Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O pleno da Corporación Municipal, que comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista, aprobou por unanimidade unha moción de urxencia de apoio ao grupo galego Tanxugueiras.
Segundo o texto da moción, refrendado por todos os grupos municipais, “o pleno da Corporación manifesta o seu apoio expreso ao grupo musical Tanxugueiras con motivo da súa participación no Benidorm Fest e a súa posible participación no Festival de Eurovisión”.
Os motivos citados: pola calidade musical da canción Terra, por ser o primeiro tema cantado en todas as linguas cooficiais do Estado, empregando fundamentalmente a lingua galega, “que ten opcións de participar nun festival internacional, levando as nosas raíces musicais por toda Europa”; “pola súa acollida entre o público nacional e internacional e a crítica especializada; pola homenaxe que rende a todas as nais, as avoas, e ás mulleres que mantiveron viva a nosa tradición oral, a nosa música e a nosa cultura”, pola mensaxe de empoderamento feminino, pola imaxe de modernidade que transmite de Galicia e “pola imaxe de pluralidade do que significa España”.
Moción conxunta de apoio a Tanxugueiras
Proposicións
Durante o debate da primeira proposición, na que se instaba ao goberno local a garantir a seguridade e a fluidez do tráfico na confluencia das rúas Lisboa e Dublín con Londres, a través da construción dunha rotonda; o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, confirmou que desde o executivo municipal xa se está traballando neste asunto. Recoñeceu que “non é unha solución sinxela”, e que a actuación “tería que eliminar un anaco de beirarrúa e unha árbore”, polo que cómpre redactar un “pequeno proxecto para abordala”.
Trátase, sinalou Muíños, dunha obra “necesaria para a seguridade viaria” do barrio das Fontiñas. O Grupo Municipal Socialista abstívose, porque, segundo explicou o concelleiro, “ao precisar dun proxecto non se pode abordar de xeito inmediato”.
O Grupo Municipal Socialista posicionouse en contra da proposición para reprobar a actuación do executivo local respecto das obras de Concheiros. O alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, aclarou que “se non fora por este goberno a obra non se facía”. Recordou os cambios que se fixeron e subliñou que “asumimos toda a responsabilidade da obra. Pero o día que se inaugure, os veciños tamén saberán que se non fose por este goberno esta obra non estaría feita”.
O rexedor recoñeceu a existencia de “dúas varas de medir”, ao falar das obras que está executando o Concello de Santiago e das que está executando a Xunta de Galicia. E volveu recordar o retraso acumulado nas obras do Camiño Francés. “Ou é que os veciños da Av. de Lugo ou de Rodríguez de Viguri, non son veciños de Santiago?”, preguntou ao BNG.
Na primeira quenda de intervencións, defendeu a postura do Grupo Municipal socialista o concelleiro de Obras. Javier Fernández comezou pedindo desculpas á veciñanza polas molestias causadas, e lembrou os cambios que houbo que introducir no proxecto, moitos deles “demandas da veciñanza”. Unha actuación, a de Concheiros, que definiu como “unha obra a corazón aberto onde se cambiou saneamento, pluviais, telecomunicacións, tubeiras de fibrocemento, etc.”
“Posiblemente podería mellorarse a execución e mesmo o proxecto”, sinalou. Un proxecto que, lembrou, “non é deste goberno… Parte dos que están aquí, e que o están criticando, coñecíano perfectamente. Porque foi Compostela Aberta quen asinou o convenio co PP. E tamén coñecían as dificultades da súa execución. Cecáis por iso non se atreveron a executalo”. O concelleiro tamén recordou que a porcentaxe de execución do orzamento de remanentes en obras, é dun 60%. “Hai unha realidade, que é a capacidade de xestión que ten este goberno e a lealdade que tivo este goberno coas obras que fan outras administracións na cidade. Aínda que a oposición o obvie”, indicou.
Na seguinte proposición, para mudar a data do Día de Rosalía de Castro para o 23 de febreiro e organizar un programa de intercambio de residencias artísticas para estimular a creatividade sobre a escritora; o Grupo Municipal Socialista abstívose. Defendeuna a concelleira de Cultura. Mercedes Rosón. Explicou que “tal e como acordamos na reunión que mantivemos o pasado 18 de xaneiro coa Fundación Rosalía de Castro e con diferentes entidades culturais e educativas relacionadas co día de Rosalía, imos difundir a nova data de aniversario, o 23 de febreiro, e celebrar ese día a ofrenda floral”.
En canto á proposta de pór en marcha un programa de residencias, “require dunha preparación e unha articulación que resulta de difícil cumprimento a un mes vista da celebración do aniversario”, segundo explicou Mercedes Rosón. “No caso dunha residencia como a que vostede propón, redáctanse unhas bases asociadas a unha partida económica, publicítanse, establécese un prazo de presentación de propostas, escóllese un comité para que elixa as mellores propostas, tramítanse os expedientes das persoas seleccionadas… Con todo este proceso, comezarían a traballar, como moi pronto, no verán”, engadiu, ao xustificar a abstención do Grupo Socialista.
A concelleira de Acción Cultura rematou a súa intervención aclarando que “respecto moitísimo as iniciativas de todo o mundo. E por suposto, as súas (en referencia á voceira do BNG) e a do resto de membros desta corporación. Pero non pode ser que intente marcarnos a súa folla de ruta. Nós xa temos a nosa, na que todos teñen cabida”.
O pleno municipal aprobou por unanimidade a proposición para a implantación da tarxeta cidadá municipal de Santiago. Defendeuna a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local. Marta Aba explicou que “este equipo de goberno está traballando para cumprir ese acordo unánime” e puntualizou que “máis alá dos servizos que poida ofrecer a tarxeta cidadá, é prioritario ter en conta o público ao que vai dirixida, os recursos tecnolóxicos actuais e a imaxe que o concello quere ofrecer de Santiago de Compostela”.
Tendo en conta estas variables, continuou, “este goberno entende que convén apostar, non polo concepto de tarxeta física dun xeito maioritario, senón pensar nun sistema virtual, acorde aos novos tempos, que permita ofrecer mais servizos, integrar os actuais e futuros e adaptarse aos cambios tecnolóxicos que se producen continuamente. Aínda que somos conscientes que existe un público obxectivo ao que estaría destinada unha tarxeta física”. Servizos como identificación, pago de taxas e servizos públicos, reserva e acceso a instalacións, compra de entradas, monedeiro electrónico ou descontos. “Pero este goberno municipal”, continuou Marta Abal, “quere unha tarxeta aberta a outro tipo de servizos como información turística, navegación en tempo real, audio guías, servizos de alertas, horarios de transporte en tempo real. E este tipo de servizos non son implementables nunha tarxeta física”.
Respecto do público ao que vai dirixido, “evidentemente é a poboación de Santiago, pero sería convinte integrar á poboación itinerante como os estudantes e turistas que no caso de Santiago son colectivos moi significativos”, explicou Marta Abal.
De cara a solucións para reducir a fenda dixital da cidadanía, a concelleira sinalou que se está a traballar “en ideas que aposten pola nosa rede de Centros Sociculturais como puntos de axuda e información para todo aquel que o precise nesta etapa de modernización da administración local”.
Na seguinte proposición, para a posta en marcha dun programa de información, asesoramento e acompañamento técnico e económico, destinado a facilitar a continuidade dos establecementos comerciais susceptibles de iniciar procesos de relevo xeracional e transmisión, tratando de garantir a supervivencia da actividade; o Grupo Municipal Socialista abstívose. Unha posición que defendeu o alcalde compostelá.
Xosé Sánchez Bugallo indicou que ve “oportuno, acaído e necesario, un novo estudo para abordar a situación postpandemia” do comercio; que permitiría “actualizar os estudos” xa realizados “e dispor deses datos para saber en que situación estamos”.
Sobre a diagnose do sector, o rexedor explicou que non concorda co texto da proposición. “non é unha diagnose correcta. Dóenos cando pecha un establecemento emblemático”, sinalou, circunstancia na que interveñen distintos factores: “hai unha crise comercial evidente, de cambio de modelo do comercio, con outras expectativas por parte dos herdeiros na que a transmisión de pais a fillos está rota”, e uns alugueres “disparatados”, sobre todo na zona histórica, “que son incomplatibles co modelo de comercio actual”.
O alcalde respondeu ás dúas partes en que se divide a proposta: “a do estudo tal cual, imos dar instrucións”, para que se incorporen aspectos contemplados no texto. E a segunda, “imos por en marcha, na maior brevidade posible, un plan de reactivación comercial e aí avaliaremos o que nos dín. Estudiarémolo con todo o interés, porque comparto esa preocupación”. Esta abstención, finalizou, é un “imos intentalo”.
Na última proposición, para a mellora da información e asesoramento á veciñanza sobre o consumo eléctrico, a concelleira de Políticas Sociais e Saúde e de Medio Ambiente, Mila Castro; explicou que o Goberno Municipal está traballando nunha “convocatoria específica” para cubrir a praza vacante da OMIC, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor, ao xubilarse o funcionario responsable.
Mila Castro explicou a abstención do Grupo Socialista. Argumentou que “desde o momento da ausencia do responsable da OMIC, non se fixo atención presencial á cidadanía. Pero seguíronse atendendo reclamacións e consultas que se presentaron a través da sede electrónica do concello, e cando se puñan en contacto con nós, derivábase a quen o preciasba ao Instituto Galego de Consumo”.
O obxectivo, subliñou Mila Castro, é “ofrecer un asesoramento que atenda eficazmente as demandas dos consumidores e usuarios. Estamos traballando na busca da mellor solución; ao mesmo tempo que establecemos canles de colaboración con outras entidades que reforcan este servizo”. “Estamos traballando”, continuou para a posta en marcha da OMIC, con mellores servizos de atención a cidadanía nas materias propias da oficina, e o mellor asesoramento suxeito a unha normativa tan variada e con tantos cambios”, na que puxo como exemplo o consumo eléctrico. Isto, engadiu, “esixe contar coa colaboración de terceiros especializados”.
Nese senso, a concelleira avanzou a “formalización dun convenio, neste 2022, coa Unión de Consumidores e Usuarios de Galicia, na súa calidade de entidade sen ánimo de lucro. Xa estamos en conversas desde hai dous meses coa persoa responsable”.
Con este convenio preténdese, explicou, “reforzar a información e asesoramento que precise a veciñanza de Compostela”, así como “realizar sesións informativas e formativas en espazos públicos, sobre o dereito das persoas consumidoras e usuarias en relación con materias que suscinten especial interés ou problemática entre a nosa veciñanza,. e outras dirixidas a promover un consumo consciente, socialmente xusto, e sostible”.
Interpelación
A continuación, o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel respondeu a unha interpelación sobre a execución das obras de reparación e consolidación da Ponte de Vidán, e anunciou que a semana que ven quedará aberta “tanto ao tráfico rodado como peonil”.
O concelleiro pediu desculpas ás persoas afectadas polas obras, e explicou todo o proceso de execución da actuación, no que a empresa adxudicataria solicitou dúas prórrogas, motivadas, fundamentalmente, polo retraso na emisión de autorizacións por parte de Augas de Galicia.
Mocións
A primeira moción que se debateu, sobre a mellora da mobilidade, da seguranza viaria e a reurbanizacion do barrio de Salgueiriños, o Grupo Socialista abstívose. Segundo explicou o concelleiro de Obras, hai un calendario de actuacións “que se completa con aquelas obras urxentes; as que non poden esperar”. Sinalou que se vai estudar a posibilidade, pero que neste momento non se contempla unha partida orzamentaria para a reurbanización de Salgueiriños. “Pero si que hai actuacións contempladas dentro desa programación de obras. Actuacións en beirarrúas do barrio, no asfalto…, etc.”, engadiu.
Na moción para fomentar o uso da lingua galega na administración local, e elaborar un novo regulamento do uso da lingua máis completo, detallado e actualizado, o Grupo Socialista tamén se abstivo. Na primeira quenda interveu o concelleiro de Políticas Lingüísticas, Rubén Prol, quen enumerou as accións que se están facendo desde o departamento en relación ao uso da nosa lingua. Na segundo quenda de intervencións, o alcalde Sánchez Bugallo recordou que o regulamento actual é do ano 1988. “Foi unha revolución moi grande, porque declaraba o galego como lingua oficial, lingua de uso preferente e lingua transversal”. Segundo sinalou, “cremos que é inoportuno e imprudente abrir unha reforma, xa que hoxe, seguramente, ese regulamento sería suspendido porque o marco legal é outro”. De aí a abstención. Sobre o reforzo do uso do galego, “igual hai que facer un esforzo”, recoñeceu o rexedor, quen finalizou sialando: “tomaremos nota”.
Durante o debate da seguinte moción, sobre a realización dun programa de reparación e posta a punto dos parques infantís, a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, anunciou que “nestes orzamentos de 2022 xa está previsto un crédito para facer esa inspección e avaliar o estado dos equipamentos”. Tamén hai unha partida “para realizar as reparacións necesarias e a substitución de pavimentos e materiais que sexan precisos, por iso nos imos abster, tendo en conta que o que se pide xa o está facendo este equipo de goberno”.
Mila Castro lembrou que en Compostela “contamos con 82 áreas de xogo, infantís e de adultos (parques biosaudables) que son revisadas a través dun control rutinario do persoal de Parques e Xardíns”, e que se revisa periodicamente a través dunha inspección visual (unha ou dúas veces á semana dependendo do uso do parque) o pavimento e os elementos de xogo. Tamén hai, continuou, inspeccións funcionais, cada tres meses aproximadamente, nas que se comproba o estado dos equipamentos: estabilidade, anclaxes, etc. Remarcar, indicou a concelleira que “en ningún caso as eivas de orzamento fan que poñamos en risco a seguridade das persoas ususarias”.
Mila Castro tamén defendeu a moción de Compostela Aberta para reprobar ao SERGAS por causa da desanteción ás persoas pacientes no hospital Psiquíatrico de Conxo. O texto final que se aprobou foi a emenda de substitución presentada polo Grupo Socialista, que di textualmente: “o Pleno do Concello de Santiago manifesta a súa reprobación ás situacións denunciadas e insta á Xunta de Galicia a cumprir co mandato parlamentario de tomar medidas para reverter as deficiencias indicadas polo Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura”.
O Grupo Socialista abstívose na moción de Compostela Aberta para impulsar a colaboración institucional entre o Concello de Santiago e a Xunta para resolver os problemas derivados das obras dos camiños de Santiago en Conxo e na Avenidade de Lugo. O alcalde Sánchez Bugallo, que interveu na segunda quenda, referiuse ao consenso acadado entre CA e o PP no proxecto da remodelación de Concheiros, sinalando que os maiores problemas xurdidos durante esta obra, que non se contemplaban nese proxecto, eran actuacións urxentes e necesarias como o cambio do saneamento.
Sánchez Bugallo rematou sinalando que “colaboración institucional toda, pero ningunha desas obras está recpecionada a día da hoxe”, en referencia as actuacións realizadas pola Xunta nas entradas dos Camiños, entre as que se atopa a urbanización da Praza Aurelio Aguirre de Conxo.
Na primeira quenda de intervencións, a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, amosouse contundente: “foi este goberno quen dialogou coa veciñanza de Concheiros, quen incorporou as súas demandas, e quen colabora, sempre, con outras administracións e entidades se iso redunda en beneficio da cidadanía, que é na maioría dos casos. E foi este goberno quen dialogou e dialoga coa veciñanza de Conxo. Somos coñecedores de como se executou a obra, e por iso, cecáis, aínda non a recepcionamos. Porque para nós, o importante e a cidade e os seus veciños e veciñas. Por enriba de intereses partidistas”, concluiu.
O Grupo Socialista apoiou, cos seus votos, a moción de Compostela Aberta na que se incliu unha emenda de substitución do PSdeG municipal na que o pleno “manifesta a súa reprobación ao desmantelamento da Atención Primaria na nosa cidade e amosa o seu apoio ao persoal sanitario que defende a calidade e dignidade deste servizo público”.
Nos puntos dous ou tres, o texto manifesta o “apoio a todas as persoas e colectivos que defenden a dignidade e o mantimento da sanidade pública galega, así como a súa solidariedade contra as tentativas de represalia ou coacción por defender este servizo público básico e esencial. Ademais, insta á Xunta de Galicia “a cesar nas políticas de privatización do SERGAS e desmantelamento da sanidade pública galega, e moi especialmente a repor todos os servizos e persoal da Atención Primaria da Área de Santiago, así como nos servizos do Hospital”.
Defendeuna a concelleira de Políticas Sociais e Saúde. Como noutras ocasións, Mila Castro puxo de novo o foco na atención primaria, “maltratada nos últimos doce anos por mor da falla de recursos materiais e humanos”. Unha atención primaria “colapsada se non se toman medidas. Porque, se a atención primaria non funciona, tampouco funcionan a atención hospitalaria”.
Mila Castro recordou que nos últimos doce anos de goberno popular, esta circunstancia “non mudou”, a pesares das reiteradas alarmas e das denuncias dos distintos grupos políticos, de colectivos profesionais sanitarios, colectivos de usuarios, ou de sociedades científicas. “Doce anos desoíndo eses avisos: con contratos inestables, cunha precariedade que fai que estes profesionais, en todas categoría, marchen a outros sistemas sanitarios onde os tratan mellor. Non quedan polas nefastas condicións de traballo nos centros de saúde”. É imprescindible, subliñou, “que se retorne aos estandares de calidade que se perderon hai máis dunha década. Por iso imos apoiar esta moción”.
A concelleira finalizou a súa intervención reafirmando o compromiso de convocar o Consello Municipal de Saúde no primeiro trimestre do ano”. O Grupo Popular foi o único que votou en contra.
O Grupo Socialista tamén se abstivo na moción de urxencia para que o pleno determinase a forma de xestión do servizo relativo ao ciclo integral da auga. O alcalde foi contundente. “Nós non temos ningún outro interés que servir a Santiago e a súa veciñanza. Non admitimos leccions de ninguén. Non temos ningún outro interés. O que si temos é un servizo sen contrato, esencial, e con necesidades de investimento acreditadas e coñecidas pro todos os grupos”.
Sánchez Bugallo lembrou que “o goberno ten que asumir responsabilidades”, e que neste asunto existe “unha evidencia clara de bloquear a licitación”. En todo caso, sinalou, “tomaremos a decisión en función dos informes que recibamos”.
O rexedor recordoulle á oposición que o “día 13 de xaneiro de 2021 recibiron un informe de máis de cen páxinas motivando o porqué se escollía un sistema de xestión indirecta. Ningúen aportou nada”, apostillou.
Emisión pleno ordinario 27.01.2022
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela