Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
A moción conxunta defendeuna a concelleira de Igualdade. Mercedes Rosón deu as grazas aos grupos do PP, Compostela Aberta e BNG, porque “nun momento tan delicado como o que vivimos, fomos quen de chegar a un acordo institucional que reitera o compromiso de toda a Corporación Municipal coa a igualdade e a loita contra a violencia de xénero.”. Engadiu que “este ano a data do 25N cobra un significado especial. Está marcada polas consencuencias socio-económicas derivadas da covid-19, que agravan a situación de desigualdade na que se atopan as mulleres, especialmente as que sofren violencia machista. A pandemia sementa desigualdade, e as crises que estamos a vivir son xeradoras de desigualdade; e iso obriga a intervir e a ser máis proactivas que nunca”.
Para Mercedes Rosón, é moi “importante o consenso no rexeitamento da violencia machista. Non deben quedar fendas polas que se coen os argumentos da cultura machista. Non pode haber dúbidas, nin desacordos. Non poderemos avanzar en igualdade mentras a nosa sociedade non se conciencie de que a única maneira de rematar coa violencia de xénero e a tolerancia cero contra a mesma”.
Desde o concello de Santiago, finalizou, “sei que o faremos xuntas, seguiremos traballando nese rexeitamento da violencia machista e no apoio contínuo as vítimas. Porque ese é o único camiño que temos para avanzar cara unha igualdade real e efectiva”.
Entre os acordos adoptados na moción figura manter a loita contra as violencias de xénero como unha das máximas prioridades na axenda política local, ampliando os recursos municipais destinados a loitar contra as violencias machistas, desenvolvendo políticas de prevención e educación para a igualdade entre as veciñas e veciños de Santiago: actualizar os datos contidos no Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero, desde a Concellaría de Igualdade, para poder coñecer mellor a situación das mulleres compostelás, tanto dende o punto de vista socioeconómico como da situación de violencia de xénero; levar a cabo medidas dirixidas á protección, asistencia e información ás mulleres, adaptándoas á situación de vulnerabilidade provocada pola situación de pandemia da Covid-19.
Tamén se acordou programar actos e actividades municipais de apoio institucional ao 25 de novembro, Día internacional contra as violencias machistas; apoiar e colaborar co movemento feminista de Compostela na organización e loxística dos actos do 25-N, e sumarse ás actividades e mobilizacións que desenvolvan as organizacións feministas galegas contra a violencia machista este 25N; adoptar as medidas necesarias para que a Casa das Mulleres Xohana Torres poida ser usada por parte dos colectivos feministas para a organización das actividades do 25N; elaborar en colaboración cos colectivos LGBTI, unha campaña de prevención da LGBTfobia dirixida aos ámbitos educativo e sociolaboral para contribuír a frear o acoso, discriminacións e violencias por razón de identidade de xénero, e seguir demandando a creación dun xulgado específico sobre violencia de xénero para o ámbito territorial de Santiago de Compostela.
DECLARACIÓNS INSTITUCIONAIS
Aprobáronse dúas declaracións institucionais. Na primeira acordouse solicitar o restablecemento dos servizos ferroviarios suprimidos o pasado mes de marzo, amparándose na pandemia provocada pola COVID19, tanto no que atinxe ás conexións interiores da nosa comunidade, como ás conexións de galicia con outras comunidades autonómas, nomeadamente coas cidades de Barcelona e Madrid. Tamén se solicita un incremento do cadro de persoal de maquisitas, e que se dota de persoal necesarios aos servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas co obxectivo de ofrecer untransporte de calidade aos usuarios.
Tamén se demanda un plan extraordinario de investimentos para a modernización e mellora da rede ferroviaria galega que iclúa con caracter prioritario as seguintes liñas: Ourense-Lugo, Lugo-Coruña-Ferrol, Coruña-Ferrol, Ferrol-Ribadeo, Vigo-Ourense e Vigo-Porto.
E a segunda, levar á Comisión de Títulos, Honras e Condecoracións a petición de dedicarlle unha rúa a Manuel Quintáns Suárez, nomealo Fillo Adoptivo da cidade de Santiago de Compostela e organizar un evento cultural na súa memoria.
Licenciado en Filosofía e Letras, foi profesor de ensino secundario no I.E.S. Eduardo Pondal e no Colexio Manuel Peleteiro, ademais de noutros centros de Galicia; presidente do xurado do certame de novela Manuel Lueiro, considerado un dos certames literarios máis importantes da comunidade galega; e como escritor, investigador e divulgador ten publicados numerosos ensaios e contributos ao coñecemento literario e cultural, cunha obra dedicada á recuperación da narración oral, á cultura popular, ao refraneiro galego, ao patrimonio cultural, á dramaturxia e aos contos tradicionais. Fundou e coordinou as revistas Anduriña e Seitura, e creou a colección Vieiros de Galicia. Colaborou ademais como investigador no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Manuel Quintáns dirixiu moitos dos seus traballos literarios ao estudo da lingua galega, entre eles o Dicionario Conceptual Galego, publicado en 1977, ademais de ser tradutor de varias obras da literatura clásica ao galego, como as de Apuleio e Aristóteles. Outros dos seus títulos publicados son Antoloxía de contos populares de Galicia, Anuario de Tradicións Galegas, O outro mundo na cultura popular galega e o Cancioneiro de Celanova e outros cancioneiros. Ademais da súa obra ensaística chegou a publicar unha novela, “Nerio. Repinique de silencios en vermello”, en 2008. Trátase, pois, dun home moi vinculado a Santiago de Compostela e á nosa lingua, que dedicou a súa vida ao ensino das compostelás e os composteláns e contribuíu cunha gran aportación literaria, investigadora e divulgativa ao desenvolvemento cultural desta cidade, polo que merece estas distincións para ser lembrado polas xeracións presentes e futuras.
OUTROS ACORDOS
Tamén se aprobou, cos votos a favor de dos grupos socialistas e do PP, o expediente de modificación de crédito mediante número 2020-CREXT-12, financiado con baixas por anulación. Era o punto tres da orde do día, referido a unha modificación de crédito, por un importe total de 18.029 euros, que permitirá á Policía Local acometer a adquisición dun vehículo todoterreo, que se vai financiar coa baixa por anulación do crédito dispoñible existente para dar cobertura ás actividades do departamento de festas, que se viron alteradas con motivo da pandemia xerada pola COVID-19. Compostela Aberta e BNG abstivéronse.
O punto 4 tamén saiu adiante, cos votos a favor de grupo socialista e a abstención da oposición. En concreto, aprobouse o expediente de crédito extraordinario nº 2020-CREXT-13 financiado co remanente líquido de tesourería para gastos xerais do concello, exercicio 2019. Esta habilitación de crédito extraordinario pola cantidade citada de 217.909,64 euros destinase á atención das obrigas pendentes de aplicar ao orzamento a 31/12/2019 (obrigas en situación de OPA contabilizadas na conta 413).
Tamén se aprobou o punto 5, o expediente de suplemento de crédito 020-CREXT-14,financiado con baixas por anulación e modificación da base 33.2 de execución do orzamento municipal para o exercicio 2020. Todos os grupos votaron a favor do citado expediente de crédito extraordinario, por un importe de 30.000 euros, financiado con baixas por anulación, co obxecto de habilitar crédito para a concesión dunha nova subvención nominativa de Comercio que permitirá instalar unha pista de patinaxe sobre xeo na praza Europa de Área Central, e a realización de actividades complementarias de dinamización durante a anualidade 2020.
Tamén houbo unanimidade na punto 7, que significa a modificación do artigo 33.2 das bases de execución do orzamento 2020 no que respecta ao obxecto da subvención nominativa a favor da Federación Gallega de Kárate e disciplinas asociadas. O importe de 3.500 euros concedido á entidade, destinadarase agora a colaborar nos gastos pola organización do Campionato Galego sénior de kárate 2020.
Outro punto, o número 6, tamén saiu adiante, cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención de CA e PP. Era a proposta do concelleiro delegado de Turismo relativa á adehsión do concello de Santiago á Rede de destinos turísticos intelixentes.
OUTRAS PROPOSICIÓNS
No pleno tamén se aprobou, por unanimidade, a creación dun rexistro de chamadas á policía local que detalle as demandas da cidadanía, unha proposición defendida polo concelleiro de Tráfico, Gonzalo Muiños. E a proposición do BNG, para crear o roteiro “Compostela, encontro dos camiños”
Na proposición sobre a organización e xestión dos CSC, o grupo socialista abstívose. O concelleiro Javier Fernández indicou que se está traballando neste asunto desde o principio do mandato, e que está a punto de saír a licitación do novo contrato.
O grupo socialista tamén se abstivo na proposición sobre o Servizo de Axuda no Fogar. Defendeuna a concelleira de Políticas Sociais. Mila Castro destacou o incremento na partida destinada ao SAF, que é dun millón de euros ao ano. Tamén respondeu ás acusacións de falta de interlocución coas traballadoras do servizo, sinalando que se reunira co persoal de EULEN cando llo requeriron. E que de Servisad non recibira a petición ata hai uns días. Xa ten axendada unha xuntaza cos representantes dos traballadores para a próxima semana.
Abstención, tamén, na proposición para duplicar a partida destinada a arranxar os centros de ensino, que chegaría aos 800.000 euros, defendida polo concelleiro de Educación Rubén Prol. O alcalde Sánchez Bugallo indicou que, pola covid19, xa se gastara un millón de euros adicionais nesta partido.
MOCIÓNS
O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muiños, interveu na moción relacionada coa nova normativa de artes na rúa e coa continuidade desta actividade. Sinalou que a nova normativa terá especial respecto ao patrimonio, e contará cos sectores implicados: artistas, veciñanza, etc.
O grupo socialista votou a favor da moción para activar a atención presencial en atención primaria para dar resposta a actual demanda derivada da covid19. Defendeuna a concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro, quen fixo un repaso pola situación de precariedade na que se atopan os profesionais sanitarios. Na moción tamén se insta á Xunta, entre outros puntos, a incrementar o número destes profesionais sanitarios, os orzamentos en atención primaria, publicar as listas de espera hospitalaria ou auditar e intervir as residencias de maiores.
Por outra banda, o grupo socialista votou en contra de instar ao goberno do estado ao ingreso da contía de IVE sen liquidar de 2017. A concelleira de Economía,Marta Abal, recordou que foi o PP quen aprobou a normativa que impide esa liquidación. A que si se aprobou por unanimidade de todos os grupos foi a moción para a mellora do Parque de Ponte Pereda en Conxo.
O PSdeG tamén apoiou a moción de CA para que os concellos reciban 1/3 das axudas con orixe nos fondos europeos de recuperación. Na súa intervención, o portavoz do grupo, Sindo Guinarte, referiuse á negociación dos orzamentos. En relación á moción de urxencia debatida en último lugar, na que se reclaman distintas medidas para paliar os efectos do estado de alarma, o grupo socialista abstívose.
O pleno comezou coas intervencións de dúas representantes da Plataforma SAF e do Comité de Empresa do servizo. Tamén interviu un representante do colectivo de Artistas de Rúa, da Asociación Circo 9.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela