Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2023. “Moi grave” é a ollos dos socialistas a actitude do goberno bipartito que “por sistema está negándose a dar explicacións á cidade para a que goberna”. O portavoz do PSdeG foi especialmente crítico coa actitude da alcaldesa que “non só non conta coa oposición para nada, a pesar de estar en minoría absoluta, senón que a súa soberbia a leva tamén a ignorar a postura dos seus socios de goberno” explicou.
Muíños insiste en que “a Asamblea do BNG está máis ao tanto dos temas da nosa cidade que os concelleiros da oposición” e critica o “achegamento á dereita” que a alcaldesa planea para poder sacar adiante o derribo da Casa da Xuventude -para o que precisará do apoio do Partido Popular de Borja Verea ante a negativa dos socialistas e de Compostela Aberta-. Advirte ademais que “con este achegamento á dereita, pode ser que a señora Sanmartín esqueza por quen é alcaldesa, ao tempo que nós comezamos a esquecer por que a fixemos alcaldesa” explicou.
Na rolda de prensa participou tamén a que fora a concelleira responsable de Urbanismo durante o mandato socialista que insistiu no papel “irrisorio” que está xogando actualmente Compostela Aberta dentro do bipartito: “a coincidencia de intereses do BNG e PP comeza a ser algo máis que unha coincidencia”.
Precisamente, Mercedes Rosón alertou de que esas “alianzas” entre PP e BNG poidan xerar máis inestabilidade no goberno bipartito: “véñenme á memoria as declaracións do señor Verea respecto das Vivendas de Uso Turístico, do que supostamente prometeu a alcaldesa sobre a nova ordenanza, e moito me temo que CA non será garantía de nada”.
Rosón insiste en cuestionar o papel de Compostela Aberta nesta decisión, fala de “submisión” por parte dos de María Rozas ao goberno do BNG e pregunta con ironía “que pensarán os máis de 4 mil votantes que lle deron a capacidade de sobrevivir a CA nas últimas eleccións?”.
Unha “transformación” da imaxe da Praza do Matadoiro
Os socialistas que comezaron criticando o “ocultismo” do goberno bipartito, quixeron facer da súa rolda de prensa un espello para “amosarlle á señora Sanmartín que non hai ningún problema por dar explicacións e xustificar unha postura determinada”. Cuestionando o “secretismo” que mantén a alcaldesa do BNG “que se nega a explicar cales foron as alternativas que lle presentaron á Deputación”, Muíños insistiu en que a proposta que o goberno socialista deixou asinada coa Deputación contempla “unha rehabilitación integral”.
Explica o portavoz dos socialistas que o acordo co ente provincial supuña que este financiase o 80% do coste da actuación “e o mantemento e conservación durante 25 anos”. Recalca que coa actuación se dotaría dun enorme espazo público ao centro histórico “cun anfiteatro e unha planta enteira dedicada a usos municipais”.
Fronte a isto, contrapoñen o “galpón que a señora Sanmartín quere facer, botando a perder dous millóns de euros”. Unha afirmación que, recordan, xa fixera durante a campaña electoral a que agora é a súa tenente de alcaldesa. Insisten ademais na gravidade de que, fronte a un concurso público cun concurso de ideas aberto -como contempla o acordo coa Deputación-, a alcaldesa “prefira usar o proxecto do seu concelleiro de Urbanismo, en calidade de arquitecto” algo que califican de “escandaloso”.
Mercedes Rosón insistiu en que, con esta actitude, Sanmartín “esquece todo aquilo que algún día quixo abandeirar: transparencia, diálogo, consenso e participación” e critica que “de seguir este rumbo, rematará por converterse en todo o que un día criticou”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela