Subscríbete ao noso boletín
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela
O Grupo Municipal do PSdeG_PSOE e o de Compostela Aberta asinaron hoxe o acordo para os orzamentos do 2022. O documento estrutúrase en base a tres eixos fundamentais que explican os obxetivos para avanzar na recuperación económica e social de Santiago, a vontade de continuar co cumprimento de acordos anteriores, e en novas medidas de cara á recuperación de Compostela, despois da crise sanitaria vivida.
O documento, asinado polos voceiros do Grupo Municipal Socialista, Sindo Guinarte; e de Compostela Aberta, Marta Lois, sinala que “na actual situación económica e social é imprescindible que as distintas forzas políticas representadas na corporación de Santiago de Compostela se esforcen en acadar acordos comúns que supoñan un pulo para a recuperación de Compostela, mentres a sociedade no seu conxunto loita por ir saíndo da situación pandémica causada pola COVID-19 e as súas variantes”. E engade: “mantivemos un diálogo construtivo, pensando sempre no interese do noso municipio, e na mellora das vidas das nosas veciñas e veciños”.
Segundo se explica no texto, “seguimos apostando polas políticas públicas locais como ferramenta imprescindible para avanzar cara a xustiza social que logre rematar con todos os tipos de desigualdade que sofre a nosa sociedade. Tamén cremos que esta recuperación non pode realizarse sen axudar aos sectores máis afectados pola crise da COVID-19 e sen deixar a ninguén atrás. Así mesmo, para lograr ditos obxectivos, vemos imprescindible acadar unha administración máis moderna e conectada coa cidadanía, á vez que se prestan novos e mellores servizos. E tamén concordamos na necesidade de ir construíndo as bases do Santiago de Compostela do futuro”.
O primeiro eixo en torno ao que se estrutura o acordo é o de “unha base sólida e común para lograr a recuperación económica e social de Santiago, pensando na cidade que queremos no futuro”. Un eixo no que se enumeran “cuestións fundamentais para a cidade” nas que existen puntos de encontro. Son as políticas sociais e de igualdade, as instalacións educativas, a mellora nos barrios, os investimentos no rural, os equipamentos deportivos, ou plan de reindustrialización.
O segundo eixo, recolle medidas como a integración da Praza do Matadoiro no Parque de Belvís, a cuberta do pavillón municipal do CEIP Quiroga Palacios, parques biosaudables, a humanización do Campus, o plan de accesibilidade universal àra a mellora da accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas dos distintos barrios da cidade.
En canto aos novos acordos, incorpórase unha partida para a “Vía verde de Compostela”, retómanse os orzamentos participativos e impulsaráse un “Plan municipal de canguraxe”.
Na sinatura tamén estiveron a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal; e a edil María Rozas. Ambas participaron nas negociacións do proxecto de orzamentos para 2022.
Recibe no teu mail cada semana un resumo das novidades no PSdeG Santiago de Compostela