Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O Pleno do Concello de Santiago, presidido polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, aprobou hoxe por unanimidade o “V Plan Municipal de Igualdade do Concello de Santiago”. É a primeira vez na historia do Concello que se aproba un plan de igualdade co voto a favor de todos os grupos da Corporación Municipal. Tamén sairon adiante, cos votos a favor do Grupo Socialista, e a abstención da oposición; tres expedientes de urbanismo, dous deles referidos ao SUP 1 de Romero Donallo e o outro ao SUND 8 do Monte de Vidán.
O pleno comezou cun minuto de silencio polas vítimas de violencia machista.
A sesión plenaria comezou cun minuto de silencio, en memoria das vítimas de violencia machista. Despois das intervencións da cidadanía, o alcalde informou que debido a que había varios concelleiros ausentes por convid, só se tratarían os 11 primeiros puntos da orde do día, “a parte resolutiva”, quedando o resto para o pleno extraordinario previsto para o 15 de xullo.
O punto 5, de aprobación o “V Plan Municipal de Igualdade, defendeuno a concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón. Sinalou que “hoxe vivimos un momento de retroceso no ámbito da igualdade e das conquistas feministas”,con case 25 mulleres asasinadas no que vai de ano en España, vítimas de violencia machista; e unha sentenza do tribunal de Estados Unidos que condena a máis de 36 millóns de mulleres a non decidir, a non poder abortar legalmente. Unha marea de involución insorportable, que nos obriga a reforzarnos e a seguir traballando hoxe, mais que nunca polos dereitos das mulleres e contra o terrorismo machista, cada vez máis presente”.
A concelleira engadiu que “desde hai xa dúas décadas, o Concello de Santiago vén renovando o seu compromiso coa igualdade de xénero a través da publicación e desenvolvemento de distintos plans de igualdade, que rexen os programas e accións neste ámbito. Dende o primeiro, publicado no ano 2001, ata este último que aquí se presenta, constitúen unha ferramenta máis para derribar barreiras e fendas que discriminan as mulleres”. Un labor no que destacou o traballo do CIM, o Centro de Información á Muller. E, continuou, “con esta vontade de avanzar nunha igualdade real e efectiva, publicamos o “V Plan de igualdade”, que agora sometemos a aprobación. Representa, unha continuidade na liña de traballo desenvolvida ata agora, e un profundo compromiso coa cidadanía e coas súas necesidades e benestar”.
Mercedes Rosón explicou que “o deseño deste plan levouse a cabo a través dun proceso participativo, no que se se buscou a colaboración de diversos axentes sociais e do tecido asociativo de Compostela co fin de configurar unha folla de ruta que guíase o traballo nos vindeiros anos, adaptándoa á realidade do municipio, ás súas demandas e problemáticas concretas. Foi un labor de traballo colectivo, no que se recolleron todas as achegas aportadas en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero no que engadiu, non participou Compostela Aberta.
V Plan Municipal de Igualdade
Os principios que rixen o “V Plan Municipal de Igualdade” son a transversalidade das políticas de igualdade, a integración da perspectiva de xénero en todas as nosas actuacións, a sensibilización e participación da poboación, o respecto á diversidade e a practicidade e mellora continúa.
O proceso de elaboración do documento tivo como punto de partida o marco normativo vixente; a análise documental de diversos informes, avaliacións e diagnoses, e unha revisión cuantitativa do anterior plan de igualdade que se completou cunha análise sociodemográfica do municipio, para obter unha radiografía sobre a situación da muller nos diversos ámbitos de intervención municipal.
De xeito paralelo levouse a cabo unha fase participativa, con entrevistas tanto ao persoal de todos os servizos do concello, así como a todas as asociacións veciñais, culturais, os grupos da corporación municipal, e colectivos que en Santiago traballan dun xeito ou doutro para garantir os dereitos das mulleres. Todas participaron na elaboración do plan, achegando necesidades que se traduciron nos obxectivos e medidas concretas que se van desenvolver.
O V Plan de igualdade municipal está dirixido a toda a poboación de Santiago, non só ás mulleres; porque sen a implicación do conxunto non se poderán acadar os obxectivos fixados. Ten un periodo de vixencia de tres anos, ata o 2025; e estrutúrase en seis áreas de intervención. Cada unha delas recolle unha serie de obxectivos e medidas ou actuacións específicas para acadalos. Estas áreas de actuación son:
Polo tanto, por todo o exposto, e pola importancia deste plan para continuar avanzando nesa igualdade real tan necesaria, solicito o apoio dos grupos presentes neste pleno.
Expedientes urbanísticos
O debate do pleno comezou cos puntos 2, 3 e 3, sobre a aprobación definitiva de: modificación puntual do Plan Parcial do SUP-1 (Romero Donallo) no ámbito dos quinteiros 1 e 2; do estudo de detalle do quinteiro 6 do Plan Parcial SUP-1 (Romero Donallo); do Plan parcial de ordenación do SUND-8 (Monte de Vidán). Todos foron aprobados cos votos a favor do Grupo Socialista e a abstención de todos os grupos da oposición.
A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicou, polo que respecta aos puntos 2 e 3, que, con esta aprobación “retómase, non sen tempo, o desenvolvemento do ámbito do SUP-1, despois de moitos anos parado. Nestes momentos estase tramitando a adaptación do proxecto de urbanización a novos requirimentos e circunstancias que aconteceron desde a súa aprobación (urbanización da Avenida de Romero Donallo e execución de aparcamento soterrado, urbanización do Polígono 2 do SUP-3 adxacente, novas necesidades de redes de servizos, etc.)”. Sinalou que a promotora “Santiago-Sur está a promover estudos de detalle para os quinteiros 1 e 2 que forman unha unidade triangular a nivel das plantas baixo rasante, e que se empraza ao sur adxacente ao Periférico; e outro no quinteiro 6, que fai esquina entre Romero Donallo e a avenida de Ferrol”.
Estes estudos de detalle teñen por obxecto, explicou Mercedes Rosón, “a reconfiguración volumétrica dos edificios, para adaptar a súa formalización a pezas de maior carácter urbano, e menor monumentalidade, sempre respectando a ocupación máxima en planta baixa, a edificabilidade total, e nunca superando as alturas máis altas das edificacións proxectadas no Plan Parcial”.
Polo que respecta o punto 4 da orde do día, o Plan parcial do SUND 8 “Monte de Vidán”, redactado por Manuel Gallego Jorreto para Santiago Sur Galicia; a ordenación urbanística dá continuidade á senda peonil da estrada a Noia ate as beirarrúas de Vidán, “conéctase eficazmente co viario exterior na rotonda, e usa o plano baixo da antiga canteira para colocar as parcelas terciarias na procura da continuidade urbana, e a topografía mais elevada para implantar as vivendas, afastadas das perturbacións da estrada, mitigadas ademais pola plantación de abundante arborado” segundo explicou Mercedes Rosón. .
Este plan parcial ten un ámbito de 20.851 metros cadrados, cunha edificabilidade de 0.30 metros cadrados por metro cadrado, o que da un total de 6.255,64 metros cadrados. O 50% será para uso residencial (sobre 33 vivendas unifamiliares, das que un 30% serían de protección pública) e o outro 50% para uso terciario. Tamén se destina unha reserva de 3.169,74 metros cadrados, dos cales 2.310,20 metros cadrados se destinarían a zonas verdes e o resto a xardíns. Para equipamento público resérvanse 413,91 metros cadrados.
O alcalde falando cos portavoces dos grupos municipais antes de comezar o pleno
O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo tamén interveu para responder á oposición. En relación cos contratos de Centros Socioculturais, lembrou que o prego de condicións prevé no arigo 20.3 a aplicación do convenio colectivo e que continúen todos os traballadores. “Outra cuestión é que haxa traballadores que ao mellor non cumpren as condicións da subrogación”, pero engadiu, “non está previsto o despido de ninguén nin a redución de persoal”. Sobre a recollida de lixo, subliño que é “moi mellorable”, pero “o domingo está todo tan mal, porque houbo quen autoizou o cambio de recollida”, en referencia ao goberno de Compostela Aberta. Agora, os traballadores teñen o sábado libre e recollen o domingo pola tarde, “algo lexítimo”, indicou, pero “os efectos nos barrios quedan á vista. Sobre conciliación, sinalou que é érronea que haxa unha praza de conciliación por cada 48 menores. “Se hai uns 12.000 nenos e nenas entre 0 e 14 anos, e 1.900 prazas de conciliación… A min non me sae ese número”. O rexedor finalizou a súa intervención agradecendo a abstención dos grupos da oposición para que sairán adiante os puntos 2, 3 e 4 da orde do día.
Os puntos 6, 7, 8, 9 e 10, foron aprobados cos votos a favor do Grupo Socialista e a abstención da oposición. Todas eran propostas do concelleiro delegado de Mobilidade relativas ao recoñecemento
de débeda sobre a liquidación pola prestación do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros de: as liñas entre Santiago de Compostela e Villestro coa empresa “Hermanos Ferrín SL, correspondente ao ano 2021, por importe de 94.913,85 euros; da liña entre a Porta do Camiño, Peregrina e Grixoa coa empresa “Autos Carballo, SLU.” correspondente ao ano 2021, por importe de 228.228.12 euros; da liña entre San Roque e Aríns coa empresa “Autocares Rias Baixas, SL”, correspondente ao ano 2021, por importe de 62.091,95 euros; da liña entre a rúa da Rosa e o polígono do Tambre coa empresa “Autos Grabanxa SL”, correspondente ao ano 2021, por importe de 64.460,94 euros; e a liquidación pola prestación do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros coa empresa Tralusa e aprobación de indemnización substitutiva, a prol da mesma, por importe de 2.383.481,76 euros.
O alcalde explicou que a liquidación anual faise ao ano seguinte desde o 2006, “porque o convenio que hai establece que se anticipa unha cantidade mensual, e ao rematar o ano faise a citada liquidación”.
O pleno rematou co visto bó á Depuración de obrigas dos exercicios pechados 2010 a 2020 por importe de 122.630,36 euros. Votou a favor o Grupo Socilialista. O resto de partidos da Corporación Municipal abstivéronse.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela