Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O pleno do Concello de Santiago aprobou unha moción conxunta de todos os grupos municipais, para designar con nome de Exeria á nova praza entre a Avenida de Lugo e os Concheiros. Tamén sairon adiante, co voto favorable do Grupo Socialista, as mocións para: instar á Xunta e ao Parlamento galego a recoñecer a singularidade cultural de Santiago de Compostela, representada na música en vivo nos locais de Compostela; garantir o arranxo dos viais públicos trala corte e abatemento de árbores; incrementar o fondo de cooperación local destinado a gastos derivados da COVID19; instar ao Parlamento de Galicia e ao goberno autonómico a manter e ampliar as garantías lexislativas ambientais e de transparencia e acceso á documentación públicas das iniciativas empresariais galegas
A moción, traída a pleno polo BNG a proposta da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas Exeria, arguméntase no “incremento da visibilización das mulleres nas rúas e prazas da cidade”, Exeria é unha peregrina que habitou na Gallaecia do século IV, a primeira peregrina da que temos constancia na Hispania. Percorreu Terra Santa entre os anos 382 e 385 para coñecer de primeira man os lugares de referencia da fe cristiá. Dado que Santiago de Compostela é un dos tres centros de peregrinación cristiá (xunto con Xerusalén e Roma) é de lei ter un recuncho da cidade dedicado a esta nosa insigne peregrina.
Exeria non só camiñou, senón que escribiu un Itinerario no que recolleu todas as investigacións e impresións que a ían sorprendendo na viaxe. O Itinerario, escrito en latín coloquial e dedicado ás súas amigas, dános idea dunha muller que comparte vida con outras ás que quere facer partícipes das súas descubertas.
Ao ser unha praza que utilizarán persoas peregrinas e veciñanza da nosa cidade, poñerlle o nome de Exeria fará, segundo explica a moción, que moita xente, galega e de fóra, se achegue a esta muller da Gallaecia, coñeza a súa obra e valore a importancia que a cultura tiña xa na nosa terra no século IV.
A maiores, ademais de darlle nome á praza, incrementarase o contido mediante unha intervención cultural e artística de carácter expositivo permanente nesta praza para remarcar a figura de Exeria e a súa importancia na cultura galega. En coordinación co departamento de Cultura do Concello, organizarase algún tipo de acto cultural na cidade que visibilice máis aló do seu nome esta peregrina e escritora.
Elixir o nome de Exeria é importante porque hai moi poucas referencias a esta muller en Galicia. Tan só un edificio das instalacións da Universidade de Vigo leva o seu nome. Se Compostela é a capital de Galicia e un centro de peregrinación mundial, é de lei remarcar o nome desta peregrina galega nalgún espazo de relevancia para o conxunto da cidade.
Deste xeito, o Concello de Santiago de Compostela acorda convocar o Consello Asesor de Condecoracións para atender a petición de denominar “Exeria” a nova praza entre a avenida de Lugo e Os Concheiros, ademais de realizar nese emprazamento unha intervención cultural e artística que remarque a figura desta muller e a súa importancia na cultura galega.
Tamén se aprobou por unanimidade a última moción para mellorar a coordinación con outras entidades competentes en materia forestal, a fin de controlar os labores de corte de árbores, e que en todo caso, o concello extreme as esixencias de cumprimento da ordenanza non fiscal reguladora de plantacións e corta de árbores, en especial no relativo á obrigatoriedade de comunicación previa da tala das árbores e o establecemento de fianza ao obxecto de responder de posibles danos nos viais que non forna reparados voluntariamente. O concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, advertiu que para levala a cabo son necesarios medios humanos, técnicos, xuridicos, administrativos e policiais co fin de realizar “as tarefas de inspección previa nos viarios afectados”, para evitar posteriores discrepancias cos veciños. Anunciou que espera, ao longo do mes que ven, ter elaborado unha nova ordenanza, para “pasarlla aos grupos” e a continuación, levala a pleno.
VOTO FAVORABLE
O grupo socialista apoiou a moción para instar á Xunta e ao Parlamento galego a recoñecer a singularidade cultural de Santiago de Commpostela, representada na música en vivo nos locais de Compostela. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, agradeceu a intervención de Suso Pais, da Asociación Cidade Vella, que representa ao colectivo de empresarios de hostalería que apostan por este tipo de concertos.
Rosón anunciou o apoio a todos os puntos da moción, e propuxo instar tamén á FEGAMP, a Federación Galega de Municipios e Provincias, a recoñecer a e “compartir esta problemática, que necesita unha urxente solución, xa que temos fundamentos xurídicos, sociais e culturais máis que suficientes”.
Mercedes Rosón cre “que a Xunta está demonizando a música en directo e iso é un sisentido”. Recordou que en acordo plenario adoptado en sesión de data 15 de novembro de 2018 o Concello de Santiago aprobou unha modificación puntual da súa Ordenanza de emisión de ruídos, vibracións e condicións dos locais que permitía aos cafés bares, bares e pubs, a prestación dun servizo complementario. Este servizo consistía na ambientación musical, con musica ao vivo sen superar o nivel máximo de decibelios da súa categoría. O Tribunal superior de Xustiza de Galicia anulou a modificación porque sinalou, “a Xunta de Galicia no seu catálogo define de xeito encorsetado as categorías dos establecementos, e os servizos de cada categoría a pesares de que o seu Decreto 106/2015, de 9 de xullo , sobre contaminación acústica non se basea nas categorizacións do catálogo senón nos grupos de emisión”, e que xa “o regulamento xeral de policía de espectáculos públicos prevía a adaptación dos locais para a realización de actividades ou a prestación de servizos novos, non previstos na licenza de apertura”. Engade que a “propia Disposición Transitoria segunda da Lei de espectáculos públicos 10/2017 no seu apartado 1 sinala que se a normativa de aplicación recolle requisitos prohibidos segundo o disposto no artigo 10 da lei 174/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercizo, estes non serán tidos en conta polo órgano competente”.
Rosón recordou que o concello de Santiago presentou alegacións no seu día á proposta de catálogo. “Non consta que a Xunta de Galicia respostara. Tampouco foi notificado formalmente a este Concello no seu día a proposta de Catalogo nin a súa aprobación”, indicou. E engade que “este concello considera que as competencias en base ás que o goberno galego aprobou o catálogo non impiden, en calquera das categorías e respectando as medidas fixadas legalmente, que poida desenvolverse música en directo ou por medios mecánicos, posto que esa diferenciación non incide no grao de molestia e sí na promoción da cultura”.
Para Rosón, a modificación recurrida pola Xunta de Galicia ante o T.S.X.G anulou a previsión exclusivamente por non se acomodar as categorías: “non foi por unha razón de fondo que é o que se substancia: se os decibelios xerados por músicos profesionais son ou non mais molestos e dignos de menor promoción que a música reproducida por medios mecánicos. É dicir, a cuestion discutida pola Xunta de Galicia, nunha posición dificilmente comprensible resulta ser que a música ao vivo xa non debe ser promovida, debe ser discriminada con relación á música de reproducción mecánica”.
Mercedes Rosón finalizou a súa intervención engadindo que “estamos ante unha demonización da música ao vivo, en directo, o que resulta un sin sentido, xa que este tipo de música está instalada en todas as cidades europeas. E aquí, en Santiago de Compostela, négasenos. Entendemos que non está xustificado. Estamos ante un ben cultural, de gran valor, un distintivo da cidade, con locais adaptados para elo, polo que temos a obriga, entre todos, de buscar unha fórmula que resolva esta situación tan incomprensible”.
O Grupo socialista apoiou a moción de CA para instar ao ParlAmento de Galicia e ao Goberno Galego a manter e ampliar as garantías lexislativas ambientais e de transparencia e acceso á documentación públicas das iniciativas empresariais galegas, que saiu adiante coa emenda do PSdeG e a pesares do voto en contra do Grupo Popular. Defendeuna o concelleiro de Relacións Institucionais. Sindo Guinarte sinalou que “apoiar e garantir o cumprimento das garantías ambientais e de transparencia é algo que si afecta a ao Concello de Santiago, porque ten habido e hai conflitos relacionados con ese tema; como tamén o é incrementar as partidas destinadas ao desenvolvemento económico nos orzamentos, porque tamén iso pode afectar directamente ao noso concello.
Outra moción na que o Grupo Socialista votou a favor foi a presentada polo BNG para a creación da ruta cultural en Barciela e Marantes, unha vez aceptada a emenda de substitución formulada polos socialistas para instar á Xunta de Galicia a estudar a creación deste roteiro como variante ao Camiño Inglés, para recuperar un tramo antigo do camiño de Santiago con abondoso patrimonio natural e cultural vinculado á tradición xacobea. Tamén a defendeu Sindo Guinarte. O Concelleiro de Turismo argumentou o voto a favor xa que se trata, dixo, de crear unha ruta cultural, ambiental, “por un espazo que ten requisitos e condicións para selo, e que ademais encaixa perfectamente no Plan de Sustentabilidade Turística”, a través do cal “temos a vontade de por en valor novos espazos como produtos turísticos no que ten que ver coa natureza e e os espazos verdes”.
Sobre a moción para incrementar o fondo de cooperación local para que os concellos sufraguen gastos derivados da prevenciíon da COVID-19, saiu adiante cos votos a favor do Grupos Socialista. Sindo Guinarte, argumentou a posición socialista no sobrecuste que implicou e implica para o concello facer fronte aos gastos derivados da COVID19. “Todos somos conscientes de que imos a continuar nunha situación de extraordinaria exepcionalidade, cun aporte extraordinario de recursos, polo que é razoable solicitar que todas as administraciós contribúan a facer posible que os concellos non se vexan afogados pola prestación de servizos que moitas veces non son da súa copetencia, se non que son servizos asumidos impropiamente”, sinalou.
O Grupo socialista apoiou a moción de CA para instar ao Parlmento de Galicia e ao Goberno Galego a manter e ampliar as garantías lexislativas ambientais e de transparencia e acceso á documentación públicas das iniciativas empresariais galegas, que saiu adiante coa emenda do PSdeG e a pesares do voto en contra do Grupo Popular. Defendeuna o concelleiro de Relacións Institucionais. Sindo Guinarte sinalou que “apoiar e garantir o cumprimento das garantías ambientais e de transparencia é algo que si afecta a ao Concello de Santiago, porque ten habido e hai conflitos relacionados con ese tema; como tamén o é incrementar as partidas destinadas ao desenvolvemento económico nos orzamentos, porque tamén iso pode afectar directamente ao noso concello.
ABSTENCIONS
O Grupo Socialistas abstívose na moción presentada polo BNG para que non se instale definitivamente o mercado dos sábados na rúa París de Fontiñas. Defendeuna o alcalde. Xosé Sánchez Bugallo sinalou que “é difícil estar na procesión e repicando a campana”. Noutros plenos, indicou, “tratáronse diferentes problemas. Cando falou o representante de Área Central, todo o mundo falou de apoio, de reflotar económicamente a zona. Tamén se falou de Salgeuriños, e do apoio aos vendedores”. E iso foi o que se fixo, afirmou o rexedor. “Plantexouse a posiblidade de facer algo en Fontiñas”. A proposta de Área Central foi que se ubicara na Praza de Europa, e a do concello, na rúa de Roma. Non prosperou ningunha. A primeira explicou o alcalde, polos vehículos dos vendedores, e por ser un espazo privado. E a rúa Roma quedaba lonxe para o complexo comercial, polo que foi rexeitado polas dúas partes.
Nas reunións cos presidentes das comunidades de propietarios: manifestaron tres problemas, que, explicou Sánchez Bugallo, xa non existen: “o acceso aos garaxes está garantido, a suciedade non é un problema e tampouco hai ruído. A maiores, os mercados, sinalou o alcalde, son zonas ao aire libre, polo que o índice de contaxio por COVID diminúe. O alcalde sinalou que en principio o mercado celébrase por cinco semanas, do 5 de decembro ao 2 de xaneiros, de nove da mañá a dúas da tarde. E que despois se tomará unha decisión, buscando o máximo consenso. Neste senso pide aos grupos prudencia e coherencia. Hai que valorar, dixo, o que “está en xogo para cada colectivo, e ao mellor non todos os argumentos teñen o mesmo peso”. Hai 130 familias, que solicitaron os permisos de venda que “o están pasando mal”.
Esta moción foi aprobada, igual que a elaboración dunhas bases de axudas nas que prime a información e creiterios obxectivos para unha maior eficacia; na que o Grupo Socialista tamén se abstivo. Defendeuna, de novo, o alcalde. Sánchez Bugallo sinalou que foron os sectores máis afectados pola pandemia, os que pediron as actuais condicións das bases, cun proceso baseado nunha declaración xurada e priorizando o rexistro de entrada, porque axilizaba a tramitación e porque precisaban liquidez. “Fixemos un reparto de fondos”, con 2,5 millóns para esta convocatoria e outros dous millóns para unha convocatoria posterior, en marzo ou abril, xa con outro tipo de bases e baremos. O alcalde conta con sacar o listado o día 22 cos temas que teñen que ser subasanados e resolver o 30 de decembro. Hai presentadas aproximadamente unhas 1.220 solicitudes (551 de comercio, 589 de hostalería e 66 de cultura).
A concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro, amosou, durante o debate da moción número 7, a súa preocupación e solidariedade con “todos os profesionais dos servizos sanitarios. De feito, o Grupo Socialista presentou unha emenda na que solicitaba ademáis de “solidarizarse coas demandas do persoal da UCI do CHUS; solidarizarse cos demais servizos do Hospital Clínico de Santiago”, pero o BNG non a aceptou, polo que se abstivo na votación. Castro sinalou que “neste momento moitos servizos do CHUS, non só a a UCI amosan saturación e unha alta demanda, a veces cun déficit de material que dificulta a calidade asistencial. Ese nivel asistencial, continuou, “só se mantén polos profesionais, que veñen reclamando un incremento de recursos humanos e a dotación de mais material”. A pandemia, finalizou, “pon en evidencia este tipo de carencias”, de aí a emenda do grupo socialista de apoio a todos os profesionais e servizos do CHUS, a máis de tal e como especifica a moción, reclamarlle á Xunta que realice, e urxencia, as melloras nas UCI-A e demais servizos para favorecer as condicións de saúde laboral destes/as profesionais que precisan adaptar as súas necesidades, coma consecuencia da crise sanitaria.
Na moción para o impulso doun programa de acompañamento e posta en valor de persoas maiores, o Grupo Socialista, por boca da concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, apostou por “asumir a responsabilidade de primeira man”. Abstívose. Sinalou a concelleira que “xa hai un censo de identificación e localización de persoas maiores de 65 anos, contactamos con elas directamente para coñecer as súas demandas, así como detectar situacións preocupantes que requirían unha abordaxe inmediata e así se realizou.” E continuou, “intensificouse así a labor do departamento, asumindo máis que nunca a súa responsabilidade, evidenciando o seu compromiso público co benestar, da veciñanza, e converténdose na principal fonte de detección de situacións de risco, nas que se intervén de forma inmediata”.
Engade a concelleria que a información que provén das contornas veciñaIs tamén resulta de axuda e é importante. “Os servizos sociais, como servizo público ten e terá como punto prioritario, o traballo coas persoas con maior vulnerabilidade social entre as que se atopan as persoas maiores que viven soias”. A concelleira amosou o compromiso de levar a cabo “cantas actuacións sexan necesarias para garantir o benestar das persoas maiores e máis vulnerables, pero tamén consideramos que neste momento non é necesario abrir unha nova liña ao respecto”; e a por en marcha as iniciativas que sexan necesarias para apoiar a quen máis o necesita, “e os nosos maiores para nós non son unha excepción, son unha prioridade”.
Outra moción que saiu adiante foi a relativa á posta en marcha dun plan municipal de xuventude. Un plan que o concelleiro de Mocidade, Rubén Prol, vinculou a un plan máis ambicioso “de cidade”. O grupo socialista abstívose; posición que foi considerada como unha “estratexia” polo grupo popular. Rubén Prol respondeu: “leven a pleno algo máis que abstracións ou meras recomendacións ao goberno en cuestións abstractas”, como mocións que se concreten realmente, “que teñan un sentido material real, “ e verán como a posición do voto cambia”.
A moción para a aprobación de exencións nas ordenanzas 3.14 “Taxa polo saneamento e depuración de augas residuais”; 3.15 “Taxa polo servizo de subministración de auga e conservación de contadores e devolución de recibos cobrados”; e 3,16 “Taxa por prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos urbanos”. A concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, defendeu o posicionamento do grupo socialista, a abstención. Preguntou a CA se a medida estaba cuantificada, e se “é consciente a señora María Rozas que teñen que aportar un estudo económico finacieiro que determine os ingresos que se van perder, e que analice con que recursos se van financiar os servizos, porque os servizos son de prestación obrigatoria”.
A concelleira engadiu que se necesitan recursos para poder prestar estes servizos e para facer fronte a outras competencias e actuacións que se están realizando “para o mantemento do tecido económico e social, como as axudas recentemento convocadas (destinadas a hostalería, ao sector cultural e ao comercio), no marco das cales mobilizamos máis de dous millóns de euros”. Para Marta Abal, é preciso facer unha clara reflexión antes de plantexar novas exencións, “con independencia de si son ou non viables legalmente”. A concelleira rematou destacando a sensibilidade social “deste goberno neste fátidico ano”.
Tamén se votou abstención na moción para acometer melloras no pavimento da rúa Afonso X o Sabio, a adecuación dos camiños de acceso ás Brañas de Sar e o adecentamento da fachada do local de propiedade municipal situado na rúa de Santas Mariñas, defendida polo concelleiro de Barrios e Obras, quen sinalou que se estudarán as actuacións a realizar, supeditadas, en todo caso, aos recursos dispoñibles.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela