Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023. A creación de apartamentos de alugueiro para estudantes, é a proposta que o PSOE levará ao próximo pleno para que se lle de continuidade a un proxecto para o que xa se iniciaron as conversacións durante o pasado mandato coa USC na que “atopamos receptividade e disposición” explica a concelleira Mercedes Rosón.
Concretamente o bloque de apartamentos ubicaríase en tres parcelas: en Xoán XXIII, titularidade da Xunta; na Avenida de Castelao no Campus Norte, titularidade da USC; e nas proximidades do CHUS en Volta do Castro, propias do Concello. Arredor de 200 apartamentos poderían xerarse con esta proposta coa que “estaríamos tamén destensionando o mercado inmobiliario e deixando a porta aberta, máis portas abertas, a familias novas, a mozas e mozos, que queiran facer a súa vida aquí” explicou Rosón.
“É urxente, e así o demostraron as longas ringleiras que vimos estes días nas inmobiliarias, mellorar a oferta de alugueiro convencional en Santiago e, sobre todo, pensando no estudantado que cada vez máis ten que marchar a concellos limítrofes” explicou a que fora concelleira de Urbanismo e Vivenda no pasado mandato.
Rosón, que quixo por en valor ademais o impacto que tivo durante os últimos meses a reforma do Plan Xeral que impulsou no pasado mandato e que regula o número de vivendas de uso turístico: “case un centenar de vivendas abandonaron o uso turístico para volver ao convencional e as cifras fálannos dunha baixada do prezo de alugueiro na nosa cidade, fronte a outras cidades de Galicia”. Así, Mercedes Rosón insiste en que “este é o camiño a seguir” e reivindica propostas como os apartamentos para estudantes “para ofrecer unha vivenda digna e de calidade e contribuír a mellorar a oferta de alugueiro na nosa cidade que é, e debe seguir sendo, cidade de acollida”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela