Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O Grupo Municipal Socialista presentará no pleno do vindeiro 29 de xullo unha moción que ten como principal obxectivo acadar o máximo consenso entre os distintos grupos da oposición para convertela en declaración institucional e declarar a Santiago de Compostela como zona de liberdade para as persoas LGTBIQ, e libre de LGTBIQfobia.
Coa finalidade de acadar este consenso, a moción foi trasladada ao resto de grupos da Corporación Municipal. A moción sinala que “debido ao auxe dos discursos homófobos promovidos polos partidos de extrema dereita, a situación actual da comunidade LGTBIQ nalgúns países, está sendo atemorizadora, sufrindo esta comunidade o aumento da súa persecución e das agresións LGTBIQfóbicas. Uns discursos que levan a ataques como os acontecidos en Santiago de Compostela, na fin de semana do pasado 20 de xuño, cando apareceron varios paneis destrozados da exposición promovida con motivo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas. Uns actos vandálicos e un delito de odio, condenado polo goberno municipal e polo pleno da Corporación Municipal a través dunha moción conxunta. E agresións como a sufrida por unha muller trans, a principios de mes, na rúa de San Pedro”.
A moción tamén recolle que “os dereitos das persoas LGBTIQ son dereitos humanos e que o dereito á igualdade de trato e á non discriminación é un dereito fundamental recollido nos Tratados da UE e na Carta e debe respectarse plenamente”; e faise eco de distintas resolucións adoptadas nos últimos anos por países como Polonia ou Hungría, que discriminan directa e indirectamente ás persoas LGBTIQ, e teñen como consecuencia directa o aumento dos actos de violencia, intolerancia e incitación ao odio dirixidas contra as persoas LGBTIQ ou contra as persoas consideradas LGBTIQ, segundo un estudo elaborado pola Axencia da Unión Europea polos Dereitos Fundamentais en maio de 2020.
O texto destaca que “a loita contra a desigualdade na UE é unha responsabilidade compartida, que require esforzos e accións conxuntas en todos os niveis de goberno e, en particular, por parte dos organismos locais e rexionais, aos que se lles chama un papel fundamental”. Por iso, se insta ao Pleno da Corporación a declarar o Concello de Santiago de Compostela como zona de liberdade para as persoas LGTBIQ, e libre de LGTBIQfobia; e a comproeterse coas políticas públicas para promover e protexer os dereitos das persoas LGTBIQ.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela