Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2023. O primeiro pleno ordinario da Corporación Municipal é o escenario no que o portavoz dos socialistas en Raxoi quere que todos os grupos “poñan as cartas sobre a mesa” e “asuman o acordo que subscribiron ante o Foro Cívico e a Cámara de Comercio”. Gonzalo Muíños recalca que “queremos ser consecuentes cos compromisos adquiridos” e con esta moción o que buscan é “que todos cumpramos a nosa palabra, como xa fixeramos nós hai catro anos”.
Muíños recorda que cando no 2019 asumiron o goberno eran cinco as prioridades marcadas polo Foro Cívico e que foron asumidas por todos os grupos da corporación: “comprometémonos coa industrialización e concedemos 87 licencias, comprometémonos coas infraestruturas e as conexións e aí está a intermodal e o enlace Orbital e comprometémonos coa nova EDAR e as obras están listas para comezar” explica.
“Agora queremos que o resto de formacións cumpran como cumprimos nós” insiste Muíños que levará ao pleno do 27 de xullo unha moción para que se deixen a un lado “cuestións partidistas” e se busque “o maior consenso posible” nos temas estratéxicos que recolle o acordo.
“Queremos que se saque o novo contrato da auga, que se mellore a mobilidade na contorna do CHUS e que se ofrezan solucións de vivenda para as persoas que queren vivir aquí”
Son seis as liñas estratéxicas que marca o acordo: mellorar a planificación do CHUS, solucionar a falta de vivenda, sacar un novo contrato para o ciclo integral da auga, impulsar a construción da Estación de Mercadorías en A Sionlla, atraer investimentos de novas empresas e a promoción dun turismo sustentable.
O portavoz PSdeG recalcou que se trata de seis cuestións de importancia capital para Santiago que “deben estar por enriba de calquera interese partidista e de calquera sigla”, e asegurou estar a disposición do goberno local para “buscar a mellor solución para cada un destes retos que se nos presentan”.
Sobre o contrato da auga, Muíños recordou que durante o pasado mandato “tiñamos os pregos preparados, pero a oposición decidiu bloquear esta cuestión nunha estratexia obstrucionista”: “o que queremos evitar é que, como a nós nos pasou con este tema, se repita ese bloqueo a proxectos prioritarios para mellorar a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”.
E é que, tal e como recorda, a situación actual da rede de saneamento e abastecemento non chega a boa parte da zona rural de Santiago, sobre todo na zona norte, e debido ao seu deterioro, rexistra un gran número de roturas cada semana que fan desta unha cuestión “que non se pode retrasar máis”: “agardo que, agora que xa está no goberno [Sanmartín] poida seguir a estela de compañeiros seus de partido e alcaldes de Pontevedra ou Carballo, e saque adiante o contrato para o ciclo integral da auga que xa deixamos preparado”. Confirma ademais Muíños que “de ser así, aí estaremos para apoiar a decisión”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela