Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O Grupo Municipal Socialista reivindicou hoxe e tamén celebrou, o día do Orgullo con distintos actos organizados desde o Concello de Santiago, como o descubrimento dunha placa na Praza 8 de Marzo, coa inscrición “San Pedro. Barrio Amigable LGTBIQ+, e a lectura do “Manifesto Institucional con motivo da celebración do orgullo LGTBIQ+ 2022. Compostela Cidade Diversa”.
Descubrimento da placa
A placa foi descuberta polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e por Santiago Abal, autor da iniciativa, aprobada en pleno, que recibiu ademais o apoio de máis de 1.200 sinaturas de veciñanza e negocios da zona.
San Pedro, barrio amigable LGTBIQ+
Unha vez descuberta a placa, procedeuse, a lectura do “Manifesto con motivo da celebración do orgullo LGTBIQ+ 2022. Compostela Cidade Diversa”, do que se desmarcou o PP, que non o subscribiu. Comezou Santiago Abal. A continuación foi a quenda dos portavoces dos grupos Municipais do BNG, Goretti Sanmartín; de Compostela Aberta, Marta Lois; e do PSdeG, Sindo Guinarte. A lectura pechouna o alcalde, Sánchez Bugallo.
No manifesto, destácase, entre outros puntos, o compromiso de Santiago de Compostela, cidade de liberdade para as persoas LGTBIQ, e libre de LGTBIQfobia, coa “universalidade dos dereitos humanos e o rexeitamento de calquera apelación a valores ideolóxicos, culturais, tradicionais e relixiosos para xustificar calquera tipo de discriminación”. Tamén se condena “calquera forma de violencia e discriminación contra gais, lesbianas, bisexuais, transexuais, intersexuais e demais membros do colectivo LGBTIQ+” e se celebran os avances logrados estes anos nos dereitos das persoas trans, coma a aprobación no dia de onte da “Lei Trans”. Tamé se recoñece o “traballo das asociacións, colectivos e activistas LGBTIQ+ e se apoian todas as súas accións “encamiñadas á defensa da igualdade e á loita contra a discriminación das persoas LGBTIQ; e se acorda iniciar, polos tres grupos da Corporación presentes na lectura do manifesto, Grupo Socialista, Compostela Aberta e BNG, a posta en marcha dun Centro LGTBI na nosa cidade.
O alcalde con Santiago Abal momentos despois de descubrir a placa. Á dereita os voceiros de CA, BNG e do Grupo Socialista
Outro momento do acto
O manifesto sinalaba expresamente que “estamos traballando, e debemos seguir facéndoo por un mundo de absoluto respecto, liberdade e igualdade. Durante estes últimos meses, o Goberno mostrou o seu firme compromiso co avance no recoñecemento dos dereitos das persoas LGTBIQ+ mediante a adopción de distintas medidas. Entre elas a creación, por primeira vez na historia do noso país, dunha Dirección Xeral de Diversidade Sexual e Dereitos LGTBIQ+; a constitución, tamén por primeira vez, do Consello de Participación das Persoas LGTBIQ+, coa finalidade de institucionalizar a colaboración e fortalecer o diálogo permanente entre as Administracións Públicas e a sociedade civil en materias relacionadas coa igualdade de trato e non discriminación das persoas LGTBIQ+; ou o impulso dun paquete normativo para promover a igualdade real e efectiva das persoas trans e a non discriminación por motivos de orientación sexual, identidade ou expresión de xénero ou características sexuais. Medidas que se suman á aprobación, onte, 27 de xuño, polo Consello de Ministros da “Lei Trans e de Dereitos das persoas LGTBI”.
Destaca o manifesto que “Santiago, e sentímonos moi orgullosos diso, tamén é unha cidade de liberdade para as persoas LGTBIQ, e libre de LGTBIQfobia. A moción conxunta aprobámola todos os grupos da Corporación, en xullo do ano pasado. Foi un gran paso para que Compostela, sexa, agora e no futuro, unha cidade libre e igualitaria”
Foto de grupo
O portavoz do Grupo Socialista, Sindo Guinarte, durante a lectura do manifesto
A lectura do documento rematouna Sánchez Bugallo, quen afirmou que “non son posibles políticas de igualdade sen os concellos e reivindicamos a necesidade de dotar as Entidades Locais de financiamento suficiente para levar a cabo as competencias nesta materia que nos permitan asegurar a implementación adecuada de todas as iniciativas necesarias para garantir a igualdade efectiva das persoas.
Convidamos a toda a cidadanía a sumarse a esta celebración e reivindicación da diversidade e a liberdade. A esta homenaxe a todas as persoas que loitaron e as que seguen loitando para acadar unha sociedade máis xusta, máis igual, máis diversa, máis igualitaria e máis respectuosa cos dereitos humanos”, finalizou o alcalde.
A continuación, para pechar a xornada, tivo lugar, como en anos anteriores, a manifestación do Día do Orgullo, que saiu da Praza 8 de marzo e percorreu o centro da cidade.
MANIFESTO INSTITUCIONAL CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO ORGULLO LGTBIQ+ 2022. COMPOSTELA CIDADE DIVERSA
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela