Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
“Santiago está sendo claramente discriminada respecto a outras cidades de Galicia que si contan con inversión autonómica para aparcadoiros vencellados ás ampliacións dos hospitais” denunciou o portavoz do Grupo Municipal Socialista e tenente de alcalde, Sindo Guinarte. Desde o PSdeG demandan que se reserven no proxecto de orzamentos 2 millóns de euros para un parking que en Santiago “é máis necesario que noutros centros, porque a maioría dos pacientes do CHUS non viven na cidade, senón na ampla área sanitaria á que da servizo o noso hospital” explicou Guinarte.
Tamén do eido sanitario propoñen a creación dun centro de Saúde en Conxo, “unha demanda longamente exposta e esixida e que a Xunta continúa sen facer efectiva” recalcou Guinarte, así como un centro de día en Fontiñas, onde desde o Goberno de Bugallo xa se lle ofreceu a Xunta varias parcelas onde se podería ubicar o centro.
En materia educativa, atendendo a expansión da cidade, propoñen a creación dunha escola infantil en Santa Marta, así como máis recursos educativos para acometer reformas en centros como o CEIP de Vite I e o de Lamas de Abade que “necesitan unha intervención urxente e, nisto a Xunta, tampouco se compromete”. Ademais, o Concello xa ofrecera os terreos necesarios para a ampliación da Escola Oficial de Idiomas que tampouco aparece recollida no proxecto de orzamentos. Unha intervención para a que os socialistas emendan 300.000 euros.
2.784.413 euros son os que destinou neste 2022 a Xunta de Galicia ao Consorcio de Santiago, do que depende, entroutros, a Real Filharmonía de Galicia. Unha orquestra de titularidade autonómica que tivo un coste, tamén neste 2022, de 4.574.000 euros “é dicir, a aportación da Xunta non da sequera para soportar os gastos dunha entidade da que é titular” criticou o portavoz dos socialistas de Santiago.
Sindo Guinarte, explicou que desde a chegada de Feijóo, “a aportación da Xunta ao Consorcio acumula déficits constantes” cifrando en 30 millóns de euros a aportación que a administración autonómica tería que ter feito “e que tiveron que ser suplementados polo Concello”. Así, para o proxecto de orzamentos do 2023 propoñen que se destinen ao Consorcio 4.500.000 euros.
Tamén as transferencias correntes ao Concello para sufragar os gastos ocasionados pola capitalidade experimentaron “un descenso contínuo desde a chegada do PP ao goberno”. Guinarte recordou que durante o goberno de Touriño chegouse aos 3.200.000 euros e, nos próximos orzamentos, a Xunta prevé únicamente 2.392.000 euros, supoñendo un recorte dun 33%: “se a Xunta inicia unhas obras para ampliar a sede das súas institucións na capital de Galicia, e pon en valor esta condición de Santiago como capital autonómica, que menos que recuperar a aportación de hai 13 anos” insistiu Guinarte.
Pola súa banda, a deputada Noa Díaz insistiu en que boa parte das iniciativas que se presentan agora como emendas ao proxecto de orzamentos, xa foron levadas ao Parlamento aínda que contando co voto en contra do Partido Popular. “Sorprende que, habendo aquí un candidato á alcaldía e deputado polo Partido Popular, votara en contra destas iniciativas, non asista aos debates nin levara ningunha proposta para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Santiago” criticou Díaz.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela