traslado de ubicación do negocio a unha nave industrial do Castiñeiriño. Con esta operación recalca que ata 6.000 veciñas e veciños poderían chegar a verse afectados, xa que esta botica presta servicio tamén á veciñanza do Eixo, de Aríns, de San Breixo de Sergude, en Boqueixón e San Xián de Sales e San Fins de Sales, en Vedra.
Precisamente o calendario desta operación, explica Muíños que é o que “nos fai sospeitar que a estratexia do comprador é facerse cunha farmacia a baixo custe e solicitar inmediatamente o seu traslado”. Así as cousas, na moción reclaman ademais á concellaría de Urbanismo a trasladar ao pleno da Corporación un informe sobre a situación urbanística da nave en cuestión: “deberá estudarse se a nave reúne as condicións para a apertura dunha farmacia, toda vez que se trata dunha nave industrial situada ao carón da estrada na rúa do Outeiro do Castiñeiriño”.
Recordan os socialistas que segundo a Lei 3/2019 de 2 de xullo de ordenación farmacéutica de Galicia sinala no artigo 41 que “non se autorizará o cambio de ubicación cando, de ser autorizado, se producira un detrimento grave do servizo farmacéutico na zona na que se sitúa a oficina de farmacia”. Algo que, denuncian, é o que ocorrería con esta operación.
Oposición veciñal
Precisamente os propios veciños, desde a Asociación Francisco García Beiro xa amosaron a súa preocupación ante este traslado do que é na actualidade o único despacho farmacéutico da zona. E é que, segundo explica Muíños, as persoas maiores que eran usuarias desta oficina “que agora só tiñan que andar 100 ou 200 metros para recoller os seus medicamentos”, veranse obrigados a percorrer “ata 5 quilómetros para acudir a Lestedo ou ao Castiñeiriño”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela