Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O pleno do concello de Santiago aprobou, inicialmente, o Regulamento do Consello Muncipal de Persoas Maiores, que contou cos votos a favor do Grupo Socialista, de Compostela Aberta e do BNG. A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro agradeceu os apoios, e lamentou a abstención do PP, nunha iniciativa “que leva esperando tantos anos”.
A concelleira tamén agradeceu á Plataforma Pensionistas Compostela a súa implicación na elaboración do documento. E recordou, na súa intervención, que esta aprobación requería a modificación do Consello Sectorial de Familia, que tamén foi acordada na sesión plenaria
As persoas maiores de 65 anos representan o 22% da poboación total de Compostela e polo tanto, explicou a concelleira, é necesario contar con este mecanismo de participación social que “vai ser un dos referentes das políticas sociais que van ter que ver na mellora da calidade de vida destas persoas maiores”. Unha das liñas estatéxicas, continuou, é impulsar a implicación e protagonismo activo do colectivo nos ámbitos da vida cidada, e por iso “propomos este regulamento”, que das resposta ás necesidades e demandas das persoas maiores que residen no municipio.
O obxectivo desta iniciativa é crear un órgano consultivo de participación cidadá para a análise, asesoramento e seguimento da acción municipal para as persoas maiores, de cara a dar resposta ás necesidades e demandas da veciñanza de Santiago de Compostela, que teñen no municipio o ámbito territorial onde se concretan en primeira instancia.
Unanimidade
Todos os grupos da corporación municipal apoiaron a proposición presentada polo BNG para a execución do plan de accesibilidade e seguranza viaria nos pasos de peóns, na que se incorporou unha emenda transacional coas peticións do Grupo Socialista e o PP. É a seguinte: “O Pleno do Concello de Snatiago acorda incluir unha partida orzamentaria dun mínimo de 330.000 euros para executar un plan de actuacións en 2021 co obxectivo de incrementar a accesibilidade universal e de reducir a sinistralidade viaria, incluíndo a posiblidade de incorporar naqueles puntos considerados especialmente “sensibeis” un sistema intelixente para dispor un maior fluxo luminoso sobre os pasos de peóns, combinado con bandas horizontais e sinais verticais luminosas que se activen ante a proximidade das persoas para cruzar a rúa, conforme ao acordo plenario de febreiro de 2017″.
Un compromiso, que o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández, agradeceu a todos os grupos. Sinalou que para “este goberno, a seguridade da cidadanía é unha prioridade”, na que se está traballando. E incluso, engadiu, “imos máis alá”, ao incorporar as propostas de entidades que agrupan a colectivos con discapacidade, como é COGAMI. “Permitiranos acometer máis dunha trintena de actuacións na cidade que están consensuadas”. Engadiu que con este compromiso, cos remanentes, se vai poder integrar esta partida orzamentaria “moi necesaria para as persoas con diversidade funcional e aquelas que viven en barrios nos que existen puntos negros”.
O alcalde finalizou as intervencións, incidindo “nesa continuidade” nas políticas dos distintos gobernos, que permitiron, desde 2016, que non se rexistrara ningún falecemento. O ano pasado confirmou, “contabilizáronse 28 atropelos, que, “siguen sendo moitos pero é a menor cifra en moitos anos”, engadiu.
Tamén se aprobou por unanimidade a moción do BNG para axilizar a instalación de internet no rural compostelán. “Un tema de vital importancia para o concello e para a cidadanía, un servizo básico e unha cuestión de interese xeral”, segundo sinalou o concelleiro de Medio Rural. José Manuel Pichel espera que a 31 de decembro, 130 núcleos do rural “queden cubertos con internet, segundo a información que nos traslada teléfónica”, aínda que habería outros 30 núcleos que quedarían sen cobertura. Neste caso afirmou que “nos comprometemos a facer as xestións necesarias” para atender esta importante demanda.
O alcalde pechou a quenda de intervencións. Sánchez Bugallo referiuse ao informe de Telefónica, aclarando que a Lei do Solo do Galicia só permite conexións soterradas. Pero, engade, Telefónica cobra as conexións soterradas ao particular. Neste momento, continuou o rexedor, “120 núcleos xa teñen ou están a piques de contar con conexión a intenet”. Para finalizar, sinalou que o grupo de goberno lle transmitirá ao Goberno de España e a Xunta, esta necesidade; a efectos de fondos europeos, “para que a todos os núcleos do rural, con caracter xeral, poida chegar internet”.
Outra moción na que houbo consenso foi a presentada polo BNG, na que se insta aos órganos de Goberno correspondentes a realizaren as xestións necesarias para reiniciar o diálogo coa familia propietaria da Sala Iago, co obxectivo de recuperar este espazo como uso cultural, manter o seu decoro patrimonial e frear a súa deterioración.
Defendeuna a concelleira de Acción Cultural. Mercedes Rosón recordou que, neste intre o concello “carece da dispoñibilidade orzamentaria requerida para adquirir o equipamento. Adquisición que, por outro lado, debe someterse a criterios de interese público e priorización de necesidades”. Afirmou “que a volta ao circuito cultural da Sal Iago sería positivo para a cidade. Pero, por desgraza, non estamos a falar dun o equipamento público. É un equipamento privado; e a propiedade é quen decide sobre a dispoñibilidade do edificio, máis alá da capacidade e obriga pública de instar ao seu mantemento nas debidas condicións de seguridade e ornato”. Aínda así, comprometeuse a manter conversas coa propiedade “coa finalidade de pulsar o seu interese na posta do edificio no mercado e as iniciativas privadas existentes”.
Outras proposicións
Tamén saiu adiante a proposición para a rehabilitación das ruínas de Caramoniña. A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, defendeu a abstención do Grupo Socialista. Confirmou que o proxecto gañador do concurso Driehaus será o que finalmente se execute. “Un proxecto que cómpre perfilar, tomar decisión ssobre unha serie de aspectos nos que se debe incidir: natureza arquitectónica da intervención, precisión do uso demandado (número e tamaño das vivendas precisas), cantidade de aproveitamento utilizado do admisible polo planeamento vixente, etc”, sinalou, e para o que xa se está buscando financiación. Roson concretou que “estamos en comunicación permanente, dende hai meses, co Ministerio de Transporte, Movilidade e Axenda Urbana, a través da subdirección de Vivenda; así como co Ministerio de Cultura”.
A concelleira explicou que esta proposta pódese enmarcar perfectamente na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible de Santiago de Compostela, e que xa se avanzou “na elaboración do orzamento que se necesitaría para a redacción do proxecto básico e de execución, que incluirían tamén a financiación do levantamento topográfico, estudio xeotécnico, instalación e urbanización”, que ascende aproximadamente, a 620.000 euro
Mercedes Rosón engadiu que no caso concreto de Caramoniña, foi a dificultade derivada da súa complexidade histórica, topográfica e construtiva, a que impediu, ata o momento o seu desenvolvemento. “Esta complexidade obríganos a buscar para a súa execución (en todos os seus aspectos: proxección, dirección das obras, execución, etc.) axentes altamente especializados na rehabilitación do patrimonio cultural e arquitectónico”, nunca, finalizou, a través dunha escola taller, como propón o BNG na proposición.
Os mesmos apoios tivo a proposición do para a regulación do aparcadoiro municipal da praza Marcial Villamor Varela, colindante coa rúa do Olvido. A concelleira Mercedes Rosón recordou aos grupos que o problema “arranca en 2011, co mandato do PP, e continúa co mandato de Compostela Aberta. Polo tanto, como xa saben vostedes, estamos ante un problema complexo, xudicializado, que estamos tratando de resolver”. Engadiu que “queremos arranxalo” e xa se está traballando niso. “Non é unha cousa que teñamos aparcada”, como insinuaba o PP na súa intevención; de aí, finalizou, a abstención do Grupo Socialista.
O PSdG tamén facilitou, coa súa abstención, que saíse adiante a proposición para colaborar nas melloras de seguridade sanitaria e viaria no CEIP López Ferreiro. Respecto da seguridade vial, o concelleiro de Educación, Rubén Prol, sinalou que se fixo unha análise por parte dos técnicos de mobilidade e instalaronse bolardos na rúa Xoan XIII. Unha intervención, engadiu que “solucionou a maior parte dos problemas existentes”. Sobre as obras de mantemento, confirmou que hai unha prevista dentro do plan de obras de Semana Santa, que consiste no arranxo das escaleiras de acceso ao comedor e no pintado das portas.
No relativo ao peche e cubrición das pistas deportivas da dársena Xoan XXIII, para convertilas nun patio de recreo, Rubén Prol pensa que é “axeitado”, pero pregunta se a consellería de Educación ten vontade de realizalo, e se desde a Xunta están dispostos a traballar e converter este espazo nun patio de recreo. En caso afirmativo, engadiu, contan co apoio do goberno municipal. Prol recordou que nos orzamentos de 2021 hai unha partida de 300.000 euros para “ mellorar a rúa Xoan XXIII, co que xa se vai intervir na zona”. O concelleiro rematou a súa intervención sinalando que “todas as reivindicacións das ANPAS son benvidas no departamento”.
O Grupo Socialista tamén se abstivo na última proposición, dividida en dous puntos. O primeiro, denegar a petición da Xunta para construir a nova sede do Imelga na parcela de titularidade municipal que hai a carón do parque Begoña Caamaño. Un punto mantido por Compostela Aberta a pesares de que o alcalde Sánchez Bugallo anunciou o luns, día 22 de marzo, que a sede do Imelga se vai construír noutra parcela da rúa de Londres. E confirmou, no mesmo pleno, que a Xunta xa comunicou oficialmente que seleccionou a parcela da rúa Londres, “que é a que procedemos a tramitar”, engadiu.
A primeira intervención correu a cargo da concelleira de Urbanismo. Mercedes Rosón explicou que a parcela na que se construirá a sede do Imelga é a AS19 de uso asistencial, situada na rúa de Londres, na confluencia coa rúa Berlín, a carón da rotonda. E recordou, igual que o concello puxera a disposición da Xunta tres terreos de titularidade municipal: un a carón do parque Begoña Caamaño; o outro na rúa de Berlín, que desde o goberno autonómico descartaron inmediatamente; e o da rúa de Londres, que finalmente se construirá o Imelga, un instituto, sinalou a concelleira, de gran importancia para a cidade.
Tamén lembrou que a parcela situada a carón do parque Begoña Camaño, de 6.500 m² de superficie, foi obtida para o emprazamento dun equipamento docente público, como cesión urbanística, co desenvolvemento do Polígono 4 do Plan Parcial de As Fontiñas; aclarando que non ten cualificación de parque. Engadiu que, “as supresións de parcelas destinadas a equipamentos docentes, asistenciais, deportivos, multiuso ou outro tipo de dotacións públicas, para acomodar o planeamento ao seu uso actual como espazos libres e zonas verdes solicitada por CA; serán meditadas e acometidas en función de perspectivas temporais amplas e nunca coxunturais”.
Na segunda quenda de réplica, o alcalde aclarou que a Xunta non chegou a solicitar formalemente a petición da parcela. “Só plantexou que necesitaba unha parcela. Fomos ver varias e puxemos sobre a mesa tres delas, unha a que está a carón do parque Begoña Caamaño. Ao final a escollida foi a da rúa de Londres, porque “entende que cumpre todas as expectativas”. Se non escollese esa, o alcalde sinalou que se ofertaría outra preto do tanatorio.
Outras mocións
O Grupo Socialista posicionouse a favor da elaboración dun Plan de Accesibilidade que recolla as demandas dos coelctivos de mulleres e discapacidade, presentada por Compostela Aberta. A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, destacou, na súa intervención, a importancia de integrar a perspectiva de xenero na acción pública en xeral e na planificación urbana en particular. porque “significa buscar unha cidade mais inclusiva, na que todo o mundo atope o seu lugar, e poida desenvolver a vida cotía nunha contorna segura e accesible”. Unha cidade, continuou “ que é capaz de ser vivida con dignidade polas persoas que teñen algunha discapacidade, sen necesidade de convertir o día a día nun constante desafio e nunha carreira de obstaculos, é unha cidade mellor para toda a cidadanía. E esa é a cidade que queremos e pola que estamos traballando”.
Mercedes Rosón concorda en que é preciso ese plan de accesibilidade inclusivo, que incorpore a perspectiva de xénero, en canto ter en conta as necesidades específicas das mulleres con diversidade funcional. E recorda que “neste momento, desde o departamento de Igualdade, estamos perfilando o Plan de Igualdade Municipal, no que incorporaremos esas demandas concretas” . A concelleira recordou que “desde este goberno abordamos sempre as políticas de igualdade dun xeito transversal; e traballamos sempre contando coa opinión dos colectivos afectados”.
A responsable de Políticas de igualdade rematou dicindo que “o que plantexan, en definitiva, é un exercicio real e efectivo de políticas de accesibilidade que igualen os dereitos de mulleres e homes con diversidade funcional; que creen espazos accesibles en todos os ámbitos, a nivel individual e colectivo. Estamos dacordo, e por iso traballamos sempre con esta perspectiva. Porque en accesiblidade e igualdade, o Partido Socialista é pioneiro. Vai no noso adn. Por iso imos votar a favor da súa moción”.
O Grupo Socialista tamén se amosou a favor de instar á Comisión Mixta de Xustiza e aos órganos de Goberno correspodentes a realizaren as xestións necesarias para reclamar novas salas xudiciais de violencia de xénero e familia co obxectivo de axilizar os procedementos e de atender a demanda existente. O concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, indicou que “imos defender sempre a mellora da dotación dos organos xudiciais da cidade en todas as ordes”. Pero, aclarou, “sería importante manter este tipo de reivindicacións á marxe do debate político partidista”. A solución, segundo Guinarte, pasaría por “persuadir a todas as administracións de mudar os criterios ou establecer outros criterios á marxe dos existentes que posibiliten que Santiago, como capital dunha comunidade autónoma, teña esta dotación”. Todos os grupos votaron a favor, excepto o PP que se abstivo.
Por outra banda, o Grupo Socialista tamén se abstivo na moción do PP para levar a cabo distintas melloras no CEIP de Roxos. O concelleiro de Educación, Rubén Prol, sinalou que a beirarrúa, “lonxe dunha promesa de campaña, executouse e xa está dispoñible”. Respecto ao parque cuberto, defende a actuación pero aclara que é unha competencia da Xunta de Galicia.
Rubén Prol sinalou, en tono irónico, que hai dous gobernos: “o goberno municipal e o goberno que executa 5,8 millóns de euros en competencias que lle corresponden á administración auonómica. Esa é a realidade do que vive día a día cada un dos departamentos do concello, e tamén o de Educación”. Engadiu que “este concelleiro recorda cales son as competencias que lle corresponden, porque para iso existe un convenio asinado coa FEGAMP; no que se dividen esas competencias. Porque o que non pode ser, é que cada concellaría de cada concello de Galicia vexa absorbido o que ten que facer” por facerse cargo das competencias da Xunta. Porque, engadiu, “nese caso, loxicamente, co sistema de financiación municipal”, o que se chegaría é á quebra deses departamentos. Continúa Rubén Prol sinalando: “eu o que defendo é, simplemente, a municipalidade, o reparto de competencias que temos asinado, e polo tanto, as obrigas de mantemento. Defendo que competencias debe asumir o departamento, e cales son as que debe asumir meramente como colaboración para a súa execución pola Xunta de Galicia”.
Recordou que, de todo o que cita o convenio da FEGAMP, “poden ver que en Roxos se executou absolutamente de todo: mantemento, xardinería, limpeza…, de todo. O que non pode ser, é que a Xunta deixe en mans dos concellos a execución do que debería ser competencia súa, dunha forma dolosa, precisamente para deixarnos sen capacidade de execución e para que poida vir a oposición en tromba, e en lugar de defender o municipalismo, defender as políticas de eliminación dos servizos públicos que é o que fai a Xunta de Galicia a través do seu desleixo nos concellos. Iso é ao que xoga a oposición de esquerdas en Santiago de Compostela; da man do Partido Popular”, finalizou.
O voto na moción para que se garante o exercicio do dereito á información para a funcion de fiscalización e control do goberno por parte dos grupos municipais da oposición, foi de abstención. O concelleiro de Relacións Institucionais, e portavoz do Grupo Socialista, Sindo Guinarnte, sinalou que o “dereito á información é a participación política son dereitos fundamentais recoñecidos na Constitucion e na Carta de dereitos fundamentais da Unión Europea”. Nese sentido foi contundente: “nós non estamos vulnerando ningún dereito fundamental estamos cumprindo o que establece a este respecto o regulamento orgánico municipal”. Recordou que ese regulamento distingue entre o libre acceso a documentos administrativos e o acceso privilexiado que lle corresponde aos membros da corporación municipal, pero “hai que concretar de forma previsa o obxecto” da consulta, “e deberá priorizarse co traballo dos departamentos municipais”.
O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, defendeu a abstención do Grupo Socialista na moción de Compostela Aberta na que solicitaban mecanismos de diálogo coas e cos traballadores da empresa municipal de TUSSA e a súa representación sindicial. Muíños recordou que a pasarela non está rematada, e que a estación non está aínda recepcionada por parte do Concello. “Obviamente, ao non estar recepcionada non está feito o encargo á empresa”. A pesar diso, continuou o concelleiro, “estamos traballando desde os distintos departamentos nese encargo de xestión á prensa para que se poida facer cargo da estación e da pasarela”. Neste senso, recordoulle a CA que “foi unha mágoa que no convenio asinado non se tivera en conta o mantemento da pasarela”.
Gonzalo Muíños confirmou que “están garantidos os postos de traballo”, e que esa xuntanza cos traballadores, xa se mantivo. Recordou que TUSSA ten a súa xerencia que é “quen está a dialogar cos traballadores”.
Minuto de silencio
O pleno comezou cun minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia de xénero e dos falecidos pola COVID. A continuación interviron Xosé Palacios, en representación plataforma veciñan en defensa do parque Begoña Caamaño; Marta Pazo, en representación da plataforma Pensionistas Compostela; e María de La Fuente, da ANPA do CEIP López Ferreiro.
O punto 2, da aprobación definitiva da modificación puntual do PXOM en execución de sentenzas anulatorias do polígono 11, no Castiñeiriño; e o punto 3, de aprobación definitiva da modificación puntual do artigo 21 (ordenanza 4B) da normativa parcial de ordenación do SUP 6. Santa Marta, que contaron cos votos a favor do Grupo Socialista e de Compostela Aberta, e as abstencións de PP e BNG.
Emisión do pleno do 25 de marzo de 2021
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela