Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, lamento hoxe o voto en contra do PP á proposta para construír un Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela. Díaz presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Educación do Parlamento que foi rexeitada polo PP a pesares das declaracións supostamente a favor do seu candidato á alcaldía, que “quedan en papel mollado”.
A responsable socialista lamentou que o candidato do PP, que tamén é deputado, evitara participar no debate, e nin sequera asistir á xuntanza da Comisión, co que as súas declaracións “puramente electoralistas” demostran que “todo cabe en época electoral”. Advertiu que “a credibilidade que teñen é ningunha”, e reclamou que “non sigan facendo promesas que non pensan cumprir”.
Lamentou que o PP presentara unha emenda para reducir a iniciativa e pedir “un estudo” do goberno para facer esta infraestrutura, evitando comprometerse con esta necesidade para a cidade, co que evidencian que “o que pretenden é non construír un novo conservatorio de Danza, e moito menos na cidade de Compostela”, nin sequera adiando o compromiso ata o ano 2025.
Salientou o alto apoio social desta demanda, que foi avalado por preto de 5.000 sinaturas recollidas pola Plataforma en apenas un mes, e ratificada pola Federación de Anpas. Esta petición foi secundada polas escolas e profesionais do mundo da danza, os sindicatos do ensino das distintas mesas de Educación, dos grupos municipais no Concello e dos grupos parlamentarios, un consenso do que ata agora se tiña apeado o PP.
A parlamentaria socialista sinalou que a infraestrutura “suporía unha oportunidade magnífica para todas aquelas persoas que desexen formarse en danza e non teñan a posibilidade de se trasladaren á cidade de Lugo”, onde está o único conservatorio profesional de danza dependente da Xunta, ou a Coruña, onde se atopa o Conservatorio dependente da Deputación.
Explicou que “a situación xeográfica privilexiada da capital galega abriría as portas non só á cidadanía compostelá e da contorna, senón tamén doutras partes de Galicia”, e supón unha “infraestrutura educativa básica para a cidade”.
Noa Díaz lembrou as conclusións da xornada sobre o estado da danza en Galicia organizada hai dous anos polo Consello da Cultura Galega, no que propoñían incluír a disciplina no sistema educativo logo de analizar a situación dun sector “non o suficientemente atendido”.
Como mostra desta desatención citou á lentitude do goberno galego, que leva dous anos para aprobar o Plan Integral de Danza de Galicia, do que “nada sabemos” máis alá do descontento de boa parte do sector, que se desmarcou do proxecto polas maneiras amosadas pola Consellería.
A parlamentaria socialista pediu profesionalizar unha disciplina que conta cun “enorme interese por parte da cidadanía e unha gran demanda na cidade de Santiago”, como demostra que hoxe hai máis de 1.700 persoas matriculadas en 12 escolas privadas da cidade.
Noa Díaz defendeu o papel dos conservatorios como “dotacións e contedores culturais que, ademais de achegar valores educativos e artísticos, supoñen unha oportunidade laboral para os seus alumnos”. Fixo valer ademais o forte peso cultural de Compostela, a súa cualidade de cidade universitaria e unha situación xeográfica privilexiada que abriría as portas á cidadanía doutras partes de Galicia.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela