Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, amosaron o seu compromiso coas industrias culturais e creativas avanzando aínda máis na programación e diversificación de actividades culturais; e impulsando a creación dun polo cultural. Para elo contarase coas infraestruturas xa existentes, mellorando unhas e redefinindo outras, para poñelas a disposición da creación cultural e do diálogo das artes; dun proxecto de residencias artísticas que inclúa, entre outros aspectos, formación, un hub creativo, coworking ou exhibición.
Aspectos, todos eles, que formarán parte do primeiro “Plan Estratéxico de cultura” que se está elaborando. Porque é necesario planificar os próximos anos de acción cultural pública do Concello, avaliar e “repensar as políticas e situalas no lugar central de elemento cohesionador, promotor da igualdade, da accesibilidade cultural e de peza elemental no benestar da cidadanía. Sen esquecer que a importancia do sector cultural e creativo na economía da cidade vai en aumento, non só como motor económico senón como elemento de creación de redes de cooperación sustentables e dinámicas”, segundo explicou Mercedes Rosón.
O primeiro paso foi a realización das diagnoses e marco estratéxico da Axenda 2030, onde a cuestión cultural é un elemento transversal. A partir de aí, e unha vez avaliados os resultados, toca construír os plans sectoriais e o plan cultural.
Segundo sinalou a concelleira de Acción Cultural, a intención era telo iniciado antes, pero as circunstancias, a causa da crise sanitaria, cambiaron as prioridades. Obrigaron a reprogramar todos os espectáculos e actividades para que a cultura non esmorecer. E conseguiuse. En 2022 contabilizáronse 429 actividades organizadas por Compostela Cultura, un 48%% máis respecto do 2021. A media de asistentes por espectáculo foi de 207 persoas, fronte ás 161 de 2019, antes da pandemia. E tamén obrigaron a rescatar ao sector cultural con axudas ás actividades culturais, por un importe de case un millón de euros. En 2021 beneficiáronse 32 entidades culturais, que percibiron en conxunto, 554.992 euros. E en 2022, outras 23 asociacións, entre as que se repartiron 413.565 euros.
Santiago foi, como lembrou Mercedes Rosón, a primeira cidade de Galicia en elaborar un protocolo de actuación para eventos culturais e a primeira cidade de España en celebrar un evento despois do estado de alarma, a Feira do Libro. A concelleira destacou, ademais, a recuperación do espazo público para “a nosa memoria histórica”, e tamén, “desde unha perspectiva de xénero”, con espazos adicados a, entre outros autores, Federico García Lorca, Isaac Díaz Pardo, Carlos Maside, Ánxel Casal, María Miramontes ou Xohana Torres; así como con roteiros literarios e históricos pola cidade, “nos que se esgotan as prazas”.
O seguinte reto, sinalou o alcalde é a creación dun Museo da Cidade; e “potenciar a dimensión cultural do patrimonio”, abrindo a visitantes locais, en condicións preferenciais; e ao turismo, ámbitos que hoxe permanecen velados, como igrexas e conventos ou a bibliotecaa universitaria, en colaboración coa USC, o arcebispado ou as ordes relixiosas.
Na súa intervención, Sánchez Bugallo subliñou que a proposta de taxa turística realizada polo Concello, destina un 50% a rehabilitación, un 20% a pagar os sobrecustes dos servizos prestados, como a limpieza e recollida de lixo; e un 30% destinarase a programación cultural.
Neste momento, Santiago, segundo indicou Mercedes Rosón, “respira cultura por todas partes”. Ás 429 actividades de música, artes escénicas, artes visuais, didáctica e cinema (Curtocircuito e Cineuropa) organizadas en 2022 por Compostela Cultura asistiron preto de 90.000 persoas. Os programas de música e artes escéncias medraron un 29% en asistencia. A concelleira destacou, sobre todo, o importante papel da Banda Municipal de Música de Santiago, que cada vez está conectando máis coa xente moza; e da Real Filharmonía de Galicia.
Unha cultura diversa, accesible (coa maior parte de espectáculos de balde), á que se suman as actividades das asociacións culturais, coas que tamén colabora o Concello; e as programadas nos Centros Sociocultuais, que son a base da diversificación cultural por todo o territorio. Pero, engadiu, “todo se pode mellorar. Agora cómpre impulsar a industria cultural, o apoio a creación, para facer da Santiago a capital da Cultura de Galicia”.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela