Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O pleno do concello de Santiago, que comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia machista, aprobou por unanimidade a declaración de interese xeral do proxecto “Centro de servizos innovadores para empresas biotecnolóxicas (CSIEB) promovido por Sionlla Biotech, S.L.”, no marco da convocatoria de Xunta de axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa de centros de fabricación avanzada), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
Este centro suporá a construción dunha infraestrutura de 2.500 metros cadrados, localizada no parque empresarial de A Sionlla en Santiago, con instalacións dotadas con todos os requirimentos técnicos necesarios e o equipamento máis avanzado para prover de servizos a empresas biotecnolóxicas e institucións que queiran facer usos dos mesmos en réxime de autoservizo.
Tamén se debateu unha proposición relacionada coa resindustrialización, na que se instaba ao correspondente órgano de goberno a garantir o compromiso municipal coa estratexia de resindustrialización da cidade, impulsada desde o 2017 e concretizada, na actualidade, no proxecto do polo biotecnolóxico; axilizar todos os prazos e tarefas municipais pendentes para cumprir cos prazos administrativos de xustificación da subvención de 4 millóns de euros concedida a este proxecto; e buscar os mecanismos axeitados para que o concello ofreza garantías necesarias para que no caso de que o retraso na acción municipal implique un incumprimento dos prazos legais; isto non perxudique ou repercuta negativamente en Biotech Sionlla.
O Grupo Socialista abstívose. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, xustificou a abstención sinalando que as dúas primeiras propostas, é exactamente o que se está facendo, e a terceira, non ten ningún sentido plantexala neste momento. O alcalde deixou claro que lle parece “un erro intentar politizar esta cuestión”. Agradeceu as intervencións, pero sinalou que non pode estar dacordo co que “interpretamos como unha certa instrumentalización poítica desta cuestión”. Engadiu que “a constancia no empeño e a decisión política nesta materia é absoluta”.
O rexedor recordou que “este goberno foi o primeiro que asinou un convenio coa Asociación Área Empresarial do Tambre, á que lle agradecemos a colaboración e o traballo, que será complementario con outro convenio, tamén de 50.000 euros, que asinaremos este ano”.
Explicou que a partir de aí hai catro liñas de transformación: a declaración de UNINOVA como sociedade instrumental do concello de Santiago que xa está realizada; resolver o problema plantexado, ao ser so sólo da Sionlla de uso dotacional público, polo que non se podía cerde a unha empresa privada con ánimo de lucro, e coa maioría de acpital privado, que tamén se “logrou reorientar cara a fórmula de interese xeral”; e que non hai, subliñou, nin proxecto nin anteproxecto de obras por parte de Sionlla Biotech, “o que hai é un estudo que se presentou para a concesión de axudas”. Engadiu que xa se encargou este anteproxecto. E que a todo isto únese a que a parcela que se cedeu, é unha parcela “con orografía complicada polo desnivel que presenta”.
Agora as prioridades son, sinalou, completar a transformación de UNINOVA coa designacion do novo consello de Administración; e transferir a UNINOVA a totalidade da parcela da Sionlla para que no futuro a relación sexa “entre UNINOVA e Sionlla Biotech, “cremos que iso vai facilitar os traballos e coordinación posterior”.
Sánchez Bugallo espera que ao longo desta semana ou da próxima Sionlla Biotech poida presentar o anteproxecto, “e a partir de aí formalizaremos a cesión dos terreos e esperemos que se poida tramitar e resolver canto antes a licenza para a construción do edificio”.
Fiscalización
Tamén se aprobou, cos votos a favor do Grupo Socialista, Compostela Aberta e o BNG, o réxime de fiscalización de ingresos e de fiscalización e intervención limitada previa sobre gastos e obrigas para o exercicio da función interventora; que incorporou a emenda de CA, pola que se exceptúan “os expedientes que poidan supoñer gastos que deban ser aprobados polo Pleno do Concello e os expedientes de contía superior a 500.000 euros ou aqueles que superen este importe como consecuencia de rectificacións e/ou modificacións posteriores á súa aprobación inicial”.
Segundo explicou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo “para o grupo socialista o obxectivo non é reducir o control efectivo sobre o gasto. O obxectivo é axilizar e xestionar mellor a través dun proceso transparente e cun control máis efectivo”. Para o rexedor é un “avance moi notable con relación á situación que recibimos”.
A proposta de acordo que se someteu á consideración do pleno defendeuna a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal. Sinalou que “ven a dar cumprimento ao RD 424/2017, polo que se establece o réxime de control interno das entidades do sector público local, regulando nun único documento o exercicio da función interventora sobre dereitos e ingresos da entidade matriz do concello de Santiago de Compostela e do Organismo Autónomo Auditorio de Galicia”.
Con esta proposta, explicou Marta Abal, “regúlase nun único documento o exercicio da función interventora sobre dereitos e ingresos da entidade local”; e “para cada tipoloxía de gasto, revisaránse os extremos que se relacionan nas fichas de control que se achegan como anexo á proposta de gasto. Estas fichas de control permiten que os centros xestores sexan coñecedores dunha forma mais sistemática de todos aqueles extremos considerados de básico cumprimento para que o expediente poida ser inicialmente aprobado”.
Ademais,engadiu, “propíciase unha xestión mais eficaz, homoxénea e transparente do control interno desta administración local”. A extensión da fiscalización limitada previa a todo os gastos do concello e organismos autónomos permitirá mobilizar recursos e implantar o control financeiro permanente no Concello e no Auditorio de Galicia e a auditoría de contas, de cumprimento e operativa no conxunto da administración institucional que forma parte do perímetro de consolidación do concello de Santiago de Compostela.
Proxecto Peleteiro
O Grupo Socialista abstívose na proposición para que a parcela do vello colexio Peleteiro sexa consensuada co tecido social, comercial e empresaria; manter a previsión de reserva de espazo para a construción dun centro de día para persoas meiores que lle dea servizo ao barrio; manter a proposta de apertura da gran praza cara a rúa da República Arxentina; e elaborar un plan para avaliar a posiblidade real de construción dun aparcamento público de xestión directa que lle permita ao concello ter capacidade de actuación sobre a oferta privada existente na zona. Antes de comercar o debate da sesión plenaria, interviron, en relación a este asunto, José Antonio Seijas, e Juan Casares Long.
Sánchez Bugallo pechou a quenda de intervencións sinalando que despois de 17 anos, e cinco alcaldes, “isto ten que saír adiante. Creo que temos unha enorme responsabilidade. A clave é seguridade xurídica e facelo o mellor posible, máis alá do consenso social, xa que se ven bastantes diferencias”.
Defendeu a abstención a concelleira de Urbanismo. Mercedes Rosón sinalou que “este proxecto ten que saír sí ou sí, evidentemento co máximo consenso posible; respectando os usos previstos con ese espazo dotacional tan necesario para o noso Ensanche”.
Rosón recordou que “estamos en pleno proceso de preparación do documento ambiental de modificación do Plan Especial para este ámbito, que fai unha proposta específica que xa coñecen todos os grupos municipais e a veciñanza. Antes de nada, quero lembrarlle ao concelleiro Jorge Duarte que a súa proposta de DAE daquela, era similar a que temos enriba da mesa, onde a praza se abría a San Pedro de Mezonzo; onde estivo toda a vida a fachada principal do colexio Peleteiro”.
A concelleira de Urbanismo recordou que o proxecto que levou a pleno Compostela Aberta, era a proposta presentada pola SAREB, que non tiña o consenso dos técnicos, “como sí ten agora a proposta na que estamos traballando”. Unha proposta que recordou, coincide neste caso coa proposta que están facendo os propietarios, e “iso temos que telo claro”. Lembrou que se a propiedade solicitase licencia para executar ao PERI-12, Ordenanaza E.4, “estamos obrigados a concederlla coa previsión de 13.000 metros cadrados de comercial, ocio ou restauración e tan so 45 vivendas. Licenza directa”.
Explicou que para o emprazamento do espazo libre de 1.395 metros cadrados, e a consecuente colocación do edificio onde proxectar a edificabilidade de 19.900 metros cadrados, nos que se inclúen os 900 metros cadrados de equipamento municipal nos que está previsto a construción dese centro de día.
As condicións de partida son, segundo explicou Mercedes Rosón, “respectar as rasantes das rúas da República Arxentina e de San Pedro de Mezonzo en contacto ca parcela; proxectar edificios que se adapten as alturas dos edificios adxacentes á parcela do antigo Colexio Peleteiro, e que lles dean continuidade tapando os seus muros medianís; e preservar as luces da fachada lateral orientada a sur do edificio emprazado na esquina nº 21 da rúa da República Arxentina e 25 da de San Pedro de Mezonzo”.
Mercedes Ronsón sinalou que “parte dos veciños consideran que pechar o espazo que durante anos foi o patio do colexio vai supór un prexuízo para o comercio. Porén o plantexamento non é ese. Moi ao contrario a nova praza ten un claro destino como dinamizador da zona, aportando ao ensanche un espazo de lecer luminoso, asollado e agradable aportando un novo atractivo como destino despois das compras. Por outra banda, na Rúa República Arxentina quedará un espazo aberto darredor de 200 metros cadrados con comercial en planta baixa de acceso á nova praza xerando un discurso e camino contínuo entre as dúas rúas, facendo practicable e facilitando as sinerxias entre ámbitos que teñen descurrido un de costas ao outro durante décadas”, cunha apertura de 12 metros de ancho.
En canto ao aparcamento, subliñou Rosón, priorizanse unha solución diferente para o público e para o privado; quedando independentes, cousa que non facía a o proxecto de Compostela Aberta.
Outras propostas
Na proposta para o acondicionamento do parque Carlomagno con novos percorridos, o grupo socialista abstívose. A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, explicou que a construción de camiños na aba do monte que se cita no texto, é “moi complexa pola orografía da zona, e polos materias de base que a conforman”. Tamén indicou que a tipoloxía do terreo e o nacemento de augas, fan desaconsellabe esa actuación, que engade, “tería un elevado custe económico de construción e mantemento”, ademais dun impacto negativo a nivel ecolóxico, “xa que existen fontes con habitats botánicas moi ricas”. Subliñou, ademais, que podería ter un impacto negativo a nivel paisaxístico,
Mila Castro si ve factible “a mellora da conectividade peonil cara o estadio de San Lázaro”, que na súa opinión, contribuirá a “crear un maior espazo de desfrute”. En concreto, explicou que se van mellorar os atallos creados pola veciñanza: “consolidaremos eses camiños e farase unha mellora do firme exsitente nos sendeiro”.
Tamén, engadiu, “poderemos acometer actuacións que optimicen a conectividade e mellorar os usos do parque Carlomagno”, como “acondicionar algunhas zonas como espazo de descanso, de sombras, dotándoa de bancos e mesas” Aínda así, aclarou, “non faremos estrictamente o que se solicita nesta proposta, polo que nos imos abster”.
Na proposición sobre a construción da senda peonil para conectar a AC-543 en Vidán con Paredes de Laraño, o Grupo Socialista abstívose. Defendeuna o concelleiro de Medio Rural. José Manuel Pichel explicou que o proxecto inicial, redactado en anteriores mandatos, non contemplaba a retirada dos postes existentes de telecomunicacións e de enerxía electrica; e “o orzamento co que contabamos levounos a non pedir o soterramento polos altos custes”. Ainda así, explicou que “tratarei de facer os trámites oportunos para correxir as deficencias puntuais”. A continuación, Pichel explicou as características do proxecto de execución das obras da senda peonil á que se refire a proposta, que contaría cun orzamento aproximado de 170.000 euros.
O PSOE votou en contra da proposición sobre a aplicación, en colaboración coas empresas concesionarias, das bonificacións correspondentes nos recibos de residuos por recollida de días alternos e ás familias monoparentais, que xa se está levando a cabo. O argumento exposto: a aplicación da taxa bonificada por recollida alterna faise de oficio, sen que conste unha mala praxe, se acaso, pode, algún erro puntual; a aplicación do beneficio a mulleres embarazadas aplícase a instancia de parte, e na actualidade están en fase de resolución as dúas solicitudes presentadas; e as devolucións, no caso de ter que facer algunha, farase consonte co procedemento existente e establecido para tal efecto. O punto sete da orde do día foi retirado.
Mocións
A Corporación Municipal aprobou dúas mocións conxuntas. A primeira, sobre as peaxes nas autovías galegas, na que se acordou amosar a rotunda oposición á intención do Goberno central de establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal, por considerala unha medida regresiva, que establece barreiras económicas no acceso a servizos básicos como son as infraestruturas viarias, porque incrementa a inseguridade viaria e porque supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galicia.
A segunda, sobre a readaptación e execución do proxecto da cidade da raqueta. Todos os grupos acordaron instar ao correspondente órgano de goberno a readaptar a proposta orixinal da ‘Cidade da Raqueta’ para que nunha primeira fase poida albergar un equipamento dedicado á práctica do Tenis de Mesa que, ademais poida ser sede administrativa da Federación galega desta disciplina. Tamén acordaron instar á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña a colaborar no financiamento desta primeira fase da ‘Cidade da Raqueta’; e establecer os mecanismos de diálogo e consenso coas respectivas federacións deportivas implicadas na nesta proposta.
O PSOE apoiou a moción do BNG, que se aprobou co consenso de todos os grupos, para activar o protocolo de protección contra as violencias de xénero e evitar a revitimización; na que se insta ás forzas e corpos de seguridade e os organismos do ámbito xudicial que correspondan, a aplicaren o disposto no convenio subscrito entre o Ministerio de Interior e o propio Concello de Santiago de Compostela para activar a aplicación informática que dá soporte ao “Sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero”, cunha base de datos común e compartida, por parte de todos os axentes participantes co obxectivo de evitar as duplicidades do procedemento e a revitimización das mulleres e crianzas agredidas.
Defendeuna a concelleira de Políticas de Igualdade, quen sinalou que “todo o que ten que ver coa violencia de xénero converteuse, neste momento, nunha prioridade para todas”. Durante a súa intervención, Mercedes Rosón fixo varias matizacións. Explicou que o concello incorporouse ao Sistema Vioxen dende outubro de 2020, asignando tres profesionais da Policía Local para levar a cabo o seguimento de mulleres vítimas de violencia de xénero con medidas de protección en vigor, tendo acceso a todos os sistemas informáticos que da soporte ao sistema. Desde a súa posta en marcha, o dispostivo VIOXEN leva atendido a 50 mulleres, estando activas no sistema de protección no momento actual 35 mulleres, según datos facilitados polos axentes da Policía Local adscritos ao Programa.
Por outra banda, Rosón sinalou que “tan pronto como sexa posible dita Mesa Local de Coordinación Institucional reunirase co periodicidade que sexa necesaria”, despois de recordar que as reunións víronse interrompidas pola pandemia, e que “todas as partes implicadas nesta mesa local levan traballando todo este tempo de forma constante e coordinada”. En terceiro lugar e con respecto ó Protocolo de Vítimas de Delitos Sexuais, confirmou que o concello de de Santiago amosou a súa disposición á adhesión, pero, aclarou, aínda non está acadada. Neste momento, explicou, atópase en situación de búsqueda dos consensos precisos para a súa definitiva aprobación. “A Policía Nacional manifestou á promotora do protocolo de agresións sexuais, a xuíza Ana López Suevos, que o vai ratificar. Pero a Garda Civil non o ratifica. E que a Garda Civil non o asine é unha eiva moi importante para que o protocolo poda funcionar”, subliñou.
O alcalde tomou a palabra en último lugar e convidou os grupos da oposición a que lle remitiran as súas achegas para tratalas na Xunta Local de Seguridade que está previsto, se reúna o 4 de xullo.
O Grupo socialista tamén se posicionou a favor da moción presentada polo BNG en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentáble e xusto. A concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro recordou que as instalacións eólicas “atópanse na orixe dunha elevada conflictividade nos espazos onde se van emplazar”.
Mila Castro sinalou que “estamos dacordo na necesidade da redacción e aprobación dun novo plan sectorial eólico. Son moitas as propostas dos propietarios dos terreos e dos concellos en contra da proliferación destes proxectos”. Recordou a concelleira que Unións Agrarias denunciou que a instalación destes parques está afectando a moitas explotacións agrarias e a moitos gandeiros. “Estamos a favor da enerxía eólica en Galicia”, reiterou a concelleira, “pero debe ser ordenada e respectuaoso co patrimonio medioambinetal e co sector económico. Non todo vale. Nestes intres existe unha falta de transparencia do plan eólico. Compre traballar na elaboración dun modelo eólico integral no que participen todos os sectores”.
Por outra banda, Mila Castro indicou que “é fundamental a creación dunha oficina de asesoramento técnico e medioambiental”. Lembrou que o Plan eólico de Galicia data do 1997 e a avaliación ambiental estratéxica no se implantou ata 2006, “polo que este plan non foi avaliado”. Finalmente, a titular de Medio Ambiente agradeceu a incorporación da emenda presentada polo grupo socialista.
O acordo aprobado insta a desenvolver e aprobar un novo marco regulador do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais, a comezar por un novo Plan Sectorial Eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados (asociacións veciñais, agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación, comunidades de montes, etc.) e un amplo proceso de exposición pública co fin de suscitar o maior consenso posíbel, tendo en consideración as necesidades de Galicia e o papel doutras tecnoloxías.
Tamén insta a incrementar a vixilancia sobre as garantías medioambientais para asegurar o cumprimento do principio de prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística, a precaución respecto das posibles intervencións que poidan afectar negativamente o patrimonio natural ou a biodiversidade e mais a prevención dos problemas derivados da crise climática; e singularmente: paralizar cautelarmente os proxectos de todos os parques eólicos, en proxecto ou en tramitación, que estean incluídos dentro de áreas propostas anteriormente para a ampliación da Rede Natura e non autorizar novos parques eólicos que estean situados nestas zonas; realizar unha fiscalización da totalidade de proxectos en proxecto ou tramitación no noso país para localizar casos constitutivos de fraude de lei seren fragmentacións de proxectos que comparten localización e infraestruturas e que polo tanto deben ter unha avaliación conxunta como un único proxecto, emprendendo as accións oportunas para impedir esta fragmentación; e impulsar un proceso participativo para desenvolver figuras de ordenación e protección do territorio: ampliación da Rede Natura, Estratexia de Infraestrutura Verde, Áreas de Interese Paisaxístico, plans de proteccións de especies e hábitats declarados de interese comunitario e de interese prioritario.
Por outra banda insta a garantir unha verdadeira política de transparencia, información e participación cidadá tomando as seguintes medidas: mellorar a información dispoñíbel a través do Rexistro Eólico Galego modernizándoo e incorporando o acceso áxil a toda a información relacionada (proxectos, prazos, resolucións do DOG, mecanismos de consulta, identificación dos axentes promotores, características da instalación. etc.) de forma clara e intuitiva; promover unha oficina específica, con servizos presenciais e telemáticos, ao abeiro do INEGA para o asesoramento técnico e administrativo ou de mediación necesario para a cidadanía, asociacións de veciños, comunidades de montes e outros colectivos afectados pola expansión industrial eólica; e pór en marcha as demandas do Observatorio Eólico Galego respecto das recomendacións de transparencia, participación pública e difusión de modelos de contrato para particulares e comunidades de montes e mecanismos de negociación.
Tamén saiu adiante, co consenso do Grupo Socialista, Compostela Aberta e BNG, e coa abstención do PP, a moción, que non se chegou a debater, para participar no proxecto solidario de vacinación contra a covid en Cuba. En concreto acordouse participar na campaña de solidariedade internacional promovida por Solidariedade para o Desenvolvemento e a Paz (SODePAz) destinada á adquisición de xiringas para vacinación contra a covid-19 do ensaio de intervención comunitario da cidade de La Habana.
Ademais, o Concello de Santiago mostrará o apoio ao levantamento do bloqueo político, económico, comercial e financeiro que o Goberno dos Estados Unidos de América mantén contra Cuba e maniféstase a favor dunhas relacións baseadas no respecto á legalidade internacional, a paz, a soberanía nacional, a liberdade e a cooperación entre ambos os estados. E entregará esta resolución a todas as Asociacións de Municipios Galegos, na Comarca de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galiza e os consulados de Cuba e Estados Unidos emprazados en Galiza, así como tamén ás embaixadas de Cuba e Estados Unidos en Madrid.
A esta moción incorporouselle, como último punto, unha emenda do BNG, co seguinte texto: “O Concello de Santiago reactivará a planificación de actividades de colaboración cos responsables de la Asamblea Municipal de Santiago de Cuba. Santiago de Cuba e Santiago de Compostela, cidades irmás desde o ano 1992, precisan manter vivos os lazos de irmanamento e reactualizar as colaboracións relacionadas coa planificación urbana e a cultura, explorando na actualidade novos espazos de colaboración mutua”.
Na moción, de adopción de medidas urxentes de protección e difusión do patrimonio rupestre, o Grupo Socialista abstívose. Mercedes Rosón explicou que, segundo o Catálogo de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta, actualizado no ano 2019, o Concello de Santiago conta con un total de 184 xacementos arqueolóxicos. A estes, hai que engadir 10 achados, 16 referencias e 9 topónimos arqueolóxicos; onde cada un destes elementos conta coas súas pertinentes áreas e normas de protección. Polo cal o Concello debe ocuparse de garantir a protección arqueolóxica en todas as súas áreas.
Do total de bens arqueolóxicos catalogados no concello, aproximadamente un 28% son estacións rupestres, sinalou. “Se seguimos reducindo o foco de visión, unha parte importante de petróglifos están situados no monte de San Miguel, ao oeste do núcleo de Villestro e do río de Roxos. Pois ben, só neste sector, a área de amortecemento das estacións rupestres alcanza unha superficie dunhas 300 hectáreas ou, o que é o mesmo, 3.000.000 metros cadrados”.
A concelleira destacou o reto e dificultade que “ten que asumir o concello para garantir, con recursos propios, a protección dun patrimonio arqueolóxico tan inmenso. Por outra banda, evidencia o que pensamos que é a vía axeitada e racional para afrontar con eficacia a cuestión da protección arqueolóxica: a ordenación do territorio (é dicir, a planificación urbanística como ferramenta de protección do patrimonio cultural). Pois ben, no caso concreto do patrimonio rupestre, esta planificación vai a estar contida no Plan Director que xa está en marcha”.
Este Plan Director consta de tres procesos. Os tres primeiros meses realízanse labores de campo (dos cales xa transcorreron dous deles) e nos tres seguintes levase a cabo a elaboración dos informes, para realizar nunha terceira etapa as modificacións necesarias. “Dígolle máis”, engadiu Rosón, “o compromiso deste Concello co Plan Director é tal, que para unha maior celeridade administrativa puxo a disposición da Deputación de A Coruña á arqueóloga municipal, quen facilitou coa súa colaboración a redacción dos pregos de contratación”. Engadiu que “é de vital importancia destacar que os especialistas implicados na redacción do plan (restauradores, arqueólogos, biólogos, técnicos forestais e arquitectos) deben preparar, con criterios rigorosos e científicos, un plan de medidas urxentes de protección priorizando áreas e/ou medidas de conservación inmediatas. Coa chegada desta información as nosas mans, esta concellería arrincara inmediatamente a súa actuación sen ter que agardar ate a súa publicación definitiva do informe”. A concelleira comprometeuse a convocar unha reunión, que demandaba o BNG, para trasladarlle toda esta información.
O Grupo Municipal Socialista abstívose na a moción para a creación dunha escola de persoas maiores na rede de Centros Socioculturais do concello de Santiago. O concelleiro de Educación, Rubén Prol, defendeu a posición socialista recordando que o cuarto ciclo da USC, co que colabora o concello de Santiago, xa contempla esa opción, por iso vaise, engadiu “traballar a vía da universidade, por deferencia cara a propia USC”.
Abstención tamén na moción para garantir o uso compartido do edifico multiusos de Lavacolla entre a veciñanza da parroquia e a comunidade educativa do CEIP Rodriguez Xixirei. Rubén Prol sinalou que ese uso compartido xa está consensuado coas partes, e que “grazas á dilixencia de pór en marcha todos os trámites por parte do goberno municipal”, despois da reforma realizada, “estamos falando agora a adscrición do pavillón mulitusos ao centro educativo”, un trámite que debe realizar a Xunta de Galicia a través da consellería de Educación.
Na última moción, para impulsar unha nova estratexia turística pos-covid para Santiago de Compostela, o Grupo Socialista votou abstención. O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, sinalou que “temos que camiñar cara un novo modelo de turismo e o Plan de Sostibilidade Turística vai nesa dirección”. Engadiu que xa se deron pasos en cuestións como a desestacionalización, que xa se envidenciou en xaneiro e febreiro do ano pasado. “Seguimos dando pasos, e estamos dando pasos moi importantes”.
Sobre o Xacobeo, sinalou que non é o único elemento co que se traballa. E sobre o diálogo, Sindo Guinarte recordou que se pactou co sector da hostelería as bases das axudas, que houbo reunións cos guías turísticas; e que as axencias de viaxes estiveron nas dúas convocatorias de axudas, primeiro nas de comercio, e agora nas de hostalería.
Rercodou que o concello está traballando conxuntamente con outras departamentos; e con outros organismos, entre eles a Universidade. Sobre a sinaléctica, “está dentro do Plan de Sostibilidade”. En canto a inspección de calidade, recordou ao PP que competencia da Xunta de Galicia.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela