Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O pleno do concello extraordinario do concello de Santiago aprobou a modificación puntual do título III do PXOM, da regulación de usos. Era o primeiro punto na orde do día. O grupo socialista votou a favor, igual que Compostela Aberta; mentras que o Grupo Popular e o BNG se abstiveron. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, xustificou o interese público da modificación, na finalidade de “preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación daqueles usos e actividades complementarias que proporcionan servizo á poboación residente”. E aclarou que o dereito constitucional á vivenda habilita ao planeamento urbanístico para limitar calquera forma de utilización da vivenda que desnaturalice a súa función residencial.
Na súa exposición, a concelleira de urbanismo e cidade histórica, Mercedes Rosón, sinalou que o documento sometido a aprobación, ten por obxecto a reforma do texto normativo do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) vixente, para dar unha resposta conxunta e integrada a diversos problemas suscitados ao longo da súa vixencia. “É o resultado dunha análise e valoración de todos os intereses que conflúen no interese xeral e na protección da cidade”.
Un documento, recordou, elaborado de oficio polos servizos técnicos municipais;sobre o terreo, co coñecemento e experiencia do persoal de planeamento e tamén de licenzas do departamento de Urbanismo; profesionais que, explicou a concelleira, “coñecen a cidade e todas as sensibilidades e necesidades do noso tecido social e económico.
Con todas estas necesidades sobre a mesa, e sin esquecer ese interese xeral, tatamos de facer unha lectura ampla de ordenación, na que contemplamos a economía colaborativa. Hai unha resposta a esa necesidade de economía colaborativa, que entendemos como positiva e acorde con ese obxectivo prioritario de mantemento do uso residencial que cómpre preservar polo interese xeral”, engadiu Mercedes Rosón.
Entre os principais cambios introducidos figura unha nova sistematización e definición dos usos urbanísticos; a identificación de distintas zonas na cidade, entre as que se atopan as zonas sensibles ou de risco, é dicir, aquelas nas que resulta determinante manter a prevalencia do uso residencial; como son a cidade histórica e o Ensanche; e a ordenación por plantas do edificio, é dicir, a autorización de vivendas de uso turítico na planta baixa cando se permitan viviendas nesa planta. Cando non se permitan, autorizaranse no primeiro andar.
A responsable de Urbanismo sinalou que “para que Santiago funcione como a cidade que é, como a cidade que queremos que sexa, o uso residencial debe ser maioritario; pero tamén se deben manter, nunha proporción adecuada, todos aqueles usos que sirvan, axuden, fomenten e sosteñan ese uso residencial”.
Rosón recordou que a hospedaxe, ademais de substituir e limitar o uso da vivenda residencial; xera outros servizos complementarios propios, que resultan preocupantes e que non son os que necesita un residente permanente. Sinalou tamén que a modificación dá resposta, dun xeito equilibrado a dous tipos de problemas: os que responden a unha situación sobrevida de carácter socioeconómico, e a outros detectados polos técnicos municipais no tempo de vixencia do plan.
Entre eses cambios que responden a unha situación sobrevida, está o incremento de vivendas destinadas a usos turísticos. Un problema que, subliñou Mercedes Rosón, se acelerou nos últimos anos en Santiago. “Un problema compartido con outras cidades de gran atractivo turístico, que supón unha ameaza para a esencia mesma da cidade como lugar no que habitar. A situación de emerxencia sanitaria creada pola pandemia da COVID puxo de manifesto a debilidade deste modelo e a fraqueza dunha cidade baseada unicamente no turismo ou nos servizos; amosándonos unha situación preocupante que se percibe con especial crudeza na silenciosa e apagada cidade histórica”.
Fronte a este problema, “a alternativa elixida é a que procura a perspectiva máis ampla, realizando unha ordenación pormenorizada do sólo no seu conxunto, non limitándose só a simple regulación dos usos turísticos na cidade; e ao mesmo tempo, ten presente a incerteza do novo marco socioeconómico ao que nos diriximos”
A responsable de Urbanismo recordou que esta modificación está avalada pola normativa estatal e europa. Esta regulación, explicou Mercedes Rosón, “pretende aplicar os principios de desenvolvemento urbano sostible recollidos no artigo 3 do RD lexislativo 7/2015. A xustificación do interese público da modificación está na protección do uso residencial -entendido como aquél que satisface a necesidade de vivenda habitual ou domicilio das persoas residentes. Este uso, recordémolo, ten a súa orixe na norma constitucional que obriga aos poderes públicos a promover as condicións precisas para facer efectivo o dereito á vivenda, regulando a utilización do solo consonte ao interese xeral e impedindo a especulación (artigo 47 da Constitución española).
Na mesma liña, sinalou, se pronuncia “a resolución do Parlamento europeo de 21.01.2021, sobre o acceso a unha vivenda digna e asumible para todos; que concede unha ampla discrecionalidade ás autoridades nacionais e locais para definir normas proporcionadas para a limitación de licenzas e políticas de zonificación especificas; para evitar a “turistización”, o abandono dos centros urbanos en detrimento dos seus residentes.
Por todo isto, continuou, “o planeamento urbanístico non pode permanecer neutral ou indiferente perante a expansión indiscriminada das actividades que supoñen a utilización da vivenda para usos non residenciais. Antes ao contrario, o planificador está obrigado a intervir neste proceso de hotelización das vivendas, coa finalidade de preservar a función residencial da cidade, e, ao mesmo tempo, garantir a dotación daqueles usos e actividades complementarias que proporcionan servizo á poboación residente”.
Na segunda intervención, a concelleira aclarou que a modificación non remata con este pleno: “vai ser un proceso participativo, longo, que coa exposición pública permitiranos mellorar o documento. A nosa vontade é estudar e analizar as aportacións que nos cheguen, as aportacións de todas as partes; polo tanto, non é un documento pechado”.
Non é un documento pechado, pero sí, afirmou, un documento “rigoroso e obxectivo. Establece uns criterios claros, cunha fundamentación definida. E cunha finalizade clara: preservar o uso residencial”.
Mercedes Rosón rematou agradecendo o apoio dos grupos, en especial de Compostela Aberta: “sacar adiante esta modificación está contribuindo a manter a habita-bilidade e a esencia de Compostela tal e como a coñecemos; están sentando as bases dun modelo máis humano de cidade baseado no interese xeral”.
O pleno interrompeuse ás doce do mediodía. Todos os membros da Corporación Municipal gardaron un minuto de silencio, en sinal de condena polo último crime machista, acontecido en El Molar (Madrid), onde un home asesinou á súa parella e a súa filla.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela