Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2023. No arranque do curso político os socialistas esíxenlle ao bipartito celeridade para “desbloquear o que elas mesmas bloquearon”, en referencia á operación peleteiro e ao novo contrato da auga. O portavoz dos socialistas amosouse preocupado por dúas cuestións “prioritarias para a nosa cidade” e convencido do papel chave que terá o seu grupo nas cuestións de calado.
“Xa sabemos o que pasa cando goberna o PP e cando o fai CA. Sabemos o que é perder catro anos, e non permitiremos que volva a pasar” afirmou Gonzalo Muíños que se comprometeu a traballar desde unha oposición “útil” para que “o contrato da auga sexa unha realidade máis pronto que tarde e para que o peleteiro se converta nunha gran praza pública que revitalice o Ensanche”: “traballaremos para que este goberno que se autodenomina transformador, non remate sendo o da paralización”.
Muíños recordou que para o Peleteiro o goberno dos socialistas contemplaba a construción dun gran parque de vivendas, cun 20% reservada a prezo taxado, un centro sociocultural, un centro de día e unha gran praza pública con apertura a República de Arxentina e San Pedro de Mezonzo: “alcanzárase un acordo, ampliouse a apertura cara as dúas rúas, dábase resposta ás demandas veciñais e, a pesar diso, a actual voceira de Sumar, Marta Lois, decidiu incumprir o seu compromiso e bloquear unhas obras que poderían estar xa en marcha” censurou o portavoz dos socialistas.
O contrato para o ciclo integral da auga: “imprescindible para levar abastecemento e saneamento a todo o rural”
“Nós nunca diremos non a inversións no rural nin a revitalizar o Ensanche, como si fixeron as que agora gobernan” afirmou Gonzalo Muíños instando ao bipartito a sacar adiante o contrato da auga: “descoñecemos, despois de máis de dous meses, se existe un acordo programático de goberno, vemos a un bipartito sen rumbo e non se sabe sequera se optarán por un modelo concesional, como adoita facer o BNG e xa fixo en Pontevedra ou en Carballo”.
Precisamente Gonzalo Muíños defendeu que este debe ser o modelo polo que se opte no noso Concello “tendo en conta os informes técnicos, redactados polos mesmos equipos que os fixeron en Pontevedra” e ante as “inversións urxentes que son necesarias”. Explica Muíños que a rede de abastecemento e saneamento está moi deteriorada polo paso do tempo e “require de inversións moi grandes para a súa posta a punto, para poñer fin ás roturas e levar o saneamento a todo o rural” polo que “é preciso que unha empresa adiante eses cartos para facer eses investimentos de forma urxente”.
Sobre a hipótese de Compostela Aberta de optar polo modelo da xestión directa, Muíños recordou que o “exemplo que poñen sempre de Valladolid, é tamén exemplo en subcontratación, con máis de 40 empresas privadas que actúan como empresas subcontratas”. E é que, segundo un informe realizado polo Instituto Coordenadas de Gobernanza e Economía Aplicada, se destinaron neste concello 23,5 millóns de euros a licitar actividades, moitas que son a base do servizo, como o control de desbordamentos ou a reformar infraestruturas.
Tamén neste sentido o portavoz dos socialistas afeoulle ao Partido Popular de Borja Verea que votase en contra no pasado mandato, da man de CA e BNG, do contrato para realizar estas inversións “porque dubidaban dos beneficios do modelo concesional, algo que nin eles mesmos eran capaces de crer”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela